A primeira proba dun dron do Exército en Rozas certifica os usos militares negados pola Xunta

O Searcher empregado polo Exército español © cazasyhelicopteros2.blogspot.com

"Materializaremos a colaboración co Ministerio de Economía e co Ministerio de Defensa para iniciar a recuperación do aeródromo das Rozas en Lugo, cun investimento de 10 millóns de euros e co obxectivo de que funcione como centro de investigación do potencial de avións non tripulados para uso civil e da súa utilidade en ámbitos como a detección de incendios, a vixilancia da contaminación ou a xestión eficiente do territorio". No debate sobre o estado da autonomía celebrado en outubro de 2014 Alberto Núñez Feijoo anunciou un investimento de 10 millóns de euros no aeródromo lugués de Rozas, ao abeiro do plan de diversificación industrial e de convenios cos ministerios de Economía e Defensa.

O pasado 12 de setembro o aeródromo galego acolleu a primeira proba dun dron do Exército en territorio español

Porén, o Goberno galego sempre se negou a recoñecer que as instalacións terían usos militares, sinalando unicamente obxectivos civís, coma os que enumerou o presidente da Xunta. AGE denunciou en varias ocasións esta situación, sinalando que os fondos servirían para o desenvolvemento en Rozas de avións non tripulados (drons) para o exército, convertendo este aeródromo nunha instalación militar. Cando o pasado 23 de decembro Feijoo asistiu á inauguración do Centro Mixto de investigación en avións non tripulados de Rozas teimou de novo en destacar unicamente os usos civís destas instalacións.

O Goberno galego sempre se negou a recoñecer que as instalacións terían usos militares, sinalando unicamente obxectivos civís

Este sábado 12 de setembro o aeródromo galego acolleu a primeira proba dun dron do Exército en territorio español (si se realizaran, por exemplo, en Afganistán, con máis dun milleiro de misións), como comunicou oficialmente o Ministerio de Defensa. Un Searcher MK II J do Exército de Terra efectuou un voo de proba durante hora e media, percorrendo unhas cinco millas, operado dende a estación de control ubicada en terra. Foi o primeiro dunha serie de voos, cuxo obxectivo é obter o certificado de aeronavegabilidade que se lles esixe a todas as aeronaves que operan dentro do espazo europeo.

Para AGE, "a realidade unha vez máis confirma as denuncias realizadas" e "deixa en evidencia a falta de respecto do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao Parlamento e a todos os galegos e galegas, ao negar durante o Debate do estado da Autonomía o que hoxe é xa unha evidencia". Para o deputado Ramón Vázquez, "resulta vergoñento" que o presidente da Xunta "continuase enganando á cidadanía pese as probas documentais presentadas por AGE nas que representantes de AIRBUS DEFECE e da empresa de misiles MBDA da multinacional EADS recoñecen que o Dron Atlante, probado en Rozas, se trataba dun UAV con fins militares en proceso avanzado de dotación de armamento"

Para AGE, "a realidade deixa en evidencia a falta de respecto do presidente da Xunta ao Parlamento de Galicia e a todos os galegos e galegas, ao negar durante o Debate do estado da Autonomía o que hoxe é xa unha evidencia"

Vázquez cualificou ademais como “inadmisible" que se empreguen "60 millóns de euros de diñeiro público para beneficiar ás multinacionais do armamento, dentro de actuacións políticas enmarcadas no emprego das portas xiratorias, como é o caso do Ministro de Defensa, Pedro Morenés, antigo directivo da Empresa EADS de armamento, fabricante do Dron Atlante”. AGE, que sinala que o Searcher MK II J, de fabricación israelí, foi empregado contra a poboación palestina, esixe do Goberno galego "que conte a verdade e aporte explicacións sobre os riscos que implican as probas con drones, tendo en conta que as bases de avións non tripulados son instalacións dun grande valor tecnolóxico, militar e estratéxico, o que as converte en destacados obxectivos militares e terroristas, implicando un risco mais que evidente para a cidadanía que se atope na súa contorna".

O Searcher empregado polo Exército español © cazasyhelicopteros2.blogspot.com
O aeródromo de Rozas © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.