Portugal pecha toda a fronteira agás Valença e Chaves de mércores a domingo pola visita do Papa a Fátima

Cartaz da visita do Papa a Fátima Dominio Público Praza Pública

Galicia terá dous dos nove pasos autorizados entre España e Portugal, e neles requirirase DNI ou pasaporte

A visita do Papa Francisco a Fátima os próximos venres 12 e sábado 13 fará que o Goberno portugués peche toda a súa fronteira con España de mércores a domingo agás nove puntos de paso dos que só dous, os de Tui-Valença e Verín-Chaves, permitirán a comunicación con Galicia. E neles poderá ser requirida a identificación persoal con DNI ou Pasaporte.

O Goberno portugués aprobou no seu Conselho de Ministros do pasado 30 de marzo unha Resoluçao, publicada no Diário da República do 4 de abril, no que se adopta a “medida de exceçao” de suspender temporalmente nas súas fronteiras a libre circulación de persoas en vigor en Europa desde o acordo de Schengen  “em caso de ameaça grave à ordem pública ou à segurança interna”. Iso é o que considera Portugal que ocorre coa visita do Papa a Fátima do próximos sábado e domingo, que mobilizará milleiros de persoas. E por iso acordou que desde as 00.00 horas do mércores día 10 ata as 00.00 horas do domingo se peche toda a fronteira terrestre con España agás nove puntos de cruzamento nos que ademais poderá ser esixida a identificación persoal con DNI ou Pasaporte por parte dos axentes portugueses, que estarán auxiliados por axentes españois. Entre Galicia e Portugal o cruzamento da fronteira só será permitido entre Tui e Valença, con controis de documentación tanto na autoestrada xusto a continuación da ponte internacional sobre o Miño como na estación de tren de Valença, e entre Verín e Chaves.

As pontes de Goián, Salvaterra e Arbo e o resto de pasos terrestres da raia ourensá estarán pechados

Con esta restrición, durante estes catro días será imposible cruzar a Portugal desde Galicia por lugares como o transbordador da Guarda a Caminha, as pontes internacionais sobre o río Miño de Goián-Vila Nova de Cerveira, Salvaterra do Miño-Monçao e Arbo Melgaço, ou polo resto de pasos terrestres do resto da raia na provincia de Ourense.

Os outros sete puntos de paso do resto da fronteira con España son os de Bragança-Zamora, Vilar Formoso-Fuentes de Oñoro, Castelo Branco-Plasencia, Portalegre-Valencia de Alcántara, Elvas-Badaxoz, Vila Verde de Ficalho-Rosal de la Frontera e Vila Real de Santo António-Ayamonte. Portugal xa aplicou medidas similares de peche de fronteiras durante a Eurocopa de 2004 ou a cimeira da OTAN de 2010. Por outra banda, o Goberno portugués tamén alerta, aos que eses días se vaian desprazar por Portugal, de posibles problemas na circulación na autoestrada A-1 Lisboa-Porto á altura de Fátima.

Ponte entre Salvaterra do Miño e Monçao CC-BY-SA Kanano

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.