0 Gardados para despois

"O resultado foi contundente. Os medios utilizan Venezuela para non falar do que pasa en España"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Vanessa Angustia, senadora de En Marea, foi unha das 43 integrantes da delegación internacional de observadoras do Proceso Constituínte de Venezuela, que o pasado 30 de xullo celebrou a súa votación, na que participaron máis de 8 millóns de persoas, un 41,5% do censo, unha cifra superior á esperada. Ademais de Angustia, Fran Pérez (IU) e Vicent Garcés (PSOE) participaron no grupo de políticos que supervisaron os comicios.

A delegación emitiu un informe favorable sobre a limpeza e legalidade do proceso, fronte ás críticas expresadas pola oposición, que se negou a participar. Con todo, os comicios acabaron por reforzar o goberno de Nicolás Maduro, obrigando unha parte da oposición a mudar a súa estratexia e apostando por participar nas eleccións rexionais que se celebrarán o vindeiro 10 de decembro. Preguntámoslle sobre a legalidade e limpeza das eleccións, sobre a cobertura da prensa española e sobre a súa valoración do futuro político do país latinoamericano

Máis aló da valoración técnica que fixestes sobre a legalidade das eleccións, como viviches a nivel persoa a experiencia vivida esa semana en Venezuela? Con que sensación quedaches sobre o momento político que vive o país?

A palabra é ilusionante, eu vivino así. Parecíame un momento extremadamente importante e extremadamente delicado. Eu quería estar aí, quería respirar a asemblea. E a experiencia foi moi interesante pola parte do traballo que fixemos; tentamos facer un traballo moi rigoroso, porque sabiamos que esta vez moitos ollos ían estar postos nas conclusións que elaborásemos. Estivemos no Tribunal Superior de Xustiza, coñecemos dende dentro o funcionamento do CNE e vivimos en primeira liña a xornada electoral. Ese foi o día máis impresionante de todos os que vivín esa semana.

"Os resultados da Constituínte foron contundentes: o pobo saíu a votar e decidiu facer un exercicio de democracia sen precedentes"

Como era o día a día do traballo da Delegación? Que tipo de controis realizastes?

A delegación estaba formada por 43 persoas, que viñamos de Europa, de Norteamérica e de América Latina, con xente de Austria, Suíza, Irlanda, Francia, Brasil, Bolivia, Ecuador, Uruguai, Chile, Estados Unidos, Canadá... O traballo tivo varias partes: había que tiña dúbidas sobre a constitucionalidade ou que quería cando menos afondar nesta cuestión e analizamos e avalamos a legalidade do proceso no seu conxunto. Nunha segunda fase revisamos o traballo realizado polo Consello Nacional Electoral no proceso da convocatoria, a elaboración do censo e as 17 auditorías realizadas polo CNE. A empresa Smartmatic non atopou irregularidades en ningunha desas 17 auditorías. Na véspera da propia xornada electoral revisamos o proceso técnico: dende os propios colexios ata a a instalación de máquinas de votación.

"Os barrios nos que se intentaba impedir á xente votar eran barrios de clase media, lugares moi específicos controlados por unha parte da oposición"

Como foi a xornada electoral?

O día das eleccións dividímonos en cinco grupos. Eu estiven no Estado de Vargas e en Caracas. E aí vimos unha cousa curiosa: os barrios trancados, os barrios nos que se intentaba impedir á xente votar eran barrios de clase media, lugares moi específicos controlados por unha parte da oposición. Nese sentido, foi impresionante ver a xente votando nestes lugares, como no Estado de Mérida: xente que tiña as rúas cortadas, que utilizou barcas, que tiña que chamar á Garda Nacional Bolivariana... Como pensabamos que era importante que a valoración da delegación fose o máis sólida posible, insistimos moito en que a conclusións fosen consensuadas entre os e as 43 participantes; custounos máis de 6 horas de debate, pero finalmente conseguimos redactar un único informe.

Na vosa opinión foi un proceso limpo? Detectastes irregularidades? Que opinas da crítica realizada pola empresa Smartmatic?

Fixéronse 17 auditorías, dúas delas realizadas na propia xornada electoral e Smartmatic non atopou irregularidades en ningunha delas. Con posterioridade, a propia empresa realiza unha nova auditoría na que se comparan o 54% dos resultados cos boletos físicos que emite cada máquina de votación. E de novo non atopa irregularidades, afirmando a legalidade do proceso. E varios días despois, cunha presión política brutal, con gobernos comunicando que non recoñecían os resultados, países buscando formas de derrocar o goberno, cunha parte da oposición que se nega a participar en vías políticas..., nese momento a empresa decide introducir unha dúbida. E faino, ademais, sen probas de ningún tipo, facendo fincapé no único tema que non é comparable, que é dicir que se intentou manipular o censo. Se din que se tentou é que non se conseguiu, e que polo tanto o censo non estaba manipulado. Esa mensaxe lánzase despois dunhas fortísimas presións políticas. Se a empresa non foi quen de achegar probas é quizais que o que din non é certo. Igual o que hai detrás é unha oligarquía en Venezuela que non aceptou a súa derrota.

"Fixéronse 17 auditorías, dúas delas realizadas na propia xornada electoral e Smartmatic non atopou irregularidades en ningunha delas"

Os resultados da votación supoñen un voto de confianza ao Goberno? Obrigan á oposición a mudar a súa estratexia? 

A oposición ten neste momento dúas opcións: unha delas é a que está tomando por exemplo a Mesa de la Unidad Democrática, que anuncian que si se presentarán ás eleccións rexionais. A oposición ten que decidir se aposta pola paz e polo seu pobo, ou se pola contra decide seguir promovendo unha guerra neoliberal que lle vén imposta dende o estranxeiro. Os resultados da Constituínte foron contundentes: o pobo saíu a votar e decidiu facer un exercicio de democracia sen precedentes que, por exemplo, non é posible no país no que eu vivo. En España refórmase a Constitución sen consultar á cidadanía e de forma practicamente agachada nunha votación no Congreso. E faise para primar intereses alleos en detrimento dos intereses do pobo.

Resolverá o proceso constituínte algúns dos graves problemas económicos e de violencia que sofre o país?

Con este proceso o Goberno está a resolver moitos dos erros cometidos nos últimos anos e o seu éxito dependerá da vontade de diálogo da oposición. Hai cousas incribles neste proceso e todo quedou invisibilizado polos medios de comunicación. Non interesaba contar as razóns polas que un país decide cambiar a súa Constitución. Iso é o que está a facer Venezuela: blindar dereitos sociais, blindar as Misións Sociais, impedir que se especule cos prezos, apostar polo matrimonio igualitario, protexer o control público da riqueza do país, dos sectores estratéxicos e dos seus recursos..., e faino facendo responsable a cidadanía deste proceso.

Cales foron os principais erros que cometeu o Goberno nestes anos?

O primeiro erro foron as présas. Venezuela partía dun sistema moi desigual e que escravizaba o pobo e o proceso de querer converter iso nun sistema socialista foi moi complicado, moitas cousas foron quedando atrás. Houbo un momento que parecía que se perderan as canles de comunicación cos sectores populares ou coa poboación indíxena. O Goberno fixo unha reflexión e apostou por regresar ás orixes do movemento e froito desa reflexión naceu este proceso.

"Houbo un momento que parecía que se perderan as canles de comunicación cos sectores populares ou coa poboación indíxena. O Goberno fixo unha reflexión e apostou por regresar ás orixes do movemento e froito desa reflexión naceu este proceso"

Hai un risco real de Golpe de Estado ou dunha intervención externa?

Esas dúas cousas están moi interrelacionadas. Neste momento non hai unha oposición barallando un Golpe de Estado, porque saben que iso é imposible tanto a nivel social como militar, nin o pobo nin o exército apostan por un golpe. A única opción dun golpe vén de fóra e está ligada á defensa de intereses alleos e á aposta por un sistema neoliberal para Venezuela. Non se poden ler de xeito separado as actuacións da oposición no país e as presións internacionais: son o mesmo e están ligadas a un intento de controlar os recursos naturais de Venezuela e de controlar o propio país pola súa situación xeoestratéxica. A clave para a paz será que na oposición se impoña o sector que chama a participar nas eleccións e no propio traballo que faga o Goberno para que o proceso constituínte responda ás expectativas.

"As clases altas preocúpanse cando a cidadanía se empodera porque perden o control e perden o poder, e cando perden o poder perden cartos"

Como valoras a posición que se está mantendo dende o Goberno español e a maior parte dos grandes medios de comunicación? Cres que hai un certo pouso de clasismo en determinadas declaracións, como por exemplo no moi difundido tuit de Miguel Bosé?

O que publicou Miguel Bosé foi moi clarificador das posicións que defenden este sectores: o pobo non pode gobernar. As clases altas teñen medo, preocúpanse cando a cidadanía se empodera porque perden o control e perden o poder, e cando perden o poder perden cartos. Diso se trata.

"Os medios utilizan Venezuela para non falar do que pasa en España"

Como explicas a cobertura mediática que se dá en España sobre Venezuela? Cal, é ao teu xuízo, o seu obxectivo?

O tratamento deste tema en España é dramático. Xusto cando cheguei a Venezuela estaba Mariano Rajoy declarando no Xulgado. Pois resulta que un presidente de Goberno declarando no xuízo sobre a maior trama corrupta do país, nun caso sen precedentes de corrupción política non era portada en España. Os medios utilizan Venezuela para non falar do que pasa en España. Pero a clave non son tanto os medios como os poderes económicos que os controlan. Estes medios non son independentes e non poden tomar decisións por si mesmos. Sobre a propia delegación na que estaba eu chegáronse a difundir mentiras moi grandes, algúns xornais publicaron supostas declaracións miñas que eu non fixera e cando chamábamos aos medios -como La Voz de Galicia ou Radio Nacional- para desmentir o que estaban dicindo, nin corrixían as información nin incluían a nosa versión.

"Cando chamábamos aos medios para desmentir o que estaban dicindo, nin corrixían as información nin incluían a nosa versión"

En España, ao final, non se contou que é realmente o Proceso Constituínte e que é o que busca. Estou segura que moita xente que critica o Goberno venezolano estaría de acordo con blindar dereitos sociais, con impedir a privatización de empresas públicas, con defender o ensino público, con garantir a participación de agricultores e gandeiros nas decisións que lles afectan ou con protexer os recursos naturais. Todo iso está entre os obxectivos da nova Constitución. Pero os medios españois invisibilizan o proceso.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.