A Ribeira Sacra convértese nun dos principais parques industriais do país

Encoro de San Estevo de Ribas de Sil CC-BY-NC-SA Elarequi61

A Ribeira Sacra segue viva a pesar de que se pode dicir que se converteu nun dos maiores recintos industriais do país. A ansia das eléctricas en pleno desarrollismo franquista por explotar un espazo virxe desembocou na concentración de numerosos saltos hidroeléctricos  e converteu aos ríos Sil e Miño en fornecedores da materia prima necesaria para producir milleiro de quilovatios, aínda que houbera que sacrificar valores medio ambientais e artísticos. Na actualidade hai un total de 40 centrais cunha potencia instalada de 1.523 megavatios, que aumentará considerablemente ao desenvolverse os proxectos industriais xa aprobados.

A pesar desta actividade e co paso do tempo as administracións, cando menos formalmente, trataron de salvagardar a riqueza natural da zona e declarouse o territorio parte da Red Natura 2000. Tamén os mosteiros románicos, un total de 18, foron recuperados e sinalizáronse numerosas rotas para converter a zona nun reclamo turístico do interior. Porén, e a pesar das limitacións legais, as empresas concesionarias das explotacións eléctricas non quixeron en ningún momento perder os seus dereitos e coa complicidade das administracións nos últimos anos completaron a súa rede industrial.

Iberdrola executa neste momento as obras de ampliación da central de Santo Estevo II, no concello de Nogueira de Ramuín

Iberdrola executa neste momento as obras de ampliación da central de Santo Estevo II, no concello de Nogueira de Ramuín. Trátase dunha ampliación da  orixinal central de Santo Estevo. Tecnicamente fálase dunha explotación en caverna para aumentar a capacidade da central. Fontes da compañía confirmaron a Praza que se están a investir 127 millóns de euros para conseguir 175 megavatios de potencia máis. 

As obras comezaron en 2008 e rematarán, segundo a compañía vasca, no mes de decembro. Non obstante as intervencións da eléctrica non rematan porque nos próximos meses comezará a ampliación da central de San Pedro. Neste caso o investimento a realizar é de 52 millóns de euros e un aumento de potencia de 25 megavatios. De momento xa comezaron as obras nas estradas que a eléctrica ten na zona para conseguir que todo estea operativo a final de ano.

Nos próximos meses comezará a ampliación da central de San Pedro

A pesar das obras xa aprobadas, fontes da compañía aseguraron a este xornal que “neste momento está en estudo de impacto ambiental a balsa en Santa Cristina”. De levarse a cabo esta operación entre os concellos de Parada de Sil e Nogueira de Ramuín as obras prolongaríanse por un espazo de 8 anos. Crearíase un lago artificial de 40 hectáreas e tería un potencial de produción enerxética parecido ao dunha central nuclear.

Existe un compromiso da ex ministra de Medio Ambiente, Rosa Aguilar, de non autorizar novas explotacións nunha resposta ao ex senador nacionalista, Xosé Manuel Pérez Bouza e ao PSdG-PSOE

Aínda que a compañía recoñece que está en estudo de impacto ambiental, a oposición é moi férrea e visible por parte de ecoloxistas. Tamén existe un compromiso da ex ministra de Medio Ambiente, Rosa Aguilar, de non autorizar novas explotacións nunha resposta ao ex senador nacionalista, Xosé Manuel Pérez Bouza e ao PSdG-PSOE. Os ecoloxistas preguntan agora cal será a postura do grupo popular e do ministro Arias Cañete.

 

Tamén Gas Natural

Pero Iberdrola non é a única empresa que está realizar obras nas súas centrais da Ribeira Sacra. A catalá Gas Natural Fenosa está a ampliar as centrais de Belesar e Os Peares, ambas situadas no río Miño. As obras están a provocar que o nivel dos encoros varíe por un período de dous anos ata que rematen as obras. Neste caso a inversión a realizar é de 52 millóns de euros e cando rematen as actuacións a produción eléctrica incrementarase en 265 megavatios. A compañía espera que estean operativas a principios de 2013. 

Fontes de Gas Natural anunciaron que a empresa recuperará a marca Fenosa en Galicia

Xunto a estas dúas minicentrais en marcha, a empresa ten prevista a construción de dous novos aproveitamentos hidráulicos, Peares III e Belesar III, na mesma zona. Ata o momento atópanse en fase de información pública.

Gas Natural, habilmente, acompaña as súas intervencións na Ribeira Sacra con investimentos paralelos para recuperar vellas instalacións abandonadas. Neste momento executa en Os Peares un centro de formación con capacidade para formar anualmente máis de 20.000 alumnos. Esta inversión concrétase en 8 millóns de euros e contempla a urbanización de máis de 35.000 metros cadrados. Ademais, fontes da eléctrica anunciaron que a empresa recuperará a marca Fenosa en Galicia.

Con este panorama a pretensión de converter a Ribeira Sacra en patrimonio da humanidade é imposible

Con este panorama a pretensión de converter a Ribeira Sacra en patrimonio da humanidade é imposible. Aínda que a Xunta barallou a posibilidade de presentar a solicitude, parece que non se vai concretar e os propios técnicos do Instituto para a Conservación de Monumentos e Sitios da UNESCO confirmaron a Praza que “tal como están desenvolvéndose os acontecementos a opción parece inviable”.

Encoro de San Estevo de Ribas de Sil CC-BY-NC-SA Elarequi61

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.