O masacre de Israel en Gaza tinxe de sangue a inauguración da embaixada dos EUA en Xerusalén

Persoal médico atende un ferido en Gaza Dominio Público Imaxe difundida pola UNRWA, axencia da ONU para Palestina

Xerusalén

Os  prolegómenos da cerimonia de inauguración da embaixada dos EUA este luns en Xerusalén ben podían ser retransmitidos desde a alfombra vermella dun festival de cinema, se non fose porque o acto comezou coas noticias das primeiras mortes en Gaza.

A Jared Kushner e Ivanka Trump só lles faltou a alfombra vermella, dado o gran número de invitados que se puxeron a gravar a súa entrada cos seus teléfonos móbiles. "Estou orgulloso de estar hoxe aquí en Xerusalén, o corazón do pobo xudeu", comezou dicindo o xenro de Donald Trump e o seu enviado especial coa presunta misión de promover a paz entre israelís e palestinos.

"Quedou demostrado como cando o presidente fai unha promesa logo a cumpre", continuou Kushner. "Non só no relativo ao traslado da embaixada a Xerusalén, senón tamén en relación á nosa saída do pacto nuclear con Irán", engadiu, provocando os aplausos dos entregados presentes.

Na cerimonia de inauguración participaron o multimillonario dos casinos Sheldon Adelson, financiador de Trump, un pastor evanxélico que dixo que os xudeus irían ao inferno e outro que ligou a Hitler ao plan de Deus para devolver os xudeus a Israel

En primeira fila escoitábao atenta a súa muller, que despois foi a encargada de descubrir unha enorme placa para inaugurar un proceso de traslado que durará entre cinco e dez anos, segundo aseguraba un funcionario do actual consulado xeral. Xunto a ela, o primeiro ministro de Israel, Benjamín Netanyahu e a súa dona, Sara. E tamén en primeira fila, o multimillonario dos casinos de Las Vegas e Macau Sheldon Adelson, quen proporcionou apoio financeiro á campaña de Trump e financia o xornal que é o principal sostén mediático de Netanyahu en Israel.

A cerimonia tamén incluíu numerosas metáforas bíblicas grazas á intervención de dous pastores evanxélicos norteamericanos. Un deles coñecido porque dixo que os xudeus irían ao inferno, e o outro porque afirmou que Hitler formaba parte do plan de Deus para devolver aos xudeus a Israel. A pesar desas afirmacións, estaban alí ao ser os líderes evanxélicos máis partidarios da causa de Israel.

Masacre na fronteira con Gaza

Mentres se celebraba esta cerimonia, na fronteira de Gaza os militares israelís reprimían con fogo real a Marcha do Retorno que comezou o 30 de marzo coa conmemoración do "Día da terra".

Concibida inicialmente como unha secuencia de accións de resistencia non violenta -co triplo obxectivo de volver colocar a cuestión palestina na axenda internacional da que quedou totalmente relegada, denunciar a grave crise humanitaria que atravesa Gaza debido ao bloqueo á que se viu sometida desde 2007 e reclamar o dereito do retorno do cinco millóns de refuxiados que continúan no exilio- as mobilizacións foron tinxidas de sangue desde o primeiro día.

A matanza produciuse pola decisión do Exército israelí de non aplicar as súas propias regras, que prohiben disparar a matar se o atacante non pon en perigo a vida dos soldados. Dispararon aos manifestantes, aos xornalistas e ao persoal sanitario

Se esa primeira xornada do "Día da terra" os francotiradores mataron a 17 palestinos, e durante os venres seguintes a cifra de mortos ascendeu ata os 45, o luns cobrouse a vida doutros 58, sete deles menores.

A matanza produciuse pola decisión do Exército israelí de non aplicar as súas propias regras, segundo as cales se prohibe disparar a matar se o atacante non supón un perigo para a vida dos soldados. Os francotiradores dispararon aos manifestantes, aos xornalistas e ao persoal sanitario.

Aínda que esta cifra de mortos é xa de seu horrible para tratarse dun Estado que di defender os valores democráticos e occidentais -tal como aseguraron repetidamente o presidente Rivlin e o primeiro ministro Netanyahu na cerimonia da embaixada- este martes en que se conmemora o "Día da Nakba" -ou da catástrofe nacional palestina-, este dramático balance ben podería ser superado.

E todo a días de que comece o primeiro venres de Ramadán e cando as mortes de palestinos poderían converterse na semente que faga xermolar unha cuarta guerra de Gaza que, segundo o ministro israelí de Defensa, Avigdor Lieberman, sería "a derradeira e definitiva", e na que os mortos se contarían non por decenas, senón por miles.

Inauguración da embaixada dos EUA en Xerusalén Dominio Público @IvankaTrump

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.