Sindicatos de todo o mundo piden a Rajoy que deixe de perseguir o dereito á folga

Manifestación a prol do indulto para Tamara e Ana CC-BY-SA FB-Indulto para Ana y Tamara

Os case 80 expedientes xudiciais abertos contra 265 persoas, moitas con vinculación sindical -entre eles os dos galegos Carlos, Serafín, Ana e Tamara-, que participaron en piquetes ou protestas comeza a ter repercusión internacional. Tanto é así que 21 sindicatos internacionais enviaron xa cartas ao presidente do Goberno, a ministra de Emprego, o ministro de Xustiza, o Fiscal Xeral do Estado e o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial para expresar a súa inquietude pola situación e pedir que se retiren os cargos.

Rajoy ten sobre a súa mesa as mensaxes de sindicatos do Reino Unido, Suecia, Portugal, Bélxica, Austria, Arxentina, Brasil, México ou Chile. Tamén o Comité Económico e Social e Europeo (un órgano consultivo da Unión Europea formado por patronais, sindicatos e un grupo de organizacións dedicadas a diversas actividades) e a Unión Internacional de Traballadores da alimentación, agrícolas, hoteis, restaurantes, tabaco e afíns enviaron cartas aos dirixentes españois.

As organizacións sindicais instan o presidente do Goberno a acabar coa "ofensiva contra o dereito de folga"

As organizacións sindicais instan o presidente do Goberno a acabar coa "ofensiva contra o dereito de folga" e invocan para iso tanto o contido da Constitución como os convenios da Organización Internacional do Traballo, a Convención Europea de Dereitos Humanos ou a Carta Social Europea asinados por España. "As causas penais abertas contra dirixentes e activistas sindicais pola súa participación nestas folgas constitúen unha grave violación do dereito de sindicalización, incluíndo o dereito á folga, protexidos polas leis españolas e internacionais", din.

Destacan tamén que a criminalización da acción sindical só agravaría aínda máis "os xa profundos desequilibrios nas relacións laborais". Os sindicatos internacionais instan a retirar os cargos contra as 265 persoas con expedientes abertos e aseguran que de non ser así demostrarase que a motivación do Goberno "non é tanto defender o Estado de Dereito, senón máis ben acosar e intimidar o movemento sindical". "Enviarán unha clara mensaxe de que o Goberno non tolerará disentimientos respecto das súas políticas e que tomou abertamente partido contra os seus traballadores e traballadoras", aseguran.

"A criminalización da acción sindical só agravaría aínda máis os xa profundos desequilibrios nas relacións laborais"

Tanto Carlos e Serafín -sindicalistas condenados por participar nun piquete nunha folga de transportes- como Ana e Tamara -condenadas tamén por supostamente tirar pintura a unha piscina nunha protesta laboral- seguen á espera dun indulto que non chega e logo de acumular moreas de apoios no seu favor. A súa entrada na cadea segue paralizada á espera.

Eles tamén son o motivo destes envíos, que forman parte da estratexia dos sindicatos, que buscan conseguir a maior repercusión e presión internacional posible. Actualmente hai polo menos 81 expedientes xudiciais abertos contra preto de 265 persoas que participaron en folgas e protestas nos últimos anos. En nove procedementos penais que afectan 40 persoas traballadores e cargos sindicais imputa a comisión dun delito de coaccións á folga, o que implica unha pena mínima de tres anos e un día de cárcere, isto é, que en caso de condena a entrada en prisión sería segura.

Denuncia ante a OIT

Os sindicatos CCOO e UGT xa entregaron tamén unha queixa ante a OIT polos casos de piquetes imputados. O organismo xa anunciou que examinará o escrito e dará unha resposta formal ao respecto. Ambas as dúas centrais mostraron a súa intención de acudir tamén ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

No ámbito doméstico, os líderes sindicais reuníronse tanto co presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Lesmes, e o Fiscal Xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce, como co ministro de Xustiza, ao que pediron o indulto para as persoas xa condenadas. Os afectados seguen á espera.

Manifestación a prol do indulto para Serafín e Carlos CC-BY-NC-SA CIG-Avantarvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.