"O lobby taurino está sendo afogado economicamente, é necesario suprimir de vez o convenio"

Manifestación contra as touradas en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto

O vindeiro 8 de agosto (Praza da Peregrina, 20 horas) unha nova manifestación pedirá nas rúas de Pontevedra a fin das touradas na cidade, máis debilitadas ca nunca trala supresión das feiras na Coruña e Sarria e a eliminación das subvencións que ata agora viña achegando a Deputación. Falamos con Borxa González, un dos voceiros de Touradas Fóra de Pontevedra, convocante dunha mobilización que crece ano tras ano e que para a cita deste verán xa recibiu o apoio de case corenta colectivos. Nas vindeiras dúas semanas a plataforma realizará unha campaña de difusión na cidade para preparar a marcha, que terá a supresión do convenio que o Concello mantén cos propietarios da praza de touros como unha das súas principais demandas. "Queremos concienciar a toda a xente que está en contra do maltrato animal que é importante a súa asistencia para poñer máis presión sobre os organizadores da feira taurina", destaca.

Como marcha a preparación da manifestación do día 8? Notades un incremento das posicións abolicionistas na cidade?

É certo que notamos un cambio moi grande dende a primeira manifestación que convocamos en 2008, impulsada por Pontevedra Anti Touradas, con apoio de seis ou sete colectivos, e que reuniu máis ou menos a un cento de persoas. O ano pasado manifestáronse máis de mil persoas e para a marcha deste ano a día de hoxe levamos xa recollido o apoio de case 40 colectivos. No ambiente nótase que se está dando o debate. Antes non se daba, polo que moita xente non se posicionaba, pero notamos que agora, que si se está xerando a discusión, moitos se están posicionando a favor da abolición das touradas. Percibimos un avance na sensibilidade da sociedade pontevedresa e galega, e máis nunha situación de crise, que leva á xente a protestar aínda máis polas subvencións que está a recibir a praza de touros.

"O sucedido na Coruña e Sarria demostra que cun traballo constante na sociedade, acumulando forzas, se pode conseguir que a cidadanía demande de forma maioritaria a fin das subvencións"

A supresión das touradas na Coruña ten un efecto positivo para a loita que mantedes en Pontevedra?

A Coruña, e tamén Sarria, son un exemplo das cousas que se poden conseguir. É certo que neses lugares era máis sinxelo acabar coas touradas, porque dependía directamente dunha decisión dos gobernos municipais, pero hai que salientar que os gobernos anteriores non o fixeran. O sucedido alí demostra que cun traballo constante na sociedade, acumulando forzas, se pode conseguir que a cidadanía demande de forma maioritaria a fin das subvencións e que un goberno se posicione claramente. En Pontevedra sabemos que o traballo debe ser feito máis a longo prazo, porque aquí a tradición taurina está un pouquiño máis arraigada, é a única praza que hai no país. Pero si que A Coruña e Sarria nos serven de inspiración.

Que importancia ten a supresión (segundo o acordo ao que chegaron PSdeG-PSOE e BNG) das axudas económicas da Deputación á feira taurina?

Esa é unha das grandes mudanzas deste ano. O acordo ao que se chegou é importantísimo porque a Deputación era o gran valedor do lobby taurino e da feira, non só pola asistencia do presidente, senón sobre todo pola publicidade que se poñía do Patronato de Turismo das Rías Baixas. Eran subvencións directas e indirectas; non temos as cantidades exactas, porque nunca se fixeron públicas, agardemos que agora co novo goberno si se coñezan. Pero si que é importantísimo, porque o acordo pon fin ao principal valedor económico das touradas en Pontevedra, e polo tanto isto vai servir para debilitar moitísimo o lobby taurino. Este ano xa a feira ten unha corrida menos, e o ano pasado non conseguiron encher a praza ningún día, tiveron metade de entrada case sempre. Sen as subvencións a longo prazo seralles inviable manter o actual programa.

"O acordo da Deputación pon fin ao principal valedor económico das touradas en Pontevedra, e polo tanto isto vai servir para debilitar moitísimo o lobby taurino"

Queda unicamente o convenio que aínda mantén o Concello cos propietarios da praza, 45 mil euros para o aluguer das instalacións para a Feira Franca, que funcionan como axuda indirecta ás touradas. Credes que se poderá suprimir a curto prazo?

O tema do convenio vai ser un dos eixes centrais desta nova mobilización. Nun momento no que o lobby taurino está sendo afogado economicamente é moi necesario revisar ese convenio e suprimilo definitivamente. É certo que a subvención deriva dun uso da praza distinto ao das touradas, pero é obvio que o empresariado vai usar eses cartos para a organización das touradas. Ademais, o convenio outórgalles outras vantaxes, coma a explotación da cantina no torneo medieval. Hai que porlle fin a este convenio, e esixímosllo claramente ao Concello, porque sabemos que nalgún momento tivo o compromiso de acabar cos privilexios da praza de touros, e polo tanto o mantemento deste acordo non é coherente coa liña seguida hai uns anos. É unha cantidade sen a cal seguirá habendo touradas, pero que contribúe a que estas touradas se sigan celebrando.

"[O convenio do Concello] é unha cantidade sen a cal seguirá habendo touradas, pero que contribúe a que estas touradas se sigan celebrando"

Como se explica que unha forza claramente antitouradas coma o BNG, que o demostra coa súa práctica noutros lugares, manteña este convenio?

Cando o BNG entrou no goberno de Pontevedra tomou unhas medidas moi importantes: eliminou a compra de entradas e as subvencións directas, a publicidade, a asistencia institucional... Houbo un compromiso moi importante que agora están ratificando na Deputación. Polas reunións que tivemos con eles, a súa principal preocupación é o Torneo Medieval da Feira Franca. Eles argumentan que é moi necesario porque nun momento de moita afluencia de xente polo casco vello, o torneo serve para desafogar un pouco a cidade, que non atopan ningún espazo alternativo no que facelo e que usar unha praza portátil sairía moito máis caro. No último pleno dixeron que se se atopa unha solución máis barata pois anularán o convenio. Pero nós dicímoslles que o torneo comezou a celebrarse en 2007 e que o convenio existe dende 2002. Na última xuntanza que tivemos co Concello, antes das eleccións municipais, prometéronnos que ían seguir reducíndoo, ata que desapareza, pero neste último pleno non dixeron nada diso. Nese senso si que estamos un pouco preocupados porque unha organización que é antitouradas e que así o demostra con feitos, cremos que neste caso concreto non o está demostrando e non está escoitando as demandas de moitos dos seus militantes e dos movementos sociais. Confiamos que finalmente si dean pasos adiante.

"O ano que vén temos unha oportunidade de conseguir unha maioría parlamentaria que poida acabar coas touradas por lei, modificando simplemente esa excepción que existe na lei de protección animal"

A clave serán as eleccións autonómicas de 2016? Poderase conformar unha maioría parlamentaria que aprobe a prohibición da realización de espectáculos taurinos en Galicia?

Nese senso, xa existe unha fronte parlamentaria antitouradas que agrupa a AGE, BNG e á metade dos deputados do PsdeG-PSOE. Estamos ante unha grande oportunidade histórica, coincidindo cunha maior concienciación da sociedade e cun debate que se está dando sobre a continuidade das touradas no país. O ano que vén temos unha oportunidade de conseguir unha maioría parlamentaria que poida acabar coas touradas por lei, modificando simplemente esa excepción que existe na lei de protección animal. Este ano, nas municipais, houbo uns avances importantísimos, pero o ano que vén teremos esta oportunidade histórica.

Touradas en Pontevedra © Touradas fóra de Pontevedra
Cadea humana contra as touradas Dominio Público Touradas fóra de Pontevedra
Manifestación contra as touradas en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto
Manifestación contra as touradas, o pasado ano en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.