O acordo da esquerda fai caer o executivo de Passos Coelho

Costa, asinando o acordo co PCP © PS

O efémero goberno de Pedro Passos Coelho (PSD) caeu este martes, como estaba previsto, despois de que a Assembleia da República aprobase por 123 votos fronte a 107 unha moción de rexeitamento presentada polo PS. A decisión do Presidente da República, Aníbal Cavaco Silva, hai tres semanas, de designar ao líder conservador como primeiro ministro malia non contar cunha maioría suficiente na cámara, provocou que Portugal continúe sen goberno, case un mes da celebración das eleccións. Agora depende novamente de Cavaco Silva o permitir a constitución dun executivo de esquerdas, apoiado por PS, BE e CDU, e presidido con toda seguridade polo socialista António Costa.

As tres formacións pecharon nos últimos días un acordo de Goberno para os vindeiros catro anos. De feito, na intervención de Costa na cámara, este martes, o líder dos socialistas imprimiu un marcado carácter esquerdista ao seu discurso, acusando a Passos Coelho de manter unha "postura sumisa" ante a UE, acusándoo de non "loitar polos intereses nacionais" de Portugal e criticando o seu "afán privatizador", que levou nos últimos catro anos, dixo, ao "empobrecemento e á destrución de dereitos". Costa destacou, así mesmo, "a fin do dereito natural da dereita a gobernar" e celebrou a "ruptura dun tabú", en referencia ao inédito pacto do PS cos partidos situados á súa esquerda. Con todo, si que fixo referencia a que espera que "o CDS e mesmo o PSD assumam as suas responsabilidades em matéria de compromissos internacionais".

Pola contra, Passos Coelho e outros representantes das formacións conservadoras, criticaron o acordo acadado polas forzas de esquerdas, cualificando o pacto de "maioría negativa" e alertando de que unha modificación nas políticas económicas seguidas ata agora poría en risco o cumprimento das esixencias das autoridades comunitarias. Passos Coelho lembrou así mesmo as reservas expresadas polo Presidente da República a un goberno apoiado por forzas "contrarias á UE e á OTAN".

Cavaco Silva non anunciou ningunha intervención pública para hoxe. Previamente a calquera decisión sobre quen podería liderar o novo Goberno, o probable é que o Presidente da República volva reunirse cos representantes das distintas formacións con representación parlamentaria. Preguntado sobre a posición que pode adoptar Cavaco, António Costa limitouse a dicir que a "aguarda serenamente".

António Costa (PS) reúne o apoio da maioría absoluta da cámara © RTP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.