Interinos advirten de que un de cada tres médicos de Primaria "traballa en precario e sen praza"

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Un de cada tres médicos de Atención Primaria no sistema sanitario público galego traballa "en precario" ao carecer da súa praza en propiedade. Esta é a denuncia que vén de realizar a Asociación de Médicos Interinos de Galicia (Asmig) en referencia a unha eiva ben denunciada desde hai tempo e que contradí as cifras das que fala o Sergas. 

A Asociación de Médicos Interinos di que as cifras de reais de temporalidade do Ministerio sitúan no 35% a taxa na Atención Primaria

Segundo este colectivo, e a pesar de que a Consellería de Sanidade cifra a temporalidade do cadro de persoal en global do Sergas no 8%, os datos do Ministerio de Sanidade sinalan que só 1.201 médicos de Primaria que traballan na sanidade pública galega dos 1.864 en total ocupan praza en propiedade tras superar un proceso selectivo. Sería, xa que logo, unha taxa de temporalidade do 35%, incluíndo aí os últimos médicos de atención persoal domiciliaria. 

"Non foi doado conseguilos, pero os datos están aí, proveñen do propio Ministerio e son os últimos actualizados, do ano 2016", explica Francisco Lueiro, portavoz de Asmig, que asegura que as cifras teiman nunha "reivindicación histórica" dos profesionais interinos da sanidade galega. "A realidade é que un de cada tres médicos de Primaria non ten praza en propiedade malia ter superado algún proceso de oposición e de acumular, como ocorre nalgúns casos, máis de 25 anos de servizos prestados", advirte a entidade, que asegura que desde o proceso selectivo de 2006 houbo tres máis e quedan dous por facer. 

Mentres desde a Consellería se fala dunha temporalidade global do 8% e do obxectivo, negociado cos sindicatos, de reducila ao 5%, Asmig advirte de que a taxa é moito maior e que mesmo a nivel global acada unha media do 23%, peor aínda en Primaria. "A Xunta pode dicir o que queira, pero expóñense a quedar en evidencia porque os datos non son rebatibles; o que debe facer é ofrecer as súas cifras e non negar outras sen achegar nada", explica Lueiro. 

A Consellería fala dunha temporalidade do 8% no conxunto do cadro de persoal do Sergas

"A realidade dos médicos de Atención Primaria de Galicia dista moito deste idílico panorama que unicamente existe no mundo virtual no que parece moverse o conselleiro Vázquez Almuíña", denuncia Asmig, que asegura que no caso de executárense as oposicións de 2016 e 2017 a taxa de temporalidade do 35% podería baixar "ata ao 22%", pero aínda "quedaría moi lonxe do 5% que anuncia a Consellería". Serían, segundo indican, 422 profesionais de Primaria que "seguirían en precario". "Pouco parece importarlle ao responsable do Sergas facilitar datos sesgados que ofrecen unha imaxe desexable pero desgraciadamente falasa da crúa realidade da sanidade pública en Galicia" insisten. 

Así, Asmig insta a "Sergas e sindicatos a deixar de enganar e ofrecer unha solución final a esta situación". "Benefícianse uns colectivos mentres profesionais que levan máis de 20 anos de experiencia continúan sen praza pola insistencia en non valorar e ponderar como se debe a experiencia", remata Lueiro.

Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.