Dia do Orgullo LGTBI: Bandeiras nas fachadas e propostas para seguir gañando dereitos

A bandeira arco da vella pendurada da fachada de María Pita © Concello da Coruña

O Día do Orgullo LGTBI, que se celebra este domingo, será máis visible ca nunca, cando menos nas fachadas dos concellos galegos. Os cambios de goberno que se produciron tralas eleccións do 24M levan a que a bandeira arco da vella estea presente nos edificios municipais da Coruña, Santiago, Ferrol, Lalín, Cedeira ou Muros, entre outras localidades, e tamén na de Pontevedra, como xa viña sucedendo en anos anteriores.

Na Coruña a bandeira poderá verse en María Pita durante os catro días que duran as actividades programadas polo Día do Orgullo, e será retirada o martes pola mañá. En palabras de Rocío Fraga, concelleira delegada de Igualdade e Diversidade, o xesto significa "o compromiso do Goberno local coa loita polos dereitos deste colectivo", un compromiso no que o Concello traballará, subliñou Fraga, "non só en datas destacadas, senón todo o ano".

En Compostela, a bandeira foi izada este venres pola mañá, trala xuntanza mantida entre o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, con representantes da asociación Ultreia LGTBI. Tamén o Concello de Ferrol recuperou a tradición de pendurar a bandeira con motivo do Día do Orgullo, despois de que non se fixese nos últimos anos. O concelleiro de Cultura Suso Basterrechea destacou o "esquecemento" que o colectivo LGTBI veu sufrindo por parte do Goberno municipal.

O Concello de Lalín uniuse por vez primeira a esta celebración, destacando o seu alcalde, Rafael Cuíña, que “Lalín quere ser exemplar na reivindicacións dos dereitos e na defensa das liberdades sociais” e que é “un concello de mente aberta e estes colectivos deben saber que esta é a súa casa e que o goberno municipal vai ser garante de que se sintan representados”.

 

Reivindicacións

Nos últimos anos houbo en España un moi importante avance a nivel lexislativo e tamén social de cara a acadar a igualdade de dereitos para a comunidade LGTBI. Non só a través da moi simbólica legalización do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, en 2005, e que dende entón se foi aprobando en moitos outros países de Europa e América, senón a través doutras pequenas vitorias, coma a lei contra a discriminación de gais, lesbianas, transexuais e intersexuais aprobada o pasado ano no Parlamento galego.

O Día do Orgullo foi sempre un acto de celebración e de visibilización e tamén de reivindicación. Os colectivos sociais LGTBI lembran que aínda hai moito camiño por percorrer, por suposto noutros países, nos que as persoas homosexuais son aínda perseguidas, excluídas, encarceradas ou mesmo asasinadas, pero tamén en Galicia e en todo o Estado Español.

O colectivo compostelán Ultreia LGTBI demanda unha modificación da norma aprobada o pasado ano no Parlamento, unha norma que -din- "non reflexa as nosas necesidades, que non sanciona os delitos de LGTBIfobia e que segue a ignorarnos ao non darnos os mesmos dereitos que ao resto de cidadáns". Piden, por exemplo, medidas para "garantir os dereitos individuais ás persoas maiores LGTBI para que poidan vivir fóra do armario". Reclaman tamén garantías para que as persoas transexuais non sofran atrancos innecesarios no sistema sanitario público, o acceso en igualdade aos process de reprodución asistida para as mulleres lesbianas, bisexuais ou soas.

Reivindican igualmente "que se abra un debate legal sobre a xestación subrogada en España e que os bebés nacidos fóra do país poidan adquirir a nacionalidade española sen trabas burocráticas e acceder aos mesmos servizos que o resto de nenos". Demandan, finalmente, campañas de sensibilización e políticas orientadas cara á erradicación da LGTBIfobia no rural.

De igual xeito, o PSdeG-PSOE anunciou que no primeiro pleno ordinario do Concello de Santiago presentará unha moción de medidas para a "normalización, visibilización e integración plena das persoas LGTBI na cidade" centradas sobre todo na "formación, información e sensibilización" nos centros de ensino ou entre a Policía. Así mesmo, propoñen programas específicos para persoas maiores LGTBI e para as que viven no medio rural.

A bandeira, no Concello de Santiago Dominio Público Xan Duro
Tamén no Concello de Lalín © CxG
A bandeira, en María Pita, con algúns concelleiros representantes dos catro grupos municipais. © Concello da Coruña
A bandeira, no Concello de Pontevedra Dominio Público Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.