140 mil persoas, sen auga potable en Ferrolterra

A auga embotellada esgotouse antes do mediodía en todos os supermercados de Ferrol Dominio Público Praza Pública

Os e as habitantes dos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Mugardos, ao redor de 140 mil persoas, non dispoñen de auga potable nos seus fogares, despois de que un elevado nivel de trihalometano obrigase as autoridades a recomendar evitar o consumo da auga da billa. O trihalometano é un composto que se produce nos procesos de potabilización por unha reacción da materia orgánica co cloro. Sospéitase que a falta de chuvia provocou un incremento da materia orgánica presente na auga que chega á depuradora de Catabois dende o encoro das Forcadas.

A situación foi detectada o pasado 6 de xullo nas análises que periodicamente realiza a Xunta e quedou pendente de ser contrastada por unha nova proba. Nese momento rexistráronse 180 microgramos por litro, cando o máximo legal permitido son 100. Este luns, 13 de xullo, unha segunda análise confirmou que os niveis de trihalometano superaban os límites autorizados, pero xa se reduciran a 103 microgramos por litro. Ferrol e Narón realizarán dende este xoves análises diarias destes niveis e, en principio, espérase que a situación volva aos niveis legais en dous ou tres días.

A situación provocou un inmediato desabastecemento de auga enbotellada en todos os supermercados da cidade, pois desaconséllase o uso da auga da billa non só para o consumo directo, senón tamén para cociñar. Si se pode usar, no entanto, para ducharse, fregar os pratos, limpar verduras e froitas ou para lavar os dentes. 

Aínda que os trihalometanos poden ter unha incidencia moi negativa no organismo, con casos de cancro de vexiga e graves afeccción para embarazadas, farían falla varios anos de consumo continuado de auga cos niveis detectados en Ferrolterra para que houbese algunha posibilidade de prexuízo. De feito, hai algúns anos xa se rexistraron niveis semellantes na comarca, pero nese momento os máximos legais eran superiores aos actuais e non houbo unha recomendación pública para limitar o consumo de auga.

O Concello da Coruña puxo a disposición do de Ferrol e os súa comarca os recursos de Emalcsa (empresa municipal de augas da Coruña), os seus técnicos de augas e o seu laboratorio. O alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, telefoneou o de Ferrol, Jorge Suárez, para ofrecerlle esta colaboración, ofrecemento que lle pediu transmitise tamén ao resto de concellos afectados. Desde o Goberno local da Coruña e Emalcsa comunicaron tamén que esta axuda será completamente gratuíta, aplicando o principio de solidariedade e cooperación entre concellos.

A auga embotellada esgotouse antes do mediodía en todos os supermercados de Ferrol Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.