Grupos de extrema dereita incendian unha casa con refuxiadas en Atenas

A 'squat' atacada pola extrema dereita © Miguelanxo Lar / María Rúa

ATENAS - Enviados especiais

A squat ateniense, Notara 26,  vén de ser atacada con cócteles molotov por grupos de extrema dereita gregos a pasada noite do mércores ao xoves cando arredor de 250 persoas refuxiadas estaban durmindo na vivenda. O atentado produciuse ás 2.45 horas no céntrico barrio de Exerchia.

Grupos de extrema dereita atacaron a vivenda onde durmían 250 refuxiadas

Notara 26 é un espazo ocupado por activistas gregas vinculadas á defensa dos dereitos humanos e á loita antirracista. Dende principios de ano, o espazo acollía centos de persoas refuxiadas que chegaron a Atenas escapando da guerra e que tras o tratado da UE e Turquía se atopaban bloqueadas no país.

Segundo confirmou con este xornal o refuxiado sirio e residente no inmoble, Mhd Bilal Abohaelel, ningunha persoa resultou ferida aínda que si se produciron leves intoxicacións polo fume. Varias unidades de bombeiros, ambulancias e policía local, desprazáronse ao lugar poucos minutos despois para mitigar o lume, dar asistencia sanitaria ás afectadas e iniciar as investigacións pertinentes.

Entre as dependencias que sufriron maiores danos atópase o almacén, onde se gardaban alimentos, roupa e xoguetes para as refuxiadas, e o comedor.

Nestes momentos, numerosas refuxiadas e activistas gregas e internacionais están desenvolvendo labores de desentullo e acondicionamento do local para facilitar que as refuxiadas poidan volver á súa vida normal o antes posible.

Nos últimos meses, a extrema dereita leva a cabo atentados racistas e Amencer Dourado intenta sacar rédito político co sue discurso xenófobo

Nos últimos meses, en diferentes puntos de Grecia véñense desenvolvendo pequenas manifestacións e atentados racistas contra as persoas refuxiadas que se atopan no país. Algunhas destas accións, de carácter residual, aconteceron en pequenas localidades do norte da Illa de Lesvos, onde os movementos de extrema dereita vinculados principalmente ao partido político Amencer Dourado tentan aproveitarse da vulnerabilidade das refuxiadas e da situación de crise económica no país para sacar rédito político mantendo un discurso xenófobo que fomenta o odio cara ás desprazadas.

Para ter máis información ou colaborar coa squat de Atenas podes visitar o seu facebook ou twitter nos seguintes links:

Restos do ataque á 'squat' de Atenas © Miguelanxo Lar / María Rúa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.