Can Vies: Que hai detrás das lapas?

Imaxe do desaloxo do Centro Social © El Diario

Graves incidentes entre a policía e manifestantes, varios feridos, barricadas, unha unidade móbil de TV3 e unha escavadora calcinadas, os cristais rotos do semanario La Directa e un barrio de Sants en pé de guerra -como berraban activistas e veciños- son quizais demasiadas imaxes en só dúas noites. Os altercados tras o desaloxo de Can Vies, froito do desacordo entre os seus ocupantes e o Concello de Barcelona, desdebuxan o que supuxo este centro social autoxestionado para o barrio durante máis de 17 anos de historia.

"Can Vies foi o inicio de moitos proxectos colectivos do barrio: cooperativas, asembleas, actividades..." conta Ruben, un dos integrantes da plataforma de apoio á casa, que agrupa varias entidades veciñais. Can Vies foi matriz de populares grupos de música como Pirat's Sound Sistema ou do grupo de bastoners do barrio, e era até esta semana paraugas de colectivos feministas, de asembleas de estudantes, de talleres de ximnasia ou lingua de signos e da revista de comunicación popular mensual La Burxa.

Can Vies era até esta semana paraugas de colectivos feministas, de asembleas de estudantes, de talleres de ximnasia ou lingua de signos e da revista de comunicación popular mensual La Burxa

Todo isto son raíces botadas no barrio que, segundo Ruben, explican que estes días veciños do lugar saísen a protestar contra o desaloxo e contra a presenza policial nas rúas de Sants. Tamén está detrás de tan airada reacción o feito de que Can Vies supuña un modelo case emblemático de autoxestión e construción de espazos alternativos en toda Barcelona, segundo a plataforma de apoio.

A mobilización veciñal -moitos facían repicar cazolas desde os balcóns- conviviu onte coa actuación violenta de grupos de encapuchados que actuaron, aparentemente organizados, contra a policía e contra o mobiliario urbano. Ante o sucedido, desde Can Vies aseguran que o primeiro acto de violencia foi o desaloxo do edificio, e que en calquera caso onte a manifestación se desenvolveu de maneira pacífica até que alguén queimou a escavadora que demolera o edifico, tras o cal chegou a principal actuación dos Mossos.

Opóndose a toda violencia, a Federación de Asociacións de Veciños de Barcelona critica a decisión do consistorio e sentenza: "O mapa destas manifestacións parécese demasiado á xeografía das desigualdades e as inxustizas que están rompendo Barcelona"

Este mércores houbo máis protestas no barrio, pero sobre todo destacan unhas 50 concentracións convocadas por toda a cidade e en diversos puntos de Catalunya. Entre quen se opoñen ao desaloxo destaca a Federación de Asociacións de Veciños de Barcelona. Opóndose a toda violencia, a FAVB critica a decisión do consistorio e sentenza: "O mapa destas manifestacións parécese demasiado á xeografía das desigualdades e as inxustizas que están rompendo Barcelona"


"Necesitabamos un punto de encontro"

"Empezou cun compoñente moi xuvenil, pero a dilatación do proxecto no tempo foi acompañada dunha substitución xeracional", conta Elba Mansilla, cooperativista da Ciutat Invisible, referente dos movementos sociais en Sants. "Decidiuse ocupar un espazo para ter un punto de encontro, salas de ensaio de música ou teatro ou lugar por medios autoxestionados", explica.

"Empezou cun compoñente moi xuvenil, pero a dilatación do proxecto no tempo foi acompañada dunha substitución xeracional"

Mansilla lamenta que o desaloxo deste centro que considera "integradísimo" no barrio só suporá "substituír o seu espazo por un espazo baleiro, un elemento máis da provisionalidade absoluta na que se atopa esta zona do barrio dende hai dez anos". Esta cooperativista e veciña refírese ás obras do metro de Mercat Nou, as do Merca de Sants e todo o cubrimento das vías do tren.

De feito, esta remodelación non é allea ao desaloxo da casa. O Concello de Barcelona asegura que no seu emprazamento debía empezar unha zona verde que cubrise todas as vías do tren no tramo de Sants, un traballo actualmente en obras. Nas súas negociacións, o consistorio ofreceulles aos inquilinos unha saída pacífica do edifico para reacollelos a longo prazo noutro espazo, algo que os colectivos de Can Vies rexeitaron porque non confiaban nas promesas de Xavier Trias e porque xa planaba sobre eles a ameaza do desaloxo.

A orde se desaloxo deuse a partir de abril, aínda que se aprazou debido á apertura das negociacións entre o Concello e Can Vies. Os primeiros ofrecían unha recolocación dos colectivos a longo prazo -Trias admitiu en máis dunha vez, hoxe tamén, que se fan actividades "moi positivas" en Can Vies-, pero os segundos puñan como condición que non pendese a espada do desaloxo sobre as súas cabezas.

"Coa Casa do Mig (outro antigo CSA do barrio) tamén se comprometeron a que a xestionasen os seus ocupantes tras unha rehabilitación, e non foi así", lembra Mansilla, que xustifica así a desconfianza dos inquilinos. "Se o Concello tiña esta vontade podería agardar dous anos a que se crease o proxecto de xestión veciñal Lleialtat Santsenca, no canto de desaloxar Can Vies agora".


Posicións inamovibles entre as partes

Tras a ruptura das negociacións, que desembocou no desaloxo este luns, o conflito está lonxe de solucionarse, polo menos se se atende ás posicións atopadas das partes. Xavier Trias compareceu este mércores para asegurar que a súa man está tendida aos colectivos para buscarlles un espazo onde desenvolver as súas actividades. "Protestas as que queiran, pero altercados e violencia, de ningunha maneira", engadiu.

Desde Can Vies séntense ofendidos polo ofrecemento de diálogo cando o edificio xa está en ruínas

Desde Can Vies, con todo, séntense ofendidos polo ofrecemento de diálogo cando o edificio xa está en ruínas. E engaden as súas demandas: a dimisión de Trias e de Jordi Martí -concelleira do distrito-, que se poña en liberdade ao seis detidos e que se "desmilitarice" o barrio -en referencia á constante presenza policial-.


Contra as queixas polo ruído

Entre as actividades de Can Vies celebrábranse festas populares, e as queixas dalgúns veciños centrábanse basicamente no ruído. Con todo, Pol Massoni, do colectivo de arquitectos La Col, apunta que desde o centro social se traballaba nunha solución para ese problema. "A nivel técnico axudarámoslles a facer un proxecto de insonorización, e os mozos de Can Vies estaban dispostos a aplicalo e facer as reformas necesarias".

Massoni considera que o desaloxo é “un erro estratéxico da cidade, que se derrube unha peza do barrio e que se xustifique urbanisticamente dá que pensar no modelo de urbanidade que se defende". "O modelo de cidade desta Barcelona 'converxente' profunda aínda máis no modelo de cidade turística que viña da época socialista", asegura.


"Non se falará da violencia urbanística"

"Era un equipamento que levaba 17 anos dando vida a unha parte da cidade onde as vías do tren fixeran unha gran cicatriz a nivel urbanístico, separando dúas partes do barrio", apunta o arquitecto. Lamenta que se “empobreceu e debilitou todo o tecido da zona". "Non ten ningún sentido eliminar precisamente unha peza que continuaba activa", sentenza.

"Estes días volverase falar do tema da violencia urbana pero non se falará da violencia urbanística; queimar unha papeleira considérase kale borroka pero a destruír un barrio chámanlle reforma urbana", critica Manuel Delgado

"Despois de lustros de actividade, Can Vies gañou ter unha presenza e un respecto no barrio", asegura o antropólogo Manuel Delgado, profesor da UB. "Isto debería estar defendido como un espazo de convivencia, onde construían vida urbana, pero iso non é o que lles convén aos intereses privados", engade. "Estes intereses privados son prioritarios, e no canto de defenderen os intereses sociais que representaba o centro, hai unha intervención pública de expulsión", lamenta o profesor.

"Estes días volverase falar do tema da violencia urbana pero non se falará da violencia urbanística; queimar unha papeleira considérase kale borroka pero a destruír un barrio chámanlle reforma urbana", critica o antropólogo.

Concentración na Praza de Sants © Enric Catalá
Un bombeiro apaga un contenedor queimado nos disturbios © Enric Catalá

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.