"Toda muller pode sufrir violencia de xénero, cómpre axudar as vítimas a recoñecelo"

Raquel Castillejo, na inauguración do congreso © USC

Raquel Castillejo, catedrática de Dereito Procesual da Universidade de Santiago, dirixe estes días en Compostela o congreso internacional Mediación e violencia de xénero. Experta no estudo e abordaxe das agresións machistas, advirte da necesidade de centrar boa parte do traballo en transmitirlles ás xeracións máis mozas os xeitos en que se pode manifestar a violencia dos homes sobre as mulleres e as vías para previal e atallala. Ademais, nun contexto de crise, subliña que "cada vez hai menos medidas económicas" e que servizos como a axuda psicolóxicas "están saturados e dan citas para tres ou catro semanas" cando a vítima "ás veces, xa está arrepentida de chamar".

Nos últimos anos mudou a perspectiva sobre a violencia de xénero, cunha lei integral, maior visibilidade social... O feito de que se lle dedique un congreso na universidade é unha mostra máis?
Cando nace a lei nace con moitas medidas. Unha das medidas estrela, que se ía desenvolver e ía producir a máis longo tempo eran as medidas educativas. Entendíase que se ían incluír mesmo materias para ensinar en igualdade. Iso non se está facendo e os que nos dedicamos a traballar sobre o tema dende hai moito tempo, a ver como se pode rematar con esta lacra, dedicámonos a sensibilizar xente nova. Neste congreso temos duascentas persoas, a maioría xente moi nova á que tratamos de sensibilizar, de demostrarlles ás mozas o que é a violencia de xénero. E de dicirlles aos mozos que isto existe e o que é a violencia.

Segue a ser, polo tanto, un dos retos que as vítimas recoñezan que están a sufrir violencia?

"É moi rechamante que xente moza, que se supón educada en igualdade, acepte perfectamente berros ou algún golpe en contextos de parella"

É o que tratamos de facer. Fixéronse moitas enquisas con mozas, dos 14 aos 18 anos, e elas contestan e din que hai condutas deles, das súas parellas, que aceptan perfectamente e que son mostra do exercicio da superioridade, do poder do home sobre a muller, da desigualdade. Aceptan berros, algún golpe... É moi rechamante que xente tan nova que se supón educada en igualdade o acepte aínda que saiba o que é a violencia e o que non debe ser un contexto de parella.

Malia aos avances dos últimos anos, cre que as vítimas están correctamente protexidas?
Hai dous tipos de protección e trabállase sobre todo con unha: a das forzas e corpos de seguridade do Estado, que se dá como se pode, porque non hai tantos efectivos. Hai protocolos de valoración de risco pero non están demasiado perfeccionados, polo que hai vítimas que non a precisan e outras que a precisan totalmente, e as que a precisan de verdade ás veces non a teñen. Hai outras medidas de protección, como empoderar psicoloxicamente as vítimas, para que recoñezan que están sendo sometidas polas súas parellas, que moitas non o recoñecen, e se lles poida axudar.

A crise e os recortes están a prexudicar a aplicación destas medidas?
A crise non está favorecendo isto. Sempre o dixemos, non hai un perfil de muller maltratada, son de distintas culturas, de distinto nivel económico e académico, con fillos, sen fillos... Toda muller pode sufrir violencia de xénero. E as que xa están metidas nesa espiral de violencia agora saen con maior dificultade, porque moitas aguantan polo que aguantan, porque non teñen de que vivir.

Neste congreso vostede abordou os "retos" que ten a Xustiza a respecto da violencia machista. Por onde pasan eses retos?

"Temos que axudar a que elas recobren a autoestima, recoñezan o que están sufrindo e saiban afastarse e enfrontarse aos agresores"

Hai moitas medidas previstas na lei e non todas se poñen en práctica: educativas, sociolóxicas... E tamén xudiciais, como a especialización dos xulgados. Pero non hai xulgados de vioelncia de xénero en todos os sitios onde debería habelos. Tamén hai que atallar os procesos sumarios, son un erro porque son tan rápidos que non se poden adquirir as probas e hai sentenzas absolutorias non porque non houbese maltrato, senón porque non se pode probar. Tamén estamos vendo que algunhas das medidas adoptadas foron erróneas, como a prohibición da mediación en calquera caso, que obedece a que o lexislador creu que a mellor maneira é perseguir o agresor e condenalo. Pero os agresivos son como os violadores, que o que fan cando saen do cárcere é volver violar. Eu non digo que non se penalice, pero non é o que temos que facer exclusivamente, porque non está dando resultados; temos que axudar a que elas recobren a autoestima, recoñezan o que están sufrindo e saiban afastarse e enfrontarse a eles. E tameń hai medidas educativas para os agresores, aos que eu non xustifico xamais pero que en ocasións tamén viviron contextos de violencia. Elas pensan que lles pegan porque lles teñen que pegar, din "non sirvo para nada". Pero con estas medidas, por exemplo, explícanlles que o seu pai lle pegaba á súa nai e a ela sérvelle para entender que non é que non sirva para nada, senón que iso é o que el aprendeu.

Nalgúns medios de comunicación, mesmo nos últimos días, xorden tratamentos da violencia machista que criamos esquecidos, como o “crime paixonal” ou a xustificación da "normalidade" dos agresores. Imos cara a atrás?
Téñoo claro. Os medios de comunicación ás veces sodes moi beneficiosos e outras, moi prexudiciais. O tratamento ten que ser por persoas especializadas: o mesmo que os xuíces, tamén os xornalistas. Teñen que saber como se fala da violencia, porque poden crear o efecto de atemorizar as vítimas, contando por exemplo que unha vítima acodeu ao xulgado e morreu. Tamén acontece se todos os días se fala do mesmo, pasa moitas veces cando a vítima é estranxeira e dá lugar á reacción de "é estranxeira, ten outra cultura", cando as vítimas tamén son españolas. Igualmente, os agresores normalmente son aquelas persoas que maltratan as súas parellas de maneira reiterada e, cando maltratan unha vez, á seguinte parella tamén a maltrata. Son anecdóticos casos coma os dun médico forense do que onte falabamos [no congreso], que nunca tivera ningún problema, que era simpático con todo o mundo e que de súpeto decidiu que mataba á súa muller e afastou a súa filla de nove anos para que non o vise. Iso non é o normal, o normal é que maltraten sempre.

Raquel Castillejo, na inauguración do congreso © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.