O fotoxornalismo, baixo a ameaza da prisión ou a morte en Exipto

Protesta nas rúas exipcias © Ahmed Ali

O xornalista exipcio Ahmed Ali comezou o seu labor como activista en 2011, durante as revoltas iniciadas en xaneiro como parte do movemento xuvenil 6 de Abril. Traballou documentando violacións das forzas de seguridade e era parte da oficina de prensa do movemento, ao que segue pertencendo. Nos meses seguintes seguiu traballando para diversos medios de comunicación, para a organización de dereitos humanos Comisión Exipcia polos Dereitos e as Liberdades, e para a Rede de Noticias da Liberdade documentando violacións dos dereitos humanos cometidas polas forzas de seguridade do país, como por exemplo o asasinato de dous irmáns na provincia de Suez en finais de 2014, e varios casos de activistas políticos que sufriran a represión gobernamental. En setembro de 2014, cando cubría un evento, foi arrestado xunto con outras nove persoas. Foi posto en liberdade tras cinco días de detención, pero un ano máis tarde, en outubro de 2015, foi xulgado sen estar presente e condenado a 25 anos de prisión, polo que se viu obrigado a saír do país.

Dende entón Ahmed Ali vive exiliado en España e conta co apoio de Amnistía Internacional a través do Programa de Protección Temporal para Defensores/as en Risco. Esta semana atópase en Galicia para explicar en centros de ensino, conferencias públicas e roldas de prensa a situación que vive o seu país e a violacións dos dereitos humanos que alí se producen. Estivo xa na Coruña (luns), Ribeira e Boiro (martes) e este mércores achegarase a Compostela (Facultade de Ciencias da Educación, 20 horas), desprazándose o xoves e venres a varios centros de ensino de Vigo, Redondela, Sanxenxo e Pontevedra, finalizando a súa xira o venres na cidade olívica cunha nova conferencia (Centro Social de A Fundación, 20 horas).

Os colectivos e activistas defensores dos dereitos humanos e os xornalistas exipcios son os axentes sociais maior risco de sufrir a represión dun sistema xudicial cada día máis instrumentalizado e menos independente

Os colectivos e activistas defensores dos dereitos humanos e os xornalistas exipcios son os axentes sociais maior risco de sufrir a represión dun sistema xudicial cada día máis instrumentalizado e menos independente. Os mozos que se manifestaron contra a ditadura de Hosni Mubarak, a xunta militar que o sucedeu e o goberno posterior de Mohamed Morsi dos Irmáns Musulmáns, sofren agora unha represión implacable. Trala caída de Morsi en 2013, tras un golpe de Estado do mariscal Abdel Fattah al-Sisi (ministro de Defensa), a situación non fixo máis que agravarse, de feito dise que a xeración das protestas e das manifestacións pola liberdade é agora a “xeración dos cárceres”.

"A situación dos dereitos humanos continuou deteriorándose. As autoridades restrinxiron arbitrariamente o dereito á liberdade de expresión, asociación e reunión pacífica; promulgaron unha draconiana lei antiterrorista e detiveron e encarceraron a persoas críticas co goberno e a líderes e activistas da oposición política, que nalgúns casos sufriron desaparición forzada", denuncia Amnistía Internacional. Os propios Irmáns Musulmáns, o movemento de mozos 6 de Abril no que milita Ahmed Ali e os ultras de fútbol foron declarados organizacións terroristas e en aplicación da nova lexislación aplicada dende ese ano 2013 milleiros de mozos foron condenados por manifestarse sen autorización, incitar ás protestas e ao derrocamento do goberno e pertencer a organizacións prohibidas.

Segundo as organizacións de dereitos humanos exipcias, entre tres e catro persoas desaparecen cada día. "Detidos en segredo durante semanas e meses, son maltratados ou torturados ata que confesan delitos que non cometeron. Aqueles que reaparecen, xeralmente en prisión, son xulgados por tribunais ordinarios ou militares, acusados falsamente", detallan os responsables de Amnistía Internacional, que denuncian que "o Estado continúa utilizando o sistema de xustiza penal como instrumento de represión". A organización salienta, no entanto, que "a presión internacional funciona" e que "aínda que hoxe en Exipto o panorama é negro, en 2016 conseguíronse éxitos importantes grazas á mobilización internacional e aos esforzos dos activistas de Amnistía Internacional".

 

O caso de Shawkan e a represión contra os xornalistas

O fotoxornalista Mahmoud Abu Zeid, coñecido como Shawkan, de 28 anos de idade, foi detido en agosto de 2013 cando informaba sobre a dispersión violenta polas forzas de seguridade dunha sentada pacífica convocada en Rabaa al Adaweya. Permaneceu recluído sen cargos durante case dous anos, antes de que a fiscalía remitise o seu caso aos tribunais, o pasado mes de agosto. Porén, dende o verán o seu xuízo vén adiándose unha e outra vez, desta volta ata o 19 de novembro. O proceso podería mesmo rematar coa súa condena a morte.

Durante a súa detención, Shawkan foi golpeado por axentes de policía e soldados. No cárcere a súa saúde deteriorouse moito como consecuencia da hepatite C. A pesar diso néganlle acceso a medicación. A súa familia apelou ata 17 veces ao fiscal para que o deixe en liberdade por razóns médicas, en balde. "Son un reporteiro gráfico, non un delincuente. A miña detención indefinida é psicoloxicamente insoportable. Nin sequera os animais sobrevivirían nestas condicións", sinalou dende prisión.

Os casos de Shawkan ou do propio Ahmed Ali non son excepcionais. Foron detidos e xulgados varios xornalistas que traballaban para medios informativos críticos coas autoridades ou que estaban vinculados con grupos de oposición por divulgar “noticias falsas”, entre outros cargos penais de motivación política. Foi o caso de Peter Greste, Mohamed Fahmy e Baher Mohamed, xornalistas de Al-Jazeera. De igual xeito, persiste o risco de ser xulgado por “difamar a relixión” ou “ofender a moral pública”.

Unha das fotografías de Ahmed Ali © Ahmed Ali
Protesta nas rúas exipcias © Ahmed Ali
Protesta nas rúas exipcias © Ahmed Ali
Ahmed Ali retratou a represión que se sofre no país © Ahmed Ali
Protesta nas rúas exipcias © Ahmed Ali
Protesta nas rúas exipcias © Ahmed Ali
Outra das fotografías de Ahmed Ali © Ahmed Ali

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.