0 Gardados para despois

Seis cousas que escoitaches sobre os atentados en Catalunya e que os Mossos desmenten

Sergi FranchSergi Franch


Foron moitas as informacións que se publicaron sobre a investigación dos atentados en Barcelona e Cambrils do pasado 17 de agosto. Sobre os preparativos dun masacre maior desde a casa de Alcanar, sobre as indagacións policiais entre os cascallos da que era a súa base loxística, sobre o posible coñecemento da radicalización do imán Abdelbaki Es Satty...

Este luns o major dos Mossos d'Esquadra, Josep Lluís Trapero, desmentiu nunha entrevista en Catalunya Ràdio varias desas informacións publicadas. Trapero mostrouse rotundo e contundente tras denunciar a publicación de noticias falsas sobre a actuación dos Mossos. O major dos Mossos d'Esquadra afirmou que os titulares non afectan o corpo policial, pero si recoñeceu que lle preocupa que os medios "enganen á cidadanía", aínda que iso, ao seu xuízo suceda cada vez menos. "Tres ou catro diarios van inoculando a idea de que isto se podería evitar. Hai quen pon flores e hai quen bota merda", resolveu.

O major dos Mossos lamentou o interese que pode haber tras a publicación de determinadas informacións e defendeu que a policía catalá foi "moi proactiva e transparente" á hora de informar, aínda que recoñeceu que aínda "non é o momento" de ofrecer detalles sobre algúns aspectos da investigación.

Estas son algunhas das informacións que o responsable dos Mossos negou:

"Hai quen pon flores e hai quen bota merda" sobre os Mossos, lamentou o seu máximo responsable

1. A Sagrada Familia non é un obxectivo confirmado

Trapero sinalou que os Mossos non teñen datos que apunten a que a célula xihadista tivese previsto actuar contra a Sagrada Familia. "Nin nós nin ninguén o ten confirmado", asegurou o major Trapero, que o que si detallou é algo do que xa informou a policía: que os terroristas querían facer un atentado de maior envergadura, pola cantidade de bombonas de butano que acumulaban e pola elaboración de explosivos. Con todo, insistiu en que se descoñecen os obxectivos.

2. Nega un aviso da xuíza sobre os preparativos en Alcanar

O major dos Mossos negou tamén que a titular do xulgado de instrución número 2 de Amposta, que participou na inspección dos cascallos da casa de Alcanar, alertase os axentes de que alí se podía estar a preparar un atentado, tal como informou ABC o pasado xoves. "É certo que a xuíza de Amposta nos preguntou: 'Cunha bombona de butano pódese facer unha bomba'?", admitiu Trapero como única referencia a eses feitos, aínda que engadiu que a maxistrada non falou en ningún momento dun posible atentado, como afirmaba ABC con citas textuais. "Se pensase que a explosión de Alcanar estaba relacionada co terrorismo abriríase unha investigación", afirmou, lembrando que esa decisión depende precisamente dos xuíces . 

Sobre o suposto ofrecemento dos TEDAX da Garda Civil para inspeccionar os cascallos do chalé de Alcanar, Trapero negouno rotundamente

Trapero sinalou que os Mossos acharon nun primeiro momento 20 bombonas e outros elementos que fixeron pensar aos axentes e o resto de implicados na investigación que a vivenda podía tratarse dun laboratorio de drogas. Só  tras a segunda explosión se desbotou esa posibilidade.

3. O ofrecemento dos TEDAX da Garda Civil

Sobre o suposto ofrecemento dos TEDAX da Garda Civil para inspeccionar os cascallos do chalé de Alcanar, Trapero negouno rotundamente. "Non nolo ofreceron, en ningún caso", dixo. O major dos Mossos indicou que ese ofrecemento carecería de sentido ante os recursos e competencias de cada corpo policial: "Non se fixo ofrecemento, porque non tería ningún sentido, os Mossos xa teñen o seu equipo de TEDAX".

A Asociación Unificada da Garda Civil e o Sindicato Unificado de Policía denunciaron nun comunicado que os Mossos impediron aos Tedax accceder á casa de Alcanar tras a explosión.

4. A alerta da policía belga que resultou ser unha petición por canles informais

Segundo Trapero, a suposta alerta sobre o imán Es Satty foi "outra mentira máis, unha irresponsabilidade máis", xa que se tratou dunha demanda de información por correo electrónico

"Isto foi outro titular de xornal falso", sinalou Trapero, que na entrevista lembrou de novo como se produciu  a comunicación entre un sarxento dos Mossos e un axente de policía local da poboación belga de Vilvoorde que lle solicitaba información sobre o imán Es Satty. "Outra mentira máis e unha irresponsabilidade máis", resolveu. Trapero lembrou que non houbo ningunha alerta, senón unha demanda de información por e-mail por parte dun policía local belga. "Pregúntalle a un mosso se ten información sobre esta persoa", sinalou Trapero, que lembrou que a petición se enmarcaba nas dúbidas dunha mesquita ante a posibilidade de contratar a Es Satty, que non presentaba o seu certificado de antecedentes penais. Trapero lamentou que esa solicitude de información tornase nalgúns medios "nunha alerta".

Segundo o major dos Mossos, se hoxe se producise esta solicitude, a resposta por parte dos Mossos sería a mesma.

5. O suposto aviso da CIA meses antes

Unha das primeiras informacións publicadas escasas horas despois do atentado indicaba que a CIA avisara a policía catalá sobre o feito de que La Rambla podía ser un obxectivo. Tamén o negou Trapero: "As relacións cos servizos secretos non son competencia dos Mossos", lembrou.

O major sinalou dificultades para obter información internacional por parte do corpo de policía autonómica e afirmou que os servizos de información internacional "relaciónanse con outros servizos secretos, non coa policía".

6. A posible axuda que recibiu Abouyaaqoub

Nas horas posteriores á captura do terrorista fuxido, Younes Abouyaaqoub, especulouse coa posibilidade de que puidese contar con axuda na súa fuxida, o que implicaría que habería máis persoas implicadas na célula. "Non temos ningún elemento que nos faga pensar que obtivo axuda, senón todo o contrario", asegurou o major dos Mossos. Tras o atentado, Abouyaaqoub "estivo vagando ata o luns", segundo Trapero, que si detallou que un dos contactos que tivo Younes Abouyaaqoub foi cunha muller a quen tentou roubarlle o coche.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.