A CIG únese ás centrais nacionalistas vascas e catalá para denunciar o "ataque" á democracia no Estado

Os líderes dos catro sindicatos soberanistas, en Compostela CC-BY-SA CIG

"Criminalización" e "persecución", contra eles de contra o dereito á folga. Iso foi o que denunciaron este martes en Compostela os sindicatos nacionalistas CIG, ELA e LAB (Euskadi) e Intersindical-CSC (Catalunya) nunha rolda de prensa conxunta na que tamén advertiron do contexto de "ataque" á democracia e ás liberdades que din que se vive no Estado español. 

CIG, ELA, LAB e Intersindical-CSC denuncian a "criminalización" e "persecución" que sofren nun contexto de "ataque" á democracia no Estado

Os líderes destas centrais sindicais advertiron na súa comparecencia da "deriva do réxime autoritario e antidemocrático", que ven, "especialmente, en Catalunya" e onde cren que se vive unha "auténtica excepcionalidade política". Así, nun escrito reclaman a fin da "represión" naquel territorio e a volta á "normalidade democrática" que comezaría pola "derrogación do artigo 155". Ademais, tamén demandaron a liberdade "de todos os presos políticos cataláns" e o cesamento do "acoso policial e xudicial contra cargos políticos e institucionais" nun Estado do que solicitan que recoñeza "o dereito dos seus pobos a decidir sobre o seu futuro". 

Os catro sindicatos soberanistas reclaman a fin da "represión" en Catalunya e o recoñecemento do "dereito a decidir"

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, desde o referendo do 1-O houbo un incremento da "criminalización da lexítima protesta e mobilización social", unha situación da que culpan a un PP "corrupto e fascista" e á "colaboración" de PSOE e Ciudadanos, ao que engade a "equidistancia" das "chamadas forzas políticas da esquerda española". 

Carril destacou, por exemplo, que en Galicia a CIG foi a xuízo pola demanda de Navantia pola folga nas súas auxiliares ou que os transportistas Serafín Roríguez e Carlos Rivas seguen pendentes dun indulto que non chega para evitar a cadea. "Estamos no punto de mira do réxime as organizacións políticas e sociais que representamos a vontade popular e da clase traballadora, disposta a loitar, a mobilizarse, a defender os seus dereitos e a resistir ante a decrepitude dun Goberno fracasado", asegura. "Non temos medo e, desde logo, non damos un paso atrás", engadiu.

"Non temos medo e, desde logo, non damos un paso atrás", di Paulo Carril, da CIG

Ante a situación, Carril fai un "chamamento á solidariedade" co pobo catalán e a "demostrar que a mobilización social e dos pobos e a clase traballadora é o auténtico motor que fai posible que se poida frear esta situación e defender os dereitos e a democracia".

Pola súa banda, o secretario xeral da Intersindical-CSC, Carles Sastre, referiuse á demanda da patronal contra este sindicato pola folga do pasado 8 de novembro en Cataluña, na que se reclaman 100.000 euros de indemnización "en concepto de non se sabe que". Así, identifica esta denuncia contra CSC nun "contexto de causa xeral en Cataluña" contra "o independentismo e soberanismo", así como contra "os máis básicos dereitos democráticos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.