Morre Francisco Lores, presidente da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina

Francisco Lores, intervindo nun acto © Federación de Asociacións Galegas da Arxentina

Este xoves finou en Bos Aires os 83 anos de idade Francisco Lores, presidente da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina. Nacido no Grove en 1934, Lores levaba no país austral dende os 18. Mantivo toda a súa vida unha intensa actividade en defensa dos dereitos dos e das emigrantes e tamén a prol dos dereitos humanos. Os seus restos serán velados na sede da Federación este venres. O sábado será soterrado no cemiterio da Chacarita.

"A perda de Paco Lores xera un profundo baleiro que será moi difícil de encher, xa que o seu pulo, coraxe, compromiso e loita son cualidades que hoxe non se atopan con facilidade", salienta a Federación

A Federación destaca que "a perda de Paco Lores xera un profundo baleiro que será moi difícil de encher, xa que o seu pulo, coraxe, compromiso e loita son cualidades que hoxe non se atopan con facilidade". "Coa súa morte, vaise unha figura incomparable da colectividade galega en Arxentina, o azoute de quen utilizaban a galeguidade, a política e a súa posición en beneficio propio en lugar de para axudar a sociedade. Paco era un home claro e sen pelos na lingua, combativo, que cría na pluralidade a pesar das súas fortes conviccións políticas e que amaba, por riba de todas as cousas, a Galicia e Arxentina a partes iguais", engaden.

Lores chegou a Arxentina en 1952 e sendo moi novo trabou amizade con Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela ou Luís Seoane. Dende os anos 90 significouse en numerosas loitas a prol dos dereitos da colectividade galega no país, tanto en reivindicación de pensións dignas, da posibilidade de votar nas sedes consulares para evitar a fraude. En 1995 elevou estas demandas, como responsable do Consello de Residentes Españois (CRE), tanto ao Rei Juan Carlos como ao entón xefe do Goberno español, Felipe González, no V Cumie Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno de Bariloche. E dous anos máis tarde fixo o mesmo ante José María Aznar nunha visita deste á Arxentina.

Lores defendeu tamén a causa dos Netos, que reclamaban a posibilidade de obter nun plano de igualdade a nacionalidade española, que nese entón tiña varias limitacións. E loitou a favor do voto emigrante sen restricións para todos os galegos e galegas da diáspora.

Significouse en numerosas loitas a prol da colectividade galega no país, tanto en reivindicación de pensións dignas coma do dereito de voto para todos os galegos da diáspora

Foi igualmente unha figura clave para a creación da Federación Unión de Asociacións Galegas da República Arxentina (FUAGRA), hai xa case tres décadas. Durante a súa xestión á fronte da Federación creou, en 2005, o Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA), e máis adiante a Biblioteca Galega de Bos Aires 'Antonio Pérez-Prado'.

Así mesmo impulsou dende a Federación dúas querelas contra o Exército Arxentino pola desaparición de numerosos cidadáns españois e de orixe galega, durante a última ditadura arxentina (1976-1983).
 

Francisco Lores, intervindo nun acto © Federación de Asociacións Galegas da Arxentina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.