0 Gardados para despois

A apertura de máis fronteiras con Portugal das anunciadas non evita as retencións

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Finalmente Portugal non limitou os accesos aos nove pasos fronteirizos (en Galicia só os de Valença e Chaves) que indicara hai máis dun mes no Diário da República para reforzar a seguridade con motivo da visita do Papa a Fátima. O que fixeron as autoridades lusas foi impor controis en todos os puntos de paso habituais e están a desviar o tráfico pesado ou os vehículos que non sexan españois ou portugueses cara eses denominados “pontos de passagem autorizados”, os máis transitados habitualmente, que no caso do da ponte entre Tui e Valença está a rexistrar importantes retencións. Noutros, como a ponte entre Goián e Vila Nova de Cerveira, o tráfico, tamén con controis, é máis fluído.

As autoridades luxas impuxeron controis en todos os puntos de paso habituais e desvían algúns vehículos cara os inicialmente designados como “pontos de passagem autorizados” de Valença e Chaves

A decisión de suspender temporalmente o acordo de Schengen de libre circulación polas fronteiras interiores europeas por motivo da visita do Papa foi adoptado polo Conselho de Ministros de Portugal o 30 de marzo e publicado no Diário da República o 4 de abril. Nesa Resoluçao limitábanse os “pontos de passagem autorizados” a só nove en toda a fronteira con España, entre eles os anteditos de Valença e Chaves.  Porén, pasou máis dun mes sen que ningunha administración española informase a este lado da raia da medida ata que o fixo este luns a Guardia Civil, só día e medio antes de aplicarse a medida, provocando protestas de diversos colectivos afectados. Aínda o propio luns o director nacional adxunto do departamento encargado de aplicar a medida, o Serviço de Estrangeiros e Fronteiras de Portugal, Joaquim Pedro Oliveira, aseguraba en Radio Renascença que “todo o resto da fronteira é classificada como pontos de passagem não autorizada”. Porén, finalmente todos os pasos fronteirizos están abertos con maiores ou menores demoras derivadas do control da documentación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.