Masiva campaña contra as touradas nos concellos galegos

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Unha morea de concellos declarados oficialmente contra as touradas. Ese é o obxectivo dunha campaña da plataforma Galicia Mellor Sen Touradas (GMST), que impulsará a presentación masiva de mocións contra os festexos taurinos en todos aqueles municipois nos que BNG ou Compromiso por Galicia teñan representación, formacións que canalizarán a presentacións destas iniciativas e que serán apoiadas tamén por Anova e Esquerda Unida. En total, as formacións suman máis de 600 concelleiros.

BNG e CxG presentarán mocións contra as touradas en todos os municipios onde teñan representación e apoiarana, ao igual que Anova e EU

"Os municipios da comunidade deben converterse en auténticos puntais contra os malos tratos animais, tendo a oportunidade de declararse contrarios ás corridas de touros e de rexeitar o uso de fondos públicos para soster unha actividade que apenas esperta interese no país e supón grandes malgastos económicos", asegura a organización, que cre que esta campaña "suporá un debate enriquecedor" ante un "lucrativo negocio" que goza do favor de "certos partidos e das subvencións de institucións públicas como o Concello da Coruña".

Sería unha iniciativa artellada a través da recentemente creada Rede de Municipios Galegos pola Abolición, creada tras as primeiras iniciativas de 2010 neste sentido, e debería supor, segundo GMST, a confirmación da postura maioritaria da sociedade galega ante as touradas onde, tal e como indican as enquisas do Goberno central, máis do 99% da poboación declara non acudir a espectáculos deste tipo.

Só oito concellos son hoxe en día oficialmente antitaurinos: Fene, Cangas, Teo, Dodro, A Pobra do Brollón, Vedra, Betanzos e Ares

Na actualidade, e como consecuencia da campaña desenvolvida hai case catro anos, hai oito municipios galegos declarados antitaurinos: Fene, Cangas, Teo, Dodro, A Pobra do Brollón, Vedra, Betanzos e Ares, representando aínda a unha porcentaxe moi pequena con respecto ao total de localidades galegas. "A campaña posta en marcha durante estes últimos días espera sumar decenas de municipios e ofrecer unha imaxe da oposición real a estes festexos de violencia e crueldade", advirte GMST, que anuncia tamén a creación dunha páxina web (www.redeabolicion.info), onde se localizarán xeograficamente os concellos abolicionistas e desde onde se dinamizarán todos os movementos contrarios ás corridas de touros.

Este novo proxecto, segundo GMST, chega tamén grazas ás "grandes relacións creadas pola Fronte Antitaurina, no Parlamento galego, onde toman parte a totalidade dos grupos parlamentarios de BNG e AGE, e que posibilitarán tamén os apoios desde Esquerda Unida e Anova, onde existe unha gran complicidade". "Na última manifestación antitaurina da Coruña participaron membros de ambas as dúas formacións, e a alianza parlamentaria asumiu nas pasadas eleccións autonómicas un programa moi avanzado sobre protección animal, incluíndo un compromiso escrito para acabar coa tauromaquia en todo o territorio galego", destaca.

A iniciativa xorde das "grandes relacións" creadas pola Fronte Antitaurina formada no Parlamento galego

A iniciativa é unha das primeiras respostas da plataforma Galicia Mellor Sen Touradas "ás manobras do Goberno central para tratar de protexer a tauromaquia, primeiro dando soporte a unha ILP dos grupos de presión e logo facilitando a aprobación dun plan estatal que suporá máis gasto público e unha estratexia de densa mercadotecnia para dulcificar os malos tratos animais como forma de lecer".

 

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.