O Concello da Coruña fará unha retirada "lúdica e cultural" das placas franquistas

Xuntanza do alcalde Ferreiro coa CRMH © Concello da Coruña

Unha retirada das placas franquistas que aínda se manteñen nalgunhas rúas da Coruña "lúdica e cultural". O goberno local da Coruña prevé aplicar os acordos municipais para cambiar o nome das rúas que enxalzan a ditadura ou figuras vinculadas ao fascismo realizando tamén  homenaxes ás vítimas da represión e procurando causar "os menores problemas posibles" aos veciños. 

O Concello acorda coa CRMH elaborar un calendario de retirada nos vindeiros cen días e consultar cos veciños as novas denominacións das rúas

Así o acordou o alcalde Xulio Ferreiro coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) logo de que el e o concelleiro de Cultura, José Manuel Sande, mantivesen unha xuntanza con representantes desta entidade que leva anos traballando pola retirada da simboloxía franquista na cidade. Os cambios non teñen data aínda, pero o Concello elaborará un calendario nos vindeiros cen días para levalos a cabo e ten previsto tamén consultar aos veciños para decidir as novas denominacións das rúas. Aínda que xa propuxera unha serie de denominacións alternativas, a CRMH dixo que "non podía estar máis de acordo" co propósito de implicar a xente na elección das alternativas. 

"Pode ser que nos vindeiros tempos A Coruña deixe de ser a capital da simboloxía franquista, desde a CRMH saudamos este día, onde parece que hai outra luz que alumea as rúas da cidade", di a CRMH, que cre que "a sombra do franquismo está esmorecendo". "Vai rematar a vergoña de que a nosa urbe sexa unha das capitais de provincia con máis nomes franquistas", asegurou. 

"Vai rematar esta vergoña; a sombra do franquismo está esmorecendo", celebra a CRMH da Coruña

O executivo da Marea Atlántica cumprirá así unha promesa electoral, pero tamén o compromiso que todas as forzas progresistas que se presentaron ás eleccións do pasado 24 de maio adquiriron hai tres meses coa CRMH.  Avenida e peirao de Calvo Sotelo, praza de José Toubes, avenida Salgado Torres, peirao Almirante Vierna, Diego Delicado Marañón, rúa Disciplina, avenida de Primo de Rivera ou rúa División Azul. Son máis de vinte as denominacións vencelladas ao réxime franquista que permanecen no rueiro da Coruña, así como placas conmemorativas nalgún grupo de casas ou un baixorrelevo na sede do Concello que recorda a visita á cidade de Franco en 1939.

O apoio da Marea, o BNG e o PSdeG á retirada da simboloxía fascista aseguran o cambio dunhas placas que, mesmo legalmente, hai tempo que xa non deberían estar na cidade. Hai case seis anos, en setembro de 2009, o pleno municipal aprobou un acordo polo que se obrigaba á eliminación de 52 símbolos franquistas da cidade, entre eles o nome de 23 rúas, ademais de 4 placas en grupos de vivendas, 21 distincións honoríficas e outros 4 monumentos. Os votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP fixeron posible o devandito acordo, do que pouco se soubo máis alá da colocación simbólica de novas placas que debían substituír as anteriores -como o caso da avenida de Oza en lugar de General Sanjurjo- e que acabaron por ser retiradas para manter a denominación anterior. O Concello licitara incluso por máis de 70.000 euros os traballos de retirada da simboloxías franquista e publicitara uns bosquexos sobre a futura imaxe das novas placas.

O goberno local da Coruña incumpre a Lei de Memoria Histórica e mesmo un acordo plenario de hai seis anos

Ante este desleixo, o xulgado do contencioso-administrativo número 4 da Coruña admitiu a trámite o recurso interposto pola CRMH contra o Concello polo incumprimento dos acordos municipais do propio goberno local e por incumprir a Lei da Memoria Histórica, aprobada en 2007, e que exixe a retirada de todo tipo de simboloxía franquista por parte das administracións. Axiña debería haber sentenza, malia que o seu propósito xa estará acadado. Agora, a Comisión debaterá se retira as demandas presentadaslogo de que se confirmase o compromiso do goberno local de cumprir a lexislación. 

Á espera do ditame do xulgado sobre a demanda da CRMH, a retirada das placas franquistas desactivará outras, como a que recaeu sobre o aínda alcalde da Coruña, Carlos Negreira, que foi denunciado polo avogado madrileño Eduardo Ranz Alonzo xunto a outros seis rexedores galegos máis e o arcebispo de Santiago e os bispos de Ourense e Tui-Vigo polo mantemento de simboloxía fascista.

Placa da rúa División Azul na Coruña CC-BY Drow male
Xuntanza do alcalde Ferreiro coa CRMH © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.