Profesionais de xinecoloxía preparan un manifesto contra a reforma do aborto

Profesionais de xinecoloxía do Sergas © Sergas

O colectivo de profesionais da Xinecoloxía está preparando un manifesto moi crítico coa reforma da Lei do Aborto promovida polo ministro Gallardón. O texto, que se presentará a finais deste mes de xaneiro, busca influír na decisión do Goberno de recortar este dereito, e ven precedida de distintos posicionamentos realizados neste senso por distintas entidades e profesionais deste ámbito da saúde.

Luis Enrique Sánchez, presidente da Federación de Planificación Familiar, asegurou nunha entrevista na Cadena SER que “imos impulsar un manifesto consensuado de profesionais da xinecoloxía e outras especialidades na que imos tentar que o Goberno dea marcha atrás, propoñendo outras medidas alternativas". Entre estas alternativas estaría, fundamentalmente, o fomento da educación sexual, pero Sánchez lembrou en calquera caso que España é un dos países do mundo no que se levan a cabo menos abortos. A taxa anual de interrupción do embarazo non supera as 12 por cada mil mulleres, mentres que mientras en Suecia chega até as 21 por mil, en Francia 16 e en Inglaterra 17.

A Federación de Planificación Familiar xa fixo público antes de nadal un comunicado no que amosaba a súa posición contraria á reforma, denunciando que as intencións de Gallardón supoñían un retroceso de máis de trinta anos en materia de saúde. Nun comunicado sinalaban que o proxecto "pretende acabar co dereito a decidir das mulleres e coa concepción integral da saúde sexual e reprodutiva que a actual lei contén". A Federación tamén rexeitaba "o segredo co que esta reforma lexislativa se está levando a cabo, sen participación ninguna das organizacións da sociedade civil especializadas en saúde reprodutiva e sen a información pública preceptiva en todo proceso democrático".

"Unha lei restritiva non vai facer que diminúan os abortos, senón que se estes se produzan baixo unha inseguridade xurídica para as mulleres e para os profesionais"

Engadían que "estudos da Organización Mundial da Saúde (OMS) mostran que o número de interrupcións voluntarias do embarazo en países con leis restritivas e noutros con leis baseadas en prazos non varía en exceso" e que, polo tanto, "unha lei restritiva non vai facer que diminúan os abortos, senón que se estes se produzan baixo unha inseguridade xurídica para as mulleres e para os profesionais que terán que xustificar os supostos, nun proceso máis longo e difícil que vai engadir sufrimento e risco para a saúde das muleres".

Non é a primeira vez que xinecólogas, obstetras ou expertas en diagnóstico prenatal fan oír a súa voz nun asunto no que son expertas e acumulan anos de experiencia. Xa hai máis dun ano, cando o ministro Gallardón comezaba a lanzar globos sonda sobre unha hipotética reforma da lei, que incluiría a prohibición de interrumpir o embarazo para evitar unha malformación grave do feto, elaboraron un manifesto que alertaba de que a medida provocaría "un grave problema de saúde pública". O texto afirmaba que aínda que moitas destas enfermidades e malformacións "acababan co falecemento do neno, requiren con frecuencia cirurxías complicadas e custosas, estancias hospitalarias longas, decote en unidades de coidados intensivos, e, en definitiva, producen un sufrimento para o neno e o seu núcleo familiar moi elevado".

Hai un ano expertos e expertas elaboraron un manifesto que alertaba de que a medida provocaría "un grave problema de saúde pública"

O documento, encabezado polas xinecólogas Pilar Martínez Ten e Begoña Adiego, sinalaba tamén que “a decisión de interrumpir o embarazo causa moito sufrimento. Se a lei non permite a interrupción da xestación nestes casos (de anomalías fetais graves), á dramática situación sumarase o desamparo legal que sufrirán as xestantes”.

Profesionais de xinecoloxía do Sergas © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.