0 Gardados para despois

"O pobo saharahuí non pode vivir da solidariedade, quere vivir dos recursos da súa propia terra"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O pobo saharauí está afeito a resistir. Son xa máis de 40 anos de ocupación por parte de Marrocos, a pesar dos chamamentos internacionais para que Rabat se retire da zona e permita un proceso político de autodeterminación. As persoas que viven nos campamentos de refuxiados e nas cidades e vilas ocupadas sofren pobreza, detencións e a violencia da policía e importantes eivas no terreo sanitario, motivadas sobre todo pola falta de instalacións axeitadas e de medicamentos e outros materiais. Dende o ano 1991 SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí) mantén unha constante actividade de apoio, primeiro a través de Amigos do Pobo Saharauí, máis tarde Asociación Galega de Axuda ao Sáhara e dende 2004 coa actual denominación.

Este mes 15 sanitarios e sanitarias galegas viaxaron a Tindouf para reforzar a asistencia médica nos campamentos de refuxiados saharauís

Este mes 15 sanitarios e sanitarias galegas viaxaron a Tindouf para reforzar a asistencia médica nos campamentos de refuxiados saharauís. Este equipo estivo formado por un médico de familia, unha xinecóloga, dúas enfermeiras -unha delas especialista en enfermaría familiar e comunitaria-, unha internista e 10 podólogos que xunto con Noelia Porto -responsable e coordinadora da devandita comisión- reforzaron a asistencia sanitaria de atención primaria do Hospital de Bojador. Desde 2007 SOGAPS traballa de forma activa nos campamentos dando apoio ao Ministerio de Saúde Pública Saharauí, con asistencia sanitaria, enviando material e medicación, colaborando na restauración do Hospital de Bojador e construíndo a Casa Sanitaria de Galicia xunto cun proxecto da Xunta.

SOGAPS organizou tamén unha visita institucional, na que participaron Miguel Castro e Ivan López, de Esquerda Unida, e á que días máis tarde se uniu Eva Solla, coordinadora nacional da formación  e vicepresidenta do Parlamento, que se desprazou a Tindouf como membro da delegación do Intergrupo Paz e Liberdade co Pobo Saharaui da cámara galega. Esta delegación mantivo xuntanzas co presidente do Parlamento saharauí, Jatri Adduh, e coa vicepresidenta do Parlamento Africano, Suelma Beiruk, coa que conversaron sobre o papel das mulleres saharauís. "As mulleres tiveron sempre un papel moi relevante. Non hai que esquecer que foron elas as que construíron os campamentos. Moitos dos homes morreron na propia guerra e elas asumiron un rol protagonista, poñendo en marcha as institucións e aínda hoxe manteñen un papel moi destacado. Teñen un 32% de mulleres no Parlamento e están facendo un esforzo moi importante pola inclusión. Teñen problemas de desigualdade, pero seguramente máis dereitos que na maior parte dos países da zona", destacan.

Ademais, participaron na apertura do IX Congreso do UJSARIO (Xuventude do Frentre Polisario), reuníronse cos membros de Media Lúa Vermella, que lles explicaron as dificultades da poboación para acceder á auga e tamén a situación de desnutrición crónica que padecen moitas mulleres embarazadas. Así mesmo, estiveron coa Asociación de Familiares de Presos e Desaparecidos Saharauís e, por último, visitaron diferente lugares, como o Museo da Resistencia, a Casa Sanitaria de Galicia ou o Hospital de Bojador.

Eva Solla valora a súa visita cunha "sensación persoal agridoce". "Por unha banda, a capacidade de resistencia que teñen é un exemplo para todos e todas, esa capacidade de organizarse nunhas condicións tan adversas como as que padecen. Pero pola outra, é doloroso ver a situación de pobreza e de dificultades que todo tipo que sofren dende hai 42 anos, con violacións de dereitos humanos a diario, e tamén o abandono comunidade internacional", destaca, engadindo que "é desesperanzador comprobar como 42 anos despois a súa situación non mellora". "No proceso de renovación dos órganos de goberno e de dirección da Fronte Polisaria, hai unha presenza cada vez maior de xeracións que non viviron a guerra e que reclaman medidas máis contundentes de cara á solución do conflito. Eles nunca perden a esperanza, pero están cansos de esperar", comenta.

Solla cualifica de "vergoñenta" a posición mantida polo actual Goberno español e por todos os Executivos que o precederon: "Todos os Gobernos que tivo España miraron cara ao outro lado. España era a potencia administradora e polo tanto é o país que ten máis responsabilidade na resolución do conflito". "O que non pode o Estado español é seguir asumindo as chantaxes de Marrocos. É unha posición hipócrita na que por un lado se lles envía axuda humanitaria -cada vez menos por certo- e pola outra mírase cara a outro lado e non se resolve o conflito", sinala.

"O Estado español non pode seguir asumindo as chantaxes de Marrocos. É unha posición hipócrita na que por un lado se lles envía axuda humanitaria e pola outra mírase cara a outro lado e non se resolve o conflito"

A deputada do grupo de EnMarea no Parlamento galego conclúe que "a solución é política" e pasa pola celebración dun "referendo de autodeterminación" e polo cumprimento por parte de Marrocos das resolucións de Nacións Unidas e as sentenzas do Tribunal Europeo de Xustiza que determinan que os recursos naturais do Sahara (principalmente a pesca e os fosfatos) son propiedade do Sahara, e que Rabat non pode espolialos. "Non poden vivir eternamente da solidariedade internacional. Queren vivir dos recursos da súa propia terra", conclúe.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.