O Sindicato de Estudantes convoca tres días de folga en outubro contra a Lei Wert

José Ignacio Wert, en comisión parlamentaria © Congreso

O Sindicato de Estudantes chama "á rebelión contra a inxustiza deste goberno" e convoca unha Semana de Loita con tres xornadas de folga xeral entre os días 21 e 25 de outubro para estudantes en institutos e universidade. Esta convocatoria chega despois de que o ministro Wert comparecese ante a Comisión de Educación do Congreso para explicar o seu novo decreto de bolsas case un mes despois de ser aprobado. Este nova norma explusará, segundo o sindicato, "en torno a cen mil mozos e mozas que non dispoñen dos recursos económicos suficientes", o que cualifican como un "ataque ao dereito ao estudo das familias traballadoras que nos leva á ensinanza franquista". O ministro admite que se reducirá o número de estudantes con bolsa, pero non dá cifras.

Wert defendeu que é mellor dar bolsas a menos alumnos con máis rendemento que “dar axudas a voleo”. Comezou afirmando que o presuposto para as bolsas que presenta "é o máis alto da historia en termos relativos e absolutos" o que o sindicato califica de "delirante" e engade que as declaracións do ministro "insutan a nosa intelixencia e á dos nosos pais ao decir que este decreto 'conseguirá a equidade e incentivará o rendemento' dos estudantes". Afirman, ao contrario que Wert, que o presuposto para bolsas"non fixo máis que minguar" desde que o PP chegou ao goberno en 2012, aproximadamente uns 398 millóns menos

O Sindicato de Estudantes chama "á rebelión contra a inxustiza deste goberno" e convoca unha 'semana de loita' con tres xornadas de folga: 22, 23 e 24 de outubro

O Sindicato de Estudantes cre que o novo decreto "penalizará os estudantes con menos recursos económicos esixíndolles máis nota que aos demais, castigaranos por non ter diñeiro" afirman despois de defender que o novo requisito dun 6,5 para poder obter axudas económicas "non garante a equidade, xa que con este novo decreto os que teñan diñeiro poderán estudar tanto se sacan un 7 coma un 2 pero os demais, a gran maioría, verémonos expulsados económicamente da universidade". Defenden que "é volver á educación dos anos 50 cando só os ricos tiñan garantizado o dereito ao estudo".

O sindicato denuncia a situación "precaria" da educación mentras o Goberno "non ten problema en dedicar millóns de euros en rescatar á banca" e afirma que "de destinarse tan só unha cuarta parte do diñeiro regalado aos banqueiros para a educación pública estarían solucionados todos os problemas que padecemos: habería bolsas, poderían contratarse os 50.000 profesores despedidos e moitos máis, poderían recuperarse as axudas de comedor e material, etc.". Fan un chamamento aos pais e profesores para apoiar esta causa e "estar ao noso carón na defensa do que tanto nos costou conseguir: unha educación pública e de calidade para todos". 

José Ignacio Wert, en comisión parlamentaria © Congreso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.