Costas ignora as alegacións da APDR e abre a porta á continuidade de ENCE en Lourizán

Factoría de Ence en Pontevedra © Ence

A Dirección Xeral de Costas, dependente do Ministerio de Medio Ambiente, vén de ratificar a vixencia da concesión de ENCE en Lourizán, tal como fixera xa no Informe propuesta de resolución inicial, aínda que sinala a caducidade da concesión nalgúns elementos secundarios. Un novo paso que achega a continuidade da pasteira na súa actual localización ata o ano 2078, ao abeiro da nova Lei de Costas. ENCE ten agora a posta aberta a solicitarlle ao Goberno central a prórroga da concesión.

ENCE ten agora a posta aberta a solicitarlle ao Goberno central a prórroga da concesión

Costas rexeita as alegacións presentadas pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Salvemos Pontevedra e mais o propio Concello e declara a legalidade das instalacións da fábrica, incluídas a planta de coxeración de enerxía eléctrica de biomasa, a planta de tratamento de augas residuais da fábrica e as súas balsas de decantación. O informe de Costas si obriga a empresa a mudar a localización dalgunhas instalacións secundarias (coma un campo de fútbol) ou de legalizar outros (coma o comedor). Tamén se obriga á Xunta a legalizar a situación da depuradoras dos Praceres.

A resolución de Costas nin sequera entra a valorar as alegacións presentadas pola APDR, con respecto ao incumprimento dos niveis máximos de contaminación, afirmando que foron entregadas fóra de prazo

A pasada semana a APDR xa anunciaba a súa vontade "de recorrer calquera resolución contraria ao interese xeral" e mesmo valoraba "acudir á vía xudicial por se de tal decisión puidera desprenderse a comisión dun delito de prevaricación". Destacaba que "no que fai á caducidade da concesión, o que está en litixio non é se ENCE cumpre ou non as condicións esixidas na súa Autorización Ambiental Integrada (AAI); nin sequera se cumpre ou non a lexislación ambiental hoxe vixente. Trátase de avaliar se ENCE cumpre ou non cos niveis esixidos na concesión no que ao parámetro DBO (Demanda Bioquímica de Osíxeno) se refire; é dicir, se ENCE superou ou non este nivel de DBO fixado". A DBO é un parámetro utilizado para medir a contaminación orgánica. A entidade concluía que "cos datos elaborados pola propia empresa, a fábrica de Lourizán incumpriu sistematicamente –e incumpre aínda hoxe en ocasións- esta condición; xa que logo, a caducidade da súa concesión é evidente".

Porén, a resolución de Costas nin sequera entra a valorar as alegacións presentadas neste senso pola Asociación, afirmando que foron entregadas fóra de prazo. O Ministerio sinala que esta documentación lle chegou o día 25, pero a APDR entregouna na Subdelegación do Goberno o día 20, dentro dos prazos fixados. Antón Masa, voceiro da APDR, confirma que a entidade recorrerá a resolución de Costas, e salienta que o Ministerio non pode ignorar o incumprimento dos niveis de DBO, pois é "o único parámetro que nas condicións de concesión está fixado de forma concreta".

Antón Masa, voceiro da APDR, confirma que a entidade recorrerá a resolución de Costas, e salienta que o Ministerio non pode ignorar o incumprimento dos niveis de DBO

Nas súas alegacións, a APDR facía fincapé, sobre todo, naqueles aspectos relativos aos incumprimentos de carácter medioambiental incluídos  polo Ministerio como causas de posible caducidade da concesión. A entidade lembraba que a condición 8ª do título concesional obriga a empresa a “adoptar todas as medidas que se lle impoñan para reducir a toxicidade das augas residuais ata os límites que permitan a vida do marisco e da pesca” e así mesmo, “todas as precaucións necesarias para evitar malos cheiros, fumes, pos, gases tóxicos e cantas circunstancias poidan ser molestas para o veciñanza e nocivas para a saúde”, unhas obrigas "que foron –e continúan a ser- incumpridas case sistematicamente ao longo da existencia da empresa na enseada de Lourizán", destacaba a APDR.

 

Apoio das organizacións de empresarios

Este martes, ademais, representantes organizacións empresariais da provincia de Pontevedra (Aempe, Aje Pontevedra, Cep, Club Financiero e Proindustria) reiteraron nun acto celebrado na Cámara de Comercio da cidade o seu apoio á permanencia de Ence no interior da ría. Ademais, celebraron a posición favorable manifestada pola Xunta de Galicia á continuidade da pasteira en Lourizán. "Dende o punto de vista económico, Galicia non se pode permitir maior destrución de emprego e é necesario apoiar empresas que cren emprego de calidade e manteñan os seus investimentos, ademais de crear riqueza", sinalaron.

Factoría de Ence en Pontevedra © Ence
A planta de Ence-Elnosa, no interior da Ría de Pontevedra © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.