Tres "equipos organizados de terroristas" provocaron o masacre de París

Os arredores do Petit Cambodge, logo do atentado CC-BY-SA José Bautista / eldiario.es

Logo de menos de 24 horas de investigación, a Fiscalía francesa confirmou que hai 129 persoas falecidas, 350 feridas e 99 graves tras os atentados perpetrados este venres en París. "Tres equipos organizados de terroristas son a orixe desta barbarie", asegura François Molins, fiscal da República.

Polo momento, xa se identificaron dous dos terroristas que se inmolaron na capital. Un deles, atopado na sala Bataclan, foi identificado polas súas pegadas dixitais. Segundo a súa ficha policial, naceu en 1985 e era coñecido pola xustiza francesa por cometer delitos menores aínda que nunca fora preso. O segundo individuo identificado inmolouse nos arredores do estadio de fútbol Stade de France, naceu en 1979 en Siria pero non era coñecido polos servizos secretos franceses. A Fiscalía sinalou este venres que, en total, foron sete os terroristas que morreron no ataque.

A policía detivo seis familiares dun dos kamikazes, cidadán frandés que viaxara a Siria en 2013

A policía, segundo informan varios medios, detivo seis familiares deste primeiro kamikaze identificado, o francés Ismail Omar Mostefani, nado en outubro de 1985 en Courcouronnes. O terrorista viaxou en outono de 2013 a Turquía e, segundo fontes policiais, pasou a Siria para unirse durante varios meses aos xihadistas e é o segundo dos sete ou oito atacantes que a policía relaciona con Siria. 

Un terceiro terrorista, a clave para levar a cabo as detencións nun barrio de Bruxelas, viaxaba cara a Bélxica e xusto na fronteira foi detido pola policía belga. Este home fuxía con outras dúas persoas pero descoñécese se tamén están implicadas nos ataques ao corazón de París. Nese momento a fiscalía belga púxose en contacto coa francesa e empezou un operativo policial que se saldou con numerosas detencións no barrio de Molenbeek.

"Todos os terroristas levaban Kalashnikov, utilizaron un dispositivo idéntico co obxectivo de provocar o máximo número de vítimas", explicou Molins. Os asaltantes utilizaron un chaleco explosivo composto de "nitrato, pilas e botóns de presión para activalo". Cando os atacantes irromperon na Sala Bataclan berraron proclamas evocando a Siria e Iraq, segundo o propio fiscal que destacou que os "feitos foron dunha violencia inaudita".

Doutra banda, os vídeos de seguridade permitiron identificar dous vehículos, un Seat e un Polo de cor negra, con matrícula de Bélxica aínda que, segundo destacaba o fiscal, o encargado de contratar estes coches foi un cidadán francés. Francia tamén está a investigar os vídeos e comunicados cos que ISIS reivindicou a serie de atentados. "A Fiscalía de París pediu a asistencia da Fiscalía belga e a axuda internacional", explicou Molins.

Militares tomando as rúas de París tras o ataque CC-BY-SA José Bautista / eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.