6 gráficas fundamentais para entender o referendo en Escocia

Evolución da estimación de voto para as dúas opcións no referendo Dominio Público Praza Pública

Hai cousa dun ano ou dun ano e medio, cando comezaban a aparecer na prensa británica as primeiras enquisas sobre o referendo de independencia de Escocia, moi poucas voces albiscaban a posibilidade doutro resultado que non fose unha vitoria do non. Pero a medida que se foi aproximando a data da consulta, as sondaxes comezaron a amosar unha subida constante do apoio ao SI, até o punto de pórse en cabeza nalgunhas enquisas durante as últimas semanas.

A suba do SI

Esta gráfica recompila os resultados das principais enquisas publicadas desde febreiro de 2013 e inclúe a aquelas persoas que aínda non teñen claro o que van votar o xoves. A tendencia é clara, o SI é capaz de convencer aos indecisos e mesmo roubarlle votos ao NON, deixando un resultado moi aberto a poucas horas de que abran as urnas.

Pero cales son as razóns deste crecemento do SI? Segundo un estudo feito pola consultoría Ipsos-Mori, destácanse 3 grandes motivos que afectan sobre todo á natureza das campañas Yes Scotland e Better Together:

  1. A visión positiva que transmite a campaña polo SI e o seu carácter de base.
  2. A negatividade da campaña polo NON.
  3. O atractivo da idea de romper con Londres, tendo en conta a posición de debilidade do Partido Laborista e o ascenso do Partido pola Independencia do Reino Unido (UKIP polas súas siglas en inglés).

Sobre este último punto, cómpre lembrar que o electorado escocés é maioritariamente de esquerdas e que a campaña polo SI está a facer fincapé en que eles nunca votaron as maiorías conservadoras de Westminster. Por esta razón, a idea de que os tories sigan no poder outra lexislatura non resulta nada atractiva para o votante escocés. Nas últimas eleccións xerais, os conservadores só obtiveron un deputado dos 59 que envía Escocia á Cámara dos Comúns.

 

As enquisas anuncian un resultado axustado

Tal e como vimos na gráfica de arriba, nas últimas semanas a vitoria para unha ou outra opción variou dependendo da enquisa, pero non todas son igual de fiables. Algunhas utilizan paneis online, nos que normalmente participa xente máis involucrada na campaña, e outras fan chamadas telefónicas, que conseguen unha mostra máis representativa.

No sitio web What Scotland Thinks? publican con frecuencia o que eles chaman poll of polls (enquisa de enquisas), que é unha media de distintas sondaxes feitas por varias empresas. A última publicárona o 12 de setembro, a menos dunha semana do referendo, e daba unha vitoria do NON por 2 puntos.

 

O perfil dos votantes

As gráficas que veñen a continuación están baseadas nunha enquisa telefónica feita pola empresa ICM a petición do xornal The Guardian. Unha sondaxe moi semellante a esta foi capaz de predicir o resultado exacto dun referendo que se celebrou no Reino Unido hai 3 anos, co que se quería mudar o sistema utilizado para elixir aos deputados nas eleccións xerais.

Unha das batallas clave do pouco que queda de campaña, e desde logo a máis destacada pola prensa británica, é a loita polo voto feminino. En repetidas enquisas amosouse que o NON conta con moitas máis simpatías entre as mulleres que entre os homes, pero ao mesmo tempo hai unha bolsa de indecisas lixeiramente superior. Unha oscilación neste grupo poboacional pode ser determinante no resultado final. Conscientes disto, ambas campañas lanzan mensaxes dirixidas a ganar o apoio das escocesas. Aos do NON isto non lles saíu moi ben, xa que publicaron un vídeo sobre o tema que foi acusado de ser paternalista e sexista.

 

Onde o SI ten máis forza é nas capas máis humildes da sociedade. A gráfica anterior amosa o apoio maioritario dos desempregados á independencia, ao que hai que sumar a tendencia das clases traballadoras a optar polo SI. Polo lado do NON atópanse apoios significativos entre os xubilados e as clases medias.

 

Na maior parte das franxas de idade non hai un dominio claro de ningunha das dúas opcións, pero hai algunhas excepcións. Os maiores de 65 anos son os máis firmes defensores de manter a unidade do Reino Unido. Este resultado xa o podiamos adiviñar na gráfica anterior cando diciamos que os xubilados apoian maioritariamente o NON. Pola súa banda, o SI obtén os mellores resultados entre aquelas persoas de idade comprendida entre os 25 e os 34.

 

Como era de agardar, o apoio pola independencia é hexemónico entre os votantes do Scottish National Party (Partido Nacional Escocés) pero fraquea nas forzas de ámbito estatal. Os conservadores son nitidamente unionistas, e o apoio ao SI entre as súas bases é residual. Nos laboristas a cousa cambia. Ao redor dun cuarto dos seus votantes en 2011 afirman que apoiarán a secesión este xoves. Non en van, a campaña polo SI conta cun grupo de militantes laboristas mobilizados pola independencia.

O apoio do electorado progresista é fundamental para as dúas opcións, nomeadamente o dos votantes laboristas. Dous vídeos recentes de ámbalas dúas campañas serven de mostra. O do SI fala da Escocia que queren construír e contrapóñena aos recortes aplicados por David Cameron desde Westminster. O do NON lembra os logros sociais acadados polo Reino Unido e remata cun alegado final do ex-primeiro ministro Gordon Brown.

Faltan poucas horas para que Escocia abra as urnas e decidan se queren rachar o Tratado da Unión, ou continuar facendo parte dun estado que compartiron durante máis de 300 anos. É difícil facer predicións, aínda que algúns analistas xa se aventuraron a adiantar unha vitoria do NON. Pero quedan aínda moitas preguntas no aire. Será capaz a exitosa campaña do SI de arrincar unha maioría? Que influencia terá no voto o desfile de líderes ingleses por Escocia? Como se xestionará o resultado? Cumprirán os unionistas a promesa de máis competencias de ganar o non? Manterá Escocia a libra de ganar o SI?

As respostas, a partir de mañá.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.