0 Gardados para despois

Atentado terrorista en Barcelona: atropelo masivo nas Ramblas

Redacción | @prazapublica

O terrorismo golpea de novo. Desta vez, na capital catalá, Barcelona, e na súa principal e máis coñecida arteria. Unha furgoneta atropelou na tarde deste xoves centos de persoas na Rambla, en pleno centro da cidade e nun dos lugares máis visitados por barceloneses e turistas. Hai 13 persoas falecidas e un cento de feridas.

O condutor, a bordo dunha furgoneta branca, superou pouco despois das 17 horas un semáforo en vermello á altura da rúa Bonsuccés, na parte alta da vía principal. O vehículo saltou o paso de peóns, atropelou varios dos peóns que cruzaban e baixou pola zona peonil da Rambla facendo eses durante varios metros.

Hai 13 persoas falecidas e un cento de feridas

O centro de Barcelona foi de inmediato cercado por policías que tamén buscaban unha segunda furgoneta que tería sido alugada polos autores do atentado. Atopouse ás poucas horas na localidade de Vic. Durante a noite foron abatidos, ademais, cinco terroristas que pretendían cometer un novo atentado en Cambrils. Os Mossos d'Esquadra frustraron o ataque despois de que os sospeitosos se lanzasen nun vehículo contra un control policial no paseo marítimo da localidade tarraconense.

Durante a noite foron abatidos, ademais, cinco terroristas que pretendían cometer un novo atentado en Cambrils

A Policía cre que hai datos que relacionan o ocorrido en Barcelona cunha explosión producida a noite anterior na localidade tarraconense de Alcanar onde morreu unha persoa e outra resultou ferida. A explosión destruíu por completo a vivenda e nela atopáronse restos dunha vintena de bombonas de gas butano e propano. No seu momento, pensárase que todo se debera a unha acumulación de gas.

A Generalitat puxo en marcha un gabinete de crise presidido por Carles Puigdemont. Tanto Puigdemont como a alcaldesa Ada Colau, estaban fóra da cidade e dirixíronse rapidamente a Barcelona. Tamén o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, a vicepresidenta e o ministro de Interior interromperon as súas vacacións para viaxar á capital catalá. "Cataluña foi terra de paz e de acollida e non deixaremos que nos dobreguen", afirmou Puigdemont nunha comparecencia ante os medios na que tamén estaba Colau e o vicepresidente Oriol Junqueras. "Barcelona é e foi sempre unha cidade de paz, aberta ao mundo e orgullosa da súa diversidade e seguirao sendo", dixo despois Colau.

O Colexio de Periodistas de Cataluña lembra as recomendacións para a cobertura xornalística de actos terroristas, elaboradas conxuntamente co Consell de l'Audiovisual de Catalunya, e publicadas hai uns meses. Entre elas está a de non publicar imaxes de cadáveres ou dunha "crueldade excesiva".

Este venres ás 12 horas están convocadas concentracións de solidariedade con Barcelona en moitas cidades e vilas galegas

Este venres ás 12 horas están convocadas concentracións de solidariedade con Barcelona en moitas cidades e vilas galegas. Os actos, encabezados por un minuto de silencio, terán lugar ante as sedes dos concellos.

>> Pode seguir aquí o minuto a minuto de eldiario.es

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.