E namentres, en Suíza...

Cartaz do CONEX15 Dominio Público Praza Pública

O tratamento das novas na prensa adoita facer moi complicado chegar a comprender as causas e os porqués dos feitos que nos relatan. A miúdo recibimos o estímulo, ou mellor dito, a súa consecuencia, pero practicamente nunca se nos relata a historia que hai detrás e que provoca a situación. Isto está moi agravado polo tipo de sociedade da ultrainformación e supervelocidade na que levamos un tempo vivindo e aínda non nos temos acostumado como individuos nin coma comunidade.

Nas ultimas semanas vimos sendo bombardeados por todas as frontes con imaxes de refuxiados, fronteiras, muros, cambadelas a xornalistas e mostras de solidariedade máis ou menos gratuítas con respecto a esta “nova” “crise” que azouta Europa. Esta sobreexposición ao drama diario duns seres humanos dos que non se nos explica nin de onde veñen nin porque veñen ven a completar o cadro de enfermidades europeas, tales coma a débeda ou a guerra ucraína, as cales diagnostícansenos cando estamos en fase terminal e que os doutores (xornalistas, tertulianos e expertos) nunca rematan de atopar os motivos que nos levaron a padecelas. Por que? Se cadra porque ninguén o sabe, as veces é así de sinxelo. Pero non hai que poñerse paranoide para darse de conta de que moitas veces ao paciente non se explica porque está enfermo porque as consecuencias de facelo consciente do orixe da súa enfermidade podería ser fatal para aqueles que sacan partido desta industria.

CONEX15, un macroevento que está acontecendo en Basilea dende o 16 deste mes, no cal se está a mobilizar 5 mil efectivos militares e infinidade de recursos armamentísiticos e que remata o sábado cun desfile de tropas polas rúas da cidade

Ao que me refiro con este símil medicinal é ao feito de que, no medio da voráxine informativa acerca dos movementos migratorios e o peche de fronteiras, hai explicacións e motivacións que se escapan a nosa capacidade de informarse. Por interese e por omisión. E hoxe falaremos do caso dunha última destas, que nos levará directamente a un país que tamén sabe moito de hermetismo e peche de fronteiras: Suíza. Lembro que a primeira vez que visitei este país viaxaba ao carón dun xenebrés que me falaba sobre a vida e o sentir da xente do seu lugar de orixe. Viñamos de Francia, e non puiden menos que sorprenderme cando me confesou a posición que segundo el tiñan certas persoas cara os franceses: “algúns recean deles porque din que veñen a roubarnos o traballo”. É curioso que a pirámide das clases sociais se reflicte nas estruturas estatais do mesmo xeito.

Ben, agora rétovos a que busquedes nos xornais das últimas semanas algunha referencia ao CONEX15, un macroevento que está acontecendo en Basilea dende o 16 deste mes, no cal se está a mobilizar 5 mil efectivos militares e infinidade de recursos armamentísiticos e que remata o sábado 25 cun desfile de tropas, avións e demais cacharrería polas rúas da cidade. E a conto de que ven este despregamento? Segundo a páxina web oficial do evento, é un adestramento para un posible escenario de crise deste tipo:

Hai crise económica nunha futura e ficticia Europa con países e fronteiras novas. As consecuencias tamén repercuten en Suíza: escaseza de reservas, mercado negro, organizacións criminais, vastas reservas de petróleo, gas e cereais son obxectivo de sabotaxe e saqueo. Ademais, tensións étnicas dan lugar a maiores fluxos de refuxiadxs cara a Suíza. Se lle encarga ao exército a protección de infraestruturas de telecomunicación, subministración de corrente e abastecemento de alimentos que estean especialmente ameazados.

Pode semellar unha broma, pero non o é. De feito, é a terceira mobilización deste eido este ano, tras o STABANTE (no leste do país), con 6000 soldados e o ZEPHYR (no centro) con 2600. No país helvético xa están acostumados a este tipo de fanfarrias. No 2012, o STABILO DUE representou un adestramento militar e policial no campo do “control civil” (isto é, represión da disidencia social). E en decembro do ano pasado no cumio da OSCE (Organización para Seguridade e a Cooperación en Europa) celebrada na mesma Basilea na que se trataban temas de xeopolítica coma a crise ucraína e o yihadismo tamén blindaron a urbe con 3 mil efectivos militares e 2 mil policías.

A diferenza do CONEX15 respecto dos outros radica na sua vontade propagandística. A páxina do evento continúa:

Os membros da compañía e os invitados ofrecen unha oportunidade para aprender sobre o exército, e as súas tropas utilízanse para facer o contacto directo con eles e experimentar de primeira man. A maioría das tropas implicadas ofrece os seus vehículos, os seus equipos e o rendemento exhibido. Tamén hai información sobre o desenvolvemento do exército, ás misións para promover a paz e a loxística. A oferta complétase con servizos de comidas da cociña militar. Esperamos a súa visita.

O silencio fronte a este acto promocional que enxalza o militarismo e o control fronteirizo contrasta sinistramente co bombardeo de novas sobre refuxiados e a suposta solidariedade europea para con eles

Podedes seguir googleando, non ides atopar ningunha referencia a isto en ningún xornal. O silencio fronte a este acto promocional que enxalza o militarismo e o control fronteirizo contrasta sinistramente co bombardeo de novas sobre refuxiados e a suposta solidariedade europea para con eles. A información chéganos apenas por canles independentes, que foron os únicos quen de xuntar a 300 persoas en protesta polo evento en manifestacións os pasados venres 18 e sábado 19, que remataron con disturbios e polo menos 8 detidos.

O ton paternal desta propaganda bélica que busca a normalización dos controles militares nas nosas vidas agocha feitos coma que o exercito helvético está a aumentar as súas partidas económicas, que a xenofobia está a medrar

O ton paternal desta propaganda bélica que busca a normalización dos controles militares nas nosas vidas agocha feitos coma que o exercito helvético está a aumentar as súas partidas económicas, que a xenofobia está a medrar (o partido ultra UDC rematou primeiro nas últimas eleccións) ou o rexeitamento da entrada de europeos no referendo de febreiro de 2014 (Suíza forma parte do tratado de libre mobilidade de Schengen tan só dende 2004).

Sabemos que hai moitas empresas e moitos nomes propios que se benefician das fronteiras e do negocio da seguridade. Moitas as temos enormemente preto. Conglomerados coma European Security Fencing (encargada das vallas de Melilla, Ceuta e Hungría), Indra ou o noso ministro de defensa Pedro Morenés. A guerra, neste caso a guerra de fronteiras, a guerra dos ricos contra os pobres, sempre foi e será un bo negocio. Por iso estados e empresarios fan tantos esforzos en que se manteña así.

A guerra, neste caso a guerra de fronteiras, a guerra dos ricos contra os pobres, sempre foi e será un bo negocio. Por iso estados e empresarios fan tantos esforzos en que se manteña así

Iso si, como a web do CONEX15 indica con respecto ao “glorioso desfile” (sic) deste sábado 25: “Rogamos a súa comprensión polas molestias, restricións de circulación ou eventuais emisións de ruídos que poden ser causadas especialmente polo tráfico aéreo”. Na Europa dos pobos podemos tolerar que nos rouben a liberdade, a soberanía, que invadamos países e esnaquicemos as vidas de poboacións enteiras. Pero polo menos podemos dicir que facemos todo o posible por respectar o descanso da veciñanza.

Cartaz do CONEX15 Dominio Público Praza Pública
Manifestación en Basilea contra o evento militar Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.