0 Gardados para despois

“Eu non son portugués, son español”, di Feijóo en defensa dun único fuso horario para todo o Estado

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“En ningún caso vou apoiar un fuso horario en Madrid ou en Baleares e outro en Galicia; eu non son portugués, son español”. Así se pronunciou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando foi preguntado pola petición unánime do Parlament de Baleares, incluído o PP, ao Goberno para que este domingo non se atrase o reloxo unha hora e se manteña o horario de verán.

O presidente dise disposto a debater a homologación con Portugal, Irlanda ou o Reino Unido, pero cualifica de “ridículo que en Mallorca exista un horario distinto do de Vigo”

Baleares argumenta para defender a súa petición que, ao ser a comunidade autónoma máis oriental do Estado, alí anoitece máis cedo, o que prexudica os seus intereses turísticos. A esa petición das illas uníronse este xoves tamén de xeito unánime Les Corts Valencianes. Ao tempo, o propio Mariano Rajoy amosou na pasada campaña electoral a súa disposición a asumir a recomendación que no seu momento realizou unha comisión de estudo no Congreso para que todo o Estado cambie o seu actual fuso horario coincidente coa da Europa continental e o atrase unha hora para adaptalo ao do meridiano de Greenwich, que pasa por Aragón e que é o que teñen Portugal, Irlanda e o Reino Unido. 

Neste contexto, este xoves Feijóo dixo estar disposto a debater sobre a posible adaptación do horario de todo o Estado ao fuso de Portugal e o Reino Unido, pero rexeitou a posibilidade de que existan fusos distintos entre Baleares e a España peninsular ou dentro desta última. “España non é Estados Unidos nin é Europa, España é un país mediano da Unión Europea”, dixo, para engadir que ao seu ver é “ridículo que en Mallorca exista un horario distinto do de Vigo”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.