Centos de brigadistas alertan de que "Galicia non está preparada" para unha vaga de incendios

Manifestación dos traballadores forestais, este verán, en Compostela Dominio Público Praza Pública

"Quen apaga o lume? Somos nós e non a UME". Centos de traballadores forestais manifestáronse este mércores en Compostela en denuncia da "situación de desmantelamento" do Servizo Público de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF), pertencente á Consellería do Medio Rural, e alertando de que Galicia "non está preparada para afrontar unha vaga de incendios". Os sindicatos convocantes -CIG, CCOO, UGT e CSIF- demándanlle á Consellaría a apertura dunha mesa de negociación.

Afirman que tras esta mobilización "a pelota está no tellado da Consellaría". "Se segue desoíndo o clamor expresado hoxe, de xeito maioritario e pacifico, por parte dos traballadores do SPDCIF, confirmaría que prefire o conflito a buscar a solucións aos problemas que ten o Servizo e os seus traballadores/as", sinalou CC.OO. Pola súa banda a conselleira Rosa Quintana negou que se producira desmantelamento e afirmou que a finais deste mes haberá 267 brigadas municipais traballando no monte.

 

Desmantelamento do servizo

As centrais sindicais salientan que o SPDCIF "foi sempre un modelo de referencia en toda España, tanto pola súa efectividade como polo seu carácter cen por cen público"

As centrais sindicais salientan que o SPDCIF "foi sempre un modelo de referencia en toda España, tanto pola súa efectividade como polo seu carácter cen por cen público ao servizo da cidadanía na protección do medio natural de Galicia". Porén, denuncian que "o actual goberno da Xunta leva anos definindo un modelo de prevención e extinción de incendios que se basea na irresponsable fragmentación do dispositivo a través dun complexo entramado de organismos, empresas e institucións" que está "prexudicando gravemente" a súa eficiencia. Sinalan que "o desmantelamento paulatino que o goberno da Xunta está a levar no SPDCIF" está a "comprometer o traballo dos profesionais" provocando unha "precarización" das súas condicións laborais.

Os traballadores forestais alertan de que esta situación coincide nun momento de "perigo" en materia de incendios forestais, por mor da falta de chuvias e o predominante vento do nordés, sumada "á ausencia dunha política de prevención de incendios que evitase a gran cantidade de combustible que na actualidade hai no monte". As organizacións sindicais denuncian que "non se realizou a prevención en inverno", e que "os bulldozer están a limpar os cortalumes no lugar de estar en retén, co que isto fai que tarden máis de tres horas en chegar ós lumes". "Cando chegan, ós lumes teñen unhas dimensións xa importantes", din.

As organizacións sindicais denuncian que "non se realizou a prevención en inverno"

"A Xunta segue a mentir descaradamente argumentando que o operativo está listo, pero a realidade é outra", afirmaron os sindicatos antes da manifestación. "As brigadas dos concellos que constan no Pladiga aínda non están operativas, retrasouse o inicio das brigadas de Seaga ata o 16 de xullo e continúan sen cubrir as baixas, xubilacións e postos vacantes do dispositivo propio da Xunta", explicaron. "As consecuencias de todo isto son que os lumes se apagan con brigadas de 2 ou 3 compoñentes, poñendo en perigo a seguridade de todos", din. Denuncian, finalmente, que "por culpa da mala xestión da Xunta de Galicia teñamos que lamentar que o incendio rexistrado no concello Calvos de Randín queimara máis de 150 hectáreas no Parque Natural do Xurés".

 

Demandas

Os sindicatos demandan a convocatoria dunha oferta pública de emprego e cobertura de vacantes, o recoñecemento da categoría de bombeiro forestal, e tamén asegurar a estabilidade laboral e profesional

Os sindicatos demandan a convocatoria dunha oferta pública de emprego e cobertura de vacantes, o recoñecemento da categoría de bombeiro forestal, e tamén asegurar a estabilidade laboral e profesional. Piden , igualmente, “un gran pacto social (partidos políticos, axentes sociais, colectivos medioambientais, propietarios, industria, etc....), para quitar o tema dos incendios forestais da loita partidista”, e acadar “un gran pacto a favor do monte galego para poñer en valor o ouro verde que temos en Galicia”.

Piden “un gran pacto social para quitar o tema dos incendios forestais da loita partidista”

Denuncian que os gobernos “prefiren gastar unha inxente cantidade de cartos públicos en apagar carbóns, en vez de ir progresivamente investindo mais  en prevención, vixilancia, investigación e divulgación da importancia en conservar e protexer o medioambiente natural”. “Resulta sospeitoso que nestes anos os que seguen incrementando os beneficios son as empresas de extinción (helicópteros, vehículos e materiais para a loita contra os incendios)”, engaden.

Concentración dos traballadores forestais, hai unhas semanas en Ourense © Podemos Galicia
Manifestación dos traballadores forestais, este verán, en Compostela Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.