O marabilloso traballo polo empoderamento feminino

En primeiro plano, a presidenta da Mudha, Cristiana Francisca e detrás a técnica de Aprocsal, Rina Abrego CC-BY-SA Carmen Novas

Cristiana Francisca é unha digna representante do feminismo dominicano contemporáneo. Pisou as rúas de Santiago de Compostela grazas á ONG ACPP Galicia e o proxecto no que colaboran, O mundo que queremos.

O obxectivo da actividade era explicar a solidariedade e a cooperación, e para iso trouxeron a Cristiana Francisca, da ONG Mudha, da República Dominicana; a Rina Abrego, de Aprocsal, do Salvador e Braima E. Sambu, de Alternag, en Guinea-Bisáu.

Francisca é filla de haitianos e, xunto con outras mulleres, traballan desde a ONG Mudha para organizar ás mulleres dos batayes. Ás migrantes. Ás de ascendencia haitiana. Como ela. Con outras compañeiras fálalles dos seus dereitos, empodéraas, ábrelles camiño, exhórtaas a estudar e a reclamar o que lles pertence aínda que o Estado non queira darllo. Na asociación construíron escolas para nenas e nenos dominicanos de ascendencia haitiana, crearon espazos de saúde para as mulleres, usan a arte nos bateyes como ferramenta educativa, mediante a creación de grupos de mocidade, nenos e nenas, de teatro, de danza e diversas expresións da arte.

Xesticula cunhas finas mans coroadas por unhas coidadas unllas cor coral. “Mudha foi creada no 1983”, explica, “primeiro cunha visión moi ampla porque estaba conformada por homes e mulleres”. “Pero a fundadora de Mudha dixo que non”, engade, “que había que enfocarse ao tema da muller e así logramos saír e independizármonos para defender e acompañar os dereitos femininos”.

Invisibilidade social

Francisca afirma que a “cuestión de xénero” non aparece practicamente na axenda pública ou política. O último estudo do Instituto Tecnolóxico de Santo Domingo, coordinado polo seu Centro de Estudos de Xénero constata que as mulleres constitúen máis da metade da poboación e do electorado, o 60% do estudantado universitario e o 80% dos que se gradúan con honores. Porén, “os partidos políticos e o Estado Dominicano seguen sen prestar suficiente atención aos problemas que lles afectan”. O informe recolle que a violencia contra as mulleres xa “cobrou máis vidas que o cólera ou o dengue” e, malia isto, “aínda non foi declarada como prioridade nacional”.

Na República Dominicana a violencia contra as mulleres xa cobrou máis vidas que o cólera ou o dengue

Dereito á saúde e á sexualidade

“Xurdimos pola necesidade de que gran cantidade de mulleres, nenos non tiñan dereito á saúde”, explica Francisca, “temos programas de saúde con saúde curativa e alternativa”, engade.

“Empezamos a dar charlas sobre saúde sexual e reprodutiva, sobre como teñen que tratar a auga, como teñen que traballar na saúde dos seus fillos e fillas cos poucos medios que teñen arredor, como deben usar as plantas medicinais e este é un xeito de capacitación”, enumera Francisca. Ao fío disto engade que tamén desenvolven a “saúde curativa a través de xornadas con operativos médicos nas comunidades”. “Abundan as infeccións vaxinais, os problemas de enfermidades de transmisión sexual”, explica. “ Mudha empezou a facer ese traballo, un traballo marabilloso porque moitas mulleres se empoderaron”, di, orgullosa.

A falta de atención aos problemas femininos reflíctese na insuficiente reacción fronte ao número de mortes evitables co embarazo, o parto ou os abortos inseguros ou ilegais

O estudo do Instituto Tecnolóxico de Santo Domingo reafirma as declaracións de Francisca pois a desatención dos problemas femininos tamén ten a súa expresión na “insuficiente reacción fronte ao número de mortes evitables co embarazo, o parto ou os abortos inseguros ou ilegais”. A presidenta de Mudha explica que o aborto é un “problema de gran dimensión no país”.  O informe afirma que as “institucións estatais e dirixentes políticos non entenden aínda a importancia de mirar e enfrontar os problemas nacionais desde a consideración das relacións de xénero”. Para chegar a iso, o Estado debe ter en conta as diferencias entre homes e mulleres en cada unha das situacións e enfrontar a súa orixe e manifestacións. Implica tamén analizar as desigualdades no acceso aos recursos entre mulleres e homes.

Aprocsal e os programas de saúde

Aprocsal é unha ONG de El Salvador que desenvolve programas de saúde dirixidos á muller e á mocidade. A súa técnica, Rina Abrego explica que traballan con “grupos de mozas coas que tratamos temas de violencia de xénero, autoestima, as ETS, a planificación familiar”. Precisamente, os embarazos en adolescentes son altos en El Salvador. “De cada 10 mulleres embarazadas, 4 son adolescentes”, di . Ao fío disto engade que “ás  veces sofren agresións e o sistema político non ten figuras xurídicas para defendelas”.

Co cambio de goberno en El Salvador mudou o enfoque da saúde e así, por primeira vez, estase levando a cabo unha política real de saúde sexual e reprodutiva. “Por iso medimos tamén a incidencia das políticas de saúde e dámoslle seguimento á política de saúde sexual”, afirma a técnica. “Desenvolvemos moitas actividades, denunciamos casos e participamos en campañas, por exemplo a de Salvemos a Beatriz, que era unha muller cun feto ao que lle faltaban zonas do cranio e á que o Goberno tivo 14 semanas sen dar unha solución”, explica Abrego, “iso vai contra os dereitos, xa non da muller, que tamén, pero dos humanos”, engade.

"Nunha sociedade patriarcal como a de El Salvador é fundamental denunciar a violencia de deputados ou futbolistas, figuras socialmente relevantes que predican co exemplo do machismo"

Nunha sociedade machista e patriarcal como a de El Salvador é “fundamental denunciar a violencia de deputados ou futbolistas, figuras socialmente relevantes que predican co exemplo do machismo”, di a técnica. “Recentemente un pastor agrediu a unha muller nun motel e hai xente que aínda ten actitudes permisivas e veo normal”, expón Abrego, “de feito, o avogado dixo que iso era unha infidelidade responsable”. “Por iso a educación, a sensibilización e, sobre todo, a capacitación feminina xogan un papel fundamental”, conclúe a técnica.

Malia a todas as dificultades coa que se atopa o feminismo diante dunha sociedade patriarcal como a de El Salvador ou República dominicana, mulleres como estas,fixeron posible unha evolución, aínda que non plena, dos dereitos da muller. O seu traballo permitiu aumentar a participación feminina en espazos públicos e o traballo remunerado, a participación política, a educación e a súa representación nos medios de comunicación. Pero non abonda porque, polo momento, falta vontade política porque para estes estados a igualdade non é prioritaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.