"Mátannos, arréstannos, quítannos as terras, non esquezades Cisxordania"

Checkpoint en Hebrón CC-BY-SA Olga Rodríguez

Non hai mellor maneira de entender os efectos da ocupación israelí que viaxar por Cisxordania. Neste territorio palestino ocupado, trufado de valados, muros, checkpoints e estradas de uso exclusivo para israelís, os palestinos viven atrapados, illados por imposición.

Cisxordania é como un queixo gruyere: un conxunto de cantóns palestinos desconectados e separados polos asentamentos xudeus e as estradas, nas que as sinalizacións só indican os nomes das colonias e ignoran a existencia das localidades palestinas.

Desde a aplicación dos Acordos de Oslo, cidades cisxordanas como Ramala, Belén, Nablús ou Hebrón atópanse sen continuidade territorial, como illas illadas nun mar dominado por Israel. O Estado israelí construíu quilómetros de estradas israelís que unen as colonias xudías entre si e con Xerusalén e que actúan a modo de fronteiras para os palestinos, xa que a boa parte deles prohíbeselles cruzalas.

Desde xuño a escalada de violencia israelí aumentou nesta área palestina. Polo menos 33 palestinos morreron por ataques do Exército de Israel. 1.397 resultaron feridos por soldados ou colonos israelís. E máis de 500 foron arrestados baixo a figura da detención administrativa, que permite manter en segredo os cargos e por tanto condena aos presos a non dispor dun xuízo. Entre estes detidos hai 35 parlamentarios. Desde o inicio de setembro foron arrestados outros 127 palestinos. Ademais, tras o masacre en Gaza e o cesamento do fogo, levou a cabo a maior confiscación de terreo palestino en Cisxordania dos últimos 30 anos.

Orde de deportación contra unha parlamentaria

Dentro da campaña de persecución israelí aos parlamentarios palestinos produciuse un feito inédito até a data: o intento de secuestro e deportación dun dos membros do Consello lexislativo, a parlamentaria Khalida Jarrar. O pasado 20 de agosto, en plena madrugada, decenas de soldados israelís irromperon na súa casa cunha orde de detención administrativa.

"Eu estaba soa coa miña filla, entraron na casa dicíndome que tiñan que levarme a Xericó. É dicir, secuestrábanme por considerarme unha ameaza á seguridade israelí. Rexeitei asinar a orde. Díxenlles: sodes un poder ocupante, matades á miña xente, derrubades as nosas casas, arrestades e vides en metade da noite a secuestrarme. Sodes vós os que debedes abandonar esta terra, porque a estades ocupando", conta Jarrar en conversa con El Diario, nunha pequena habitación do Consello Lexislativo palestino en Ramala, onde vive refuxiada desde entón. "Benvidos á miña nova casa de Ramala", dinos, cun ton de amargura.

Desde o seu intento de secuestro por parte das forzas israelís, Jarrar recibe a diario decenas de visitas de palestinos e de activistas internacionais. Esta semana reuníronse con ela en Ramala europarlamentarios da Esquerda Unitaria Europea, entre eles integrantes de Podemos, EU e Bildu, quen se interesaron pola súa situación e mostraron a súa solidariedade tanto con ela como cos parlamentarios palestinos arrestados este verán.

"Antes, había en Cisxordania 150 persoas detidas baixo arresto administrativo, que permite o encarceramento sen cargos nin xuízo durante tempo ilimitado. Agora, xa hai máis de 500 arrestados"

"Coa ocupación, con regras de apartheid, coa demolición de vivendas, Israel está arrinconando máis e máis aos palestinos. Os parlamentarios palestinos arrestados teñen dereito a un xuízo xusto, este Parlamento europeo ten que facer algo máis que unha mera condena", denunciou este martes, desde Bruxelas, Martina Anderson, unha das europarlamentarias que acaba de regresar de Cisxordania.

Jarrar subliña que a represión israelí aumentou considerablemente nos dous últimos meses. "Antes, había en Cisxordania 150 persoas detidas baixo arresto administrativo, que permite o encarceramento sen cargos nin xuízo durante tempo ilimitado. Agora, xa hai máis de 500 arrestados. Demoleron vivendas, especialmente no val do Xordán e en Hebrón, ordenaron a confiscación de máis terra, asasinaron 25 persoas, hai centos de feridos. Vivimos acantonados. A única solución é a resistencia popular e a reacción da comunidade internacional para que dunha vez obrigue a Israel a respectar a lei", sinala.

A pesar de ser parlamentaria, Khalida non ten liberdade de movementos. Foi convidada pola Unión Europea en varias ocasións, pero Israel sempre lle denegou o permiso de saída. Tampouco pode viaxar a Xerusalén nin a Gaza. Vive, como tantos outros palestinos, atrapada en Ramala. Integrante da Fronte Popular e defensora do boicot a Israel como ferramenta para obrigarlle a terminar coa ocupación, Jarrar subliña a importancia de impulsar unha negociación que non estea auspiciada baixo o paraugas de Estados Unidos e de buscar a unión palestina con novos liderados. "Para iso é preciso que se celebren eleccións", indica. "Mátannos, arréstannos, quítannos terras. Non vos esquezades de Cisxordania", remata.

Hebrón

Hebrón é unha das cidades cisxordanas que están a ser escenario da campaña de represión israelí tras as manifestacións en solidariedade con Gaza. Nela, o trafego constante dos viandantes, as conversacións ao redor dos postos de froita e verduras do mercado, o balbordo dos nenos que corretean polas beirarrúas, contrastan co silencio e a tensión permanente que se viven unhas rúas máis aló, en plena Cidade Vella, onde unha comunidade de colonos xudeus radicais ocupa ilegalmente territorio palestino, en pleno centro da urbe, protexidos por uniformados israelís. Baixo a atmosfera de aparente normalidade, Hebrón vive semanas difíciles. Aquí o Exército de Israel matou recentemente a Khalil Al-Anati, un neno de once anos de idade.

"Teñen o poder e poden facer o que gusten; o futuro xulgará a indiferenza da comunidade internacional"

Nunha das tendas máis antigas de Hebrón, con aparencia de cova inserida no armazón de calexas, Nawal, unha muller moi respectada na súa comunidade, explica como este último mes as forzas israelís entraron frecuentemente até o corazón da urbe para levar a cabo rexistros e arrestos.

"Veñen interrogar á xente, andan nerviosos buscando túneles, preguntan se aquí nas tendas temos túneles, de onde a onde?, pregunto eu", di rindo con amargura. "Mataron a nosa xente en Gaza. Que queren, matarnos a todos? Teñen o poder. Poden facer o que gusten. É así de dramático. O futuro xulgará a indiferenza da comunidade internacional?, lamenta.

Pintada na cidade vella de Hebrón CC-BY-SA Olga Rodríguez
Jarrar con Martina Anderson, integrante da delegación da Esquerda Unitaria Europea CC-BY-SA Olga Rodríguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.