Junts pel Sí e a CUP prevén aprobar a Constitución catalá nun ano

Membros de JxSí e CUP, tras presentaren a proposta Dominio Público JxSí

A proclamación dunha república en 35 días e unha Constitución para Catalunya nun ano. Esta foi a promesa que os grupos independentistas que gobernan a comunidade autónoma catalá fixeron este luns mediante a presentación pública e rexistro da lei de Transitoriedade. 89 artigos e tres disposicións finais que pretenden ser o paraugas xurídico para o tempo de transición de legalidades e, á vez, o camiño detallado cara a un novo Estado independente.

A lei, que dispón a súa propia entrada en vigor se no referendo do 1 de outubro hai máis votos do 'si' que do 'non', baséase nun xogo xurídico de espellos mediante o cal todo o actual ordenamento xurídico queda intacto se non hai unha lei catalá que diga o contrario. É dicir, as que conteñen o texto presentado este luns ou as que conteña unha eventual Constitución catalá. Con esta fórmula, os independentistas cren achar a forma de garantir a seguridade xurídica durante o proceso.

O primeiro fito neste novo calendario chegaría inmediatamente despois do referendo do 1 de outubro. Segundo a terceira disposición final, "esta lei entrará en vigor unha vez sexa aprobada polo Parlament de Catalunya, se faga a publicación oficial e se cumpra o disposto no artigo 4.4 da Lei do referendo de autodeterminación de Catalunya". E isto di ese artigo: "Se no reconto dos votos válidamente emitidos hai máis afirmativos que negativos, o resultado implica a independencia de Catalunya".

Novo calendario con dúas votacións máis

Habería, daquela, unha proclamación da independencia nos días inmediatamente posteriores ao referendo. En pouco máis dun mes o artigo primeiro, "Catalunya constitúese nunha República de Dereito, democrática e social", quedaría avalado polo Parlament. Sería nese momento cando comezaría a viaxe cara á nova Constitución.

O proceso constituínte, tal e como está deseñado no título sétimo da lei de transitoriedade, estaría dividido en dúas fases: unha primeira, deliberativa e de debate cidadán, e unha segunda de redacción do texto constituínte. No medio destas celebraríanse unhas eleccións, co obxectivo de formar unha nova asemblea con mandato constituínte. Sempre desde a óptica dos independentistas, estas eleccións serían unha nova proba de apoio ou rexeitamento popular á independencia de Catalunya.

Segundo o proxecot establecido todo remataría un ano despois cun novo referendo sobre o texto dos constituíntes

Segundo o plan establecido, todo acabaría a un ano vista, cun novo referendo. Esta vez, na votación ratificaríase ou non o texto que os constituíntes presentasen. En total, preto de 12 meses de proceso de elaboración da nova Carta con ata tres votacións contando o referendo do 1-O.

A lei de ruptura como norma xurídica máxima

Mentres se dan todos estes pasos cara á redacción e promulgación dunha nova Constitución, a lei de Transitoriedade tamén regula os aspectos legais do día a día, como norma xurídica máxima, sempre baixo o principio de supletoriedade, é dicir, que en ausencia de lexislación propia aplícase a lei vixente ata agora.

Esta lei regula por exemplo a obtención da nacionalidade catalá, á que accederán directamente os nacionais españois empadroados en Catalunya antes de 2017, e que poderán solicitar españois e non españois que cumpran uns determinados requisitos de empadroamento. Ser nacional catalán non comportará a renuncia a outras nacionalidades.

A proposición de lei prevé a continuidade do dereito vixente nos ámbitos local, autonómico, estatal e europeo e dos tratados internacionais

Outro dos grandes aspectos que regula de forma detallada ten que ver coa sucesión entre estados, unha situación típica nas secesións. No caso catalán, a proposición de lei prevé a continuidade do dereito vixente nos ámbitos local, autonómico, estatal e europeo, así como os tratados internacionais. Do mesmo xeito, prevé a continuidade dos actos administrativos e a subrogación sen modificar os seus termos dos contratos, convenios e acordos, ata agora feitos co Estado e que asumiría a nova Generalitat.

Respecto ao brazo xudicial do Estado, a norma convertería o autonómico Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya nun Tribunal Supremo, sacaría a Fiscalía do control do Executivo para pola baixo o Lexislativo, entregaría o actual papel do Consello Xeral do Poder Xudicial a unha sala do Supremo catalán ou crearía unha Comisión Mixta entre poder Xudicial e Goberno para administrar os recursos materiais. Contempla tamén a amnistía para os políticos agora imputados ou procesados pola súa actividade pacífica en pos da independencia.

Esquivar o Constitucional

Tras varios meses de segredo, o borrador lexislativo viu este luns a luz. Con todo, aínda quedan grandes incógnitas sobre os plans do Executivo de Puigdemont e da maioría parlamentaria que lle dá apoio. A máis importante dela, como pensa aprobar as leis do referendo e de transitoriedade sen que o Goberno de España as suspenda durante a súa tramitación pola vía dun recurso ao Constitucional.

Aínda quedan grandes incógnitas; a máis importante é como aprobar as leis do referendo e de transitoriedade sen que o Goberno de España as suspenda

Esta situación xa ocorreu o 16 de agosto coa lei do referendo, que no último momento foi sacada da orde do día da reunión da Mesa, como forma de deixala fóra do alcance da acción suspensiva dos tribunais. Coa lei de transitoriedade ocorrería o mesmo. De ser aceptada a trámite, o Constitucional non tardaría en suspendela e os independentistas deberían decidir se continuar adiante coa súa aplicación, a pesar das consecuencias penais.

Unha das opcións que se barallan para ambas as leis é que sexan levadas á Cámara mediante decretos gobernamentais, que permitirían un trámite máis curto. Tamén que fosen introducidos directamente no Pleno sen pasar polo trámite parlamentario, algo que o regulamento permite e que atopa dous antecedentes en dúas propostas de resolución introducidas pola CUP e Catalunya Si que es Pot en maio pasado directamente durante a sesión parlamentaria.

Texto rexistrado no Parlament catalán por JxSí e CUP Dominio Público JxSí

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.