A ONU pídelle á Igrexa que colabore nas investigacións de 'bebés roubados', con centos de casos en Galicia

SOS Bebés Robados Galicia ten máis de 200 casos rexistrados de substracións © RTVE

Hai uns días o Comité de Dereitos do Neno de Nacións Unidas emitiu unha serie de informes, centrados sobre todo nos abusos sexuais cometidos durante anos por numerosos membros da Igrexa Católica, pero tamén reservaba un apartado para analizar o roubo de milleiros de nenos e nenas acabadas de nacer, unha práctica mantida durante décadas en España, até comezos dos anos oitenta, e na que monxas, curas e institucións católicas son sinalados como algúns dos responsables.

A declaración emitida polas Nacións Unidas insta a Santa Sede "a castigar os responsables” e a “facilitarlles ás vítimas información sobre a súa filiación biolóxica” para que os nenos e nenas que foron roubadas poidan localizar os seus verdadeiros pais e nais. O informe compara o caso español, no que "centos de bebés foron separados das súas nais e vendidos por unha rede de médicos, sacerdotes e monxas a outras familias", co da Lavandaría das Magdalenas, en Irlanda, institución na que entre 1922 e 1996 nenos e nenas lles foron arrebatados a mulleres que vivían nestes asilos en estado de semiescravitude.

A declaración emitida polas Nacións Unidas insta a Santa Sede "a castigar os responsables” e a “facilitarlles ás vítimas información sobre a súa filiación biolóxica” para que os nenos e nenas que foron roubadas poidan localizar os seus verdadeiros pais e nais

Segundo esta axencia da ONU, “preocupa que, a pesar de que varias organizaciónss católicas traballan no sector das adopcións internacionais de nenos, a Santa Sede aínda non adoptou medidas necesarias para que as organizacións católicas non efectúen adopcións ilegais” e reclámalle ao Vaticano que ratifique o convenio de 1993 relativo á protección do neno e á cooperación en materia de adopción internacional.

O informe veu precedido dunha denuncia expresa realizada por algunhas da asociacións de pais e fillos afectados por esta práctica, como SOS Bebés Robados, que lle pediron á ONU que actuase, despois de que o Vaticano afirmara ante esta Comisión que a Igrexa "apoia e colabora coa investigación dos nenos roubados en España". As vítimas sinalaban que "é rotundamente falso que a Igrexa colabore coa xustiza no esclarecemento dos casos de bebés roubados; pola contra, manteñen unha actitude obstrucionista e escurantista nos tribunais". Tamén sinalaban que "non só non recoñece a implicación de parte dos seus membros na trama de compraventa de bebés na segundae metade do século XX en España, senón que "a Igrexa segue sen pedirlles oficialmente perdón ás vítimas e segue negando a súa implicación nestes feitos".

 

Máis de 200 casos documentados en Galicia

Na web da asociación pódense consultar moitas destas denuncias, con detalles sobre as datas e o lugar na que os bebés foron supostamente roubados, imaxes dos pais e nais que buscan fillos e fillas e viceversa

En Galicia a asociación SOS Bebés Robados ten rexistrados e confirmados máis de 200 casos de bebés roubados no momento do parto e entregados a familias de adopción, como destacou hai unhas semanas nunha entrevista concedida a Praza a súa presidenta Estrella Vázquez. Naquela ocasión Vázquez debullaba unha realidade difícil de describir para quen non a vivira: "Hai casos que eran os propios familiares, ou algún amigo, que andaban neste mundo, neste negocio, os que se encargaban de roubar os nenos", contaba. De igual xeito detallaba que, segundo os relatos das persoas que se achegan a falar coa súa asociación, "houbo moitos casos de nais solteiras que foron machacadas polas monxas, que as avergonzaban, que lles dicían que ían ser rexeitadas por todos por seren nais solteiras. Facíanlles un lavado de cerebro e dábanlles unha medicación que as deixaban durmidas durante un par de días. E as monxas quedaban cos cativos e dábanos en adopción". "Tamén che contan que non lles deixaban ver os cadáveres dos nenos, ou que non lles deixaban soterralos no cemiterios que os pais querían", engade.

Na web da asociación pódense consultar moitas destas denuncias, con detalles sobre as datas e o lugar na que os bebés foron supostamente roubados, imaxes dos pais e nais que buscan fillos e fillas e viceversa, ademais de comentarios sobre a forma en que os pequenos e pequenas foron substraídas e outros detalles que revelan a forma en que funcionaba esta maquinaria.

Nos rexistros atopamos casos dende a década dos 50, incluídos algúns nos que dúas irmás xemelgas foron separadas ao nacer, como sucedeu o 31 de xullo de 1959 no Hospital de Lugo ou o 6 de agosto de 1959 no Hospital provincial de Santiago de Compostela. Xa nos sesenta, pódense consultar as denuncias dunha muller roubada en 1962 na Residencia Almirante Vierna de Vigo, un varón desaparecido no mesmo ano no Hospital Provincial de Ourense, unha muller roubada en 1965 no Hogar Santo Ángel de la Guarda de Lugo, un varón desaparecido do Hospital Materno Infantil da Coruña en 1965, e varios casos máis da Coruña, Vigo e Ferrol. Varios corresponden ao Hospital Labaca da Coruña, onde se denuncia, por exemplo, que unha nena foi entregada a uns pais adoptivos por unha Hija de la Caridad, descoñecéndose a súa filiación biolóxica.

A partir dos anos oitenta, sobre todo a partir de 1982, a frecuencia dos casos redúcese. Pero hai aínda algunhas denuncias despois desa data

A meirande parte dos casos denunciados corresponden á década dos setenta, con varias denuncias de desaparicións no Hospital Nóvoa Santos da Coruña, na Cruz Vermella de Vigo, na Residencia Almirante Vierna de Vigo, no Juan Canalejo da Coruña, na residencia Nuestra Señora del Belén da Coruña, no Hospital de Caridad de Ferrol, na Casa Cuna da Coruña, ou no devandito Hospital Labaca da Coruña. A partir dos anos oitenta, sobre todo a partir de 1982, a frecuencia dos casos redúcese. Pero hai aínda algunhas denuncias despois desa data, por exemplo unha dun bebé nacido en 1987 no Hospital de Marina Naval de Ferrol, unhas xemelgas nacidas en 1989 no Materno Infantil da Coruña, ou un varón nacido en 1986 no Hospital Nicolás Peña de Vigo, nun parto atendido polas Siervas de la Pasión da Casa Cuna Santa Isabel.

SOS Bebés Robados Galicia ten máis de 200 casos rexistrados de substracións © RTVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.