O taboleiro de xadrez do Estado Islámico

Combates entre o EI e os curdos en Kobani © eldiario.es

Habitualmente tendemos a pensar que os atentados do 11-S cambiaron o mundo para comezar unha nova etapa onde o terrorismo islamita, con frecuencia de carácter internacional, se posicionaba case sen explicación como a primeira ameaza de occidente. No entanto, o cambio de paradigma comezou co colapso da antiga URSS e a fin da Guerra Fría. Así, o 11-S soamente evidenciou que o mundo estaba sumido nunha nova era, e que esta xa non respondía a un sistema bipolar. O 'pano' de aceiro rompera e agora xa non eran a URSS e EUA seguidos dos seus aliados, os que escribían o devir mundial.

O poder entrou nunha nova etapa na que máis actores o posuían. Desta maneira, difuminábase a hexemonía das potencias clásicas do século XX que estaban representadas necesariamente por estados: a URSS e os EUA. Esta situación materializouse na oportunidade de que empresas privadas, grupos de presión ou lobbies, movementos sociais ou grupos relixiosos tivesen a suficiente capacidade individual ou colectiva para modificar os acontecementos políticos e as axendas dos gobernos. O poder era máis doado de obter pero tamén máis sinxelo de perder.

Hoxe, os mecanismos que outorgan poder  xa non son necesariamente os grandes exércitos ou as grandes fortunas. O novo panorama vén acompañado de novas estratexias que fan que os centros de poder sexan múltiples e varíen con facilidade. O factor sorpresa, as novas tecnoloxías, a globalización do sistema financieiro, os mass media, a capacidade de contaxio inmediato, o ciber activismo, o terrorismo internacional... Son características que definen os nosos días.

Xurdimento do Estado Islámico de Iraq

O Estado Islámico, anteriormente coñecido como Estado Islámico de Iraq e o Levante, é unha milicia xihadista de corte sunnita que nace durante a invasión de Iraq en 2003 vinculada e integrada en Al-Qaeda, como resposta aos ataques estadounidenses. Durante esta época, coñecíase co nome de Estado Islámico de Iraq, que era a xeografía onde actuaba, e foi a responsable do asasinato de miles de civiles iraquís e membros da coalición internacional. Os obxetivos políticos foron trocando no tempo, mais sempre se caracterizou pola estrita interpretación do Corán e a instauración absoluta da Sharia no territorio que dominaban.

Os obxetivos políticos foron trocando no tempo, mais sempre se caracterizou pola estrita interpretación do Corán e a instauración absoluta da Sharia

Tras a captura e asasinato de Sadam Huseim, tamén de crenza sunnita pero moderado, os milicianos do EI radicalizaron a súa loita contra os xiítas que representaban o 65% da poboación fronte ao seu 32%. Isto correspondeu coa chegada ao poder de Nuri al-Maliki, en boa parte, auspiciada por Estados Unidos, e de tendencia xiíta. Os integrantes do Estado Islámico de Iraq foron atacados duramente polo Exécito Iraquí axudado polo seu homónimo estadounidense. Isto provocou numerosas baixas nas súas filas, chegando incluso a  asasinar a Rashid Baghdadi, o seu líder.

Consolidación do Estado Islámico de Iraq e o Levante

Co xurdimento das revoltas en Siria o 15 de marzo de 2011, unha parte dos milicianos que con anterioridade integraban o Estado Islámico de Iraq desprazáronse a Siria para continuar co seu obxetivo: a expansión territorial e político-relixiosa que debía rematar na creación do Estado Islámico de Iraq e o Levante, converténdoo nun califato, que é o que hoxe coñecemos como o Estado Islámico. Entre tanto, este grupo aproveitou o levantamento lexítimo do pobo sirio, -coñecido popularmente como os rebeldes ou Exército Libre Sirio- contra 42 anos de dictadura da familia al-Asad, para xerar confusión internacional e apropiarse da causa.

EEUU e Europa adoptaron unha posición pasiva e non axudaron o levantamento da poboación siria contra o ditador, xa que mentres o conflito tivera un carácter interno, a integridade e seguridade de Israel e dos seus propios intereses xeoestratéxicos, políticos e economicos estaban salvagardados. Non foi até hai escasamente un ano, tras o uso de armas químicas por parte do Goberno de al-Asad contra a poboación civil siria, cando a comunidade internacional, liderada por Obama comezou a empregar un ton ameazante contra o Goberno sirio, as súas prácticas e os seus seguidores. Neste punto, un bo número de xihadistas do Estado Islámico de Iraq xunto con novas incorporacións doutras latitudes do planeta entre as que destacan países occidentais, desenvolvían xa as súas actividade en territorio sirio, para crear o califato valéndose do clima de guerra civil do país e da debilidade das estruturas do Estado. Occidente tolerou e permitiu que se desen as circunstancias para que emerxese o ISIS na rexión, até que constataron a ameaza que representaba.

Occidente tolerou e permitiu que se desen as circunstancias para que emerxese o ISIS na rexión, até que constataron a ameaza que representaba

A crise quedou pechada tras a intervención no conflito de Rusia, que participou en posición de negociador interesado debido aos intereses políticos e económicos que tiña na rexión. No seu día a potencia euroasiática xa apoiara o golpe de estado de corte socialista de al-Asad pai en 1971. Os intereses da nova xeopolítica internacional, con reminiscencias da Guerra Fría, quedaban marcados no taboleiro de xadrez en pleno 2013. Os intereses de Rusia na rexión son tan evidentes que na actualidade é a primeira potencia que financia e arma ao exército de Al-Assad, fomentando a represión en Siria.

Siria quedou sumida nun inferno. Al-Asad, alauita, aínda que defendendo un réxime de corte laico e apoiado agora pola comunidade internacional, loitaba por conseguir os territorios perdidos en mans dos rebeldes. O Exercito Libre Sirio, abandeirado da primavera árabe do país que pedía maior aperturismo e democracia, quedou excluído nos bastións que dominaba, vendo nos últimos tempos como se reducía a súa influencia debido á ausencia de apoios económicos e militares externos fronte ao exército do réxime e ás milicias do EI. Pola súa parte, os xihadistas conseguiron ampliar a súa área de control a boa parte da rexión creando no mes de xuño o Califato do Estado Islámico ao que se deben todos os musulmáns. Isto implicou pola súa parte, unha guerra aberta contra o réxime de Al-Asad, o Exercito Libre de Siria, outras forzas islamitas como a Fronte Islámica e o pobo Curdo iraquí.

O EI e a comunidade internacional

O rápido crecemento do Estado Islámico é incuestionable. O seu pragmatismo ideolóxico obriga a comunidade musulmá das rexións nas que actúa a aceptar unha lectura do islam fundamentalista que a nivel práctico se resolve na instauración dunha interpretación extremista da Sharia. O EI non é só unha forza militar senón que tamén é un dogma.

Dende principios do verán quedou plasmada a súa desvinculación con Al-Qaeda e converteuse no grupo xihadista máis temido por todos os líderes mundiais. A súa capacidade de convocatoria dentro e fóra das súas fronteiras artificiais, o sadismo aplicado contra os xiítas e tamén contra os sunnitas que non avogan por unha postura extremista á hora de interpretar o Corán e as promesas de atentados inmediatos contra obxectivos occidentais, chegando a retransmitir decapitacións de xornalistas ou cooperantes extranxeiros fixeron que a comunidade internacional tomase en serio a ameaza do EI.

Na actualidade os seus anhelos son extenderse por todo o mundo árabe, chegando a reclamar nalgún comunicado a antiga Al-Andalus, tendo como base o territorio sirio e iraquí para a constituír un Estado musulmán que funcione baixo as súas normas

Na actualidade os seus anhelos son extenderse por todo o mundo árabe, chegando a reclamar nalgún comunicado a antiga Al-Andalus, tendo como base o territorio sirio e iraquí para a constituír un Estado musulmán que funcione baixo as súas normas. A resposta chega por múltiples frontes para intentar conter o seu cometido. Tras o asasinato do reporteiro James Foley, as potencias occidentais encabezadas por Obama decidiron crear unha colición internacional para atacar o EI valorando os riscos incipientes de atentados terroristas dentro das suas fronteiras. A estratexía varía entre os ataques aéreos selectivos e o financiamento económico ou armamentístico de grupos opositores.

O Goberno sirio de tendencia xiíta comezou a combater o EI nos últimos tempos. Os inicios do levantamento dos rebeldes foi pacífico. Até o nacemento do Exército Libre Sirio no que se intentaron infiltrar con posterioridade integrantes do ISIS e se aproveitou o impás para confundir á opinión pública afirmando que os rebeldes eran integrantes da xihad, Al-Asad non comezou a combatelos. Só representaron un problema cando xa eran unha ameaza real para o seu status quo. 

Os rebeldes sirios, que pedían democracia e a caída do réxime de Al-Asad desenvolven unha doble loita: contra o exército sirio e contra o EI. Nun primeiro momento houbo unha pequena alianza para loitar xuntos contra Al-Assad, mais o pacto rompeuse cando os rebeldes entenderon as intencións políticas dos xihadistas.

Os curdos do norte de Iraq levan combatendo o EI dende que chegou á súa rexión. A asimetría armamentística fai que perdan territorio diariamente, mentres están á espera de que a coalición internacional os arme para lles facer fronte. A cambio, reclaman os seus dereitos innegables como pobo para seren recoñecidos internacionalmente e esixen o respeto de dito status por parte de Turquía. A potencia otomana vén de aceptar colaborar coa coalición de estados sempre que a loita sexa contra o EI e tamén se teña en conta o reximen ditatorial de Al-Asad, argumentando que non está disposto a aceptar demagoxias. 

Os integrantes do grupo islamita libanés de tendencia xiíta Hezbollah. próximo á área de influencia Iraní, están desenvolvendo tamén unha cruzada contra o EI por razóns relixiosas. Irán, potencia rexional xiíta está armando e financiando a loita contra o EI a través dos grupos xiítas iraquíes e o goberno de Al-Asad, pese a que publicamente non apoia á coalición internacional liderada por EEUU.  En tanto, Arabia Saudita, líder rexional sunita ten un papel complicado. Nun primeiro momento apoiaba a expansión sunita do EI máis a estas alturas, está colaborando coa coalición. Os expertos en xeopolítica rexional no Medio Oriente consideran que é imprescindible o entendemento entre Irán e Arabia Saudita para acabar co EI polo peso rexional que teñen.

A estas alturas, os propios sunitas de Irak , que anteriormente protagonizaran o levantamento contra o primeiro ministro xiíta al Maliki e apoiaban ao EI, están negociando agora combater na rexión a través de diálogos bilaterais con Obama, sempre que se incorpore o dereito dos sunitas a un reformado orde político en Bagdad. Nestes momentos, os rebeldes aseguran que teñen a capacidade de mobilizar ao 90% das tribos sunitas.

“O EI non é un grupo terrorista ao uso. É un proxecto de Estado con armamento sofisticado , unha ideoloxía totalitaria e un abondoso financiamento"

Como se financia o EI

“O EI non é un grupo terrorista ao uso. É un proxecto de Estado con armamento sofisticado , unha ideoloxía totalitaria e un abondoso financiamento que procede de apoios externos e da toma de recursos para proseguir a súa ofensiva e sentar as bases do Califato” afirmou o secretario de Defensa de Estados Unidos, Chuck Hagel. Nestes momentos o EI controla numerosas zonas clave da industria petroleira do norte de Iraq como Mosul e de gas como a planta de Shaar e Baiji que alberga a maior refinería de petróleo do país. Empregan as fontes de enerxía que conquistan para financiarse militarmente.

En Siria apropiaronse dos bens militares e na actualidade, un estudo do centro de análise do Consello Europeo de Relacións Exteriores indica que existe unha economía de guerra onde o EI e outros grupos armados están implantando un sistemaa impositivo nas zonas que conquistan ao tempo que promoven actividades ilícitas como o roubo de reservas monetarias en bancos provinciais, contrabando de coches e armas, secuestros e controis de estradas. Estímase que o EI ingresa un millón de euros diario coa venda de petróleo iraquí.

Combates entre o EI e os curdos en Kobani © eldiario.es
Área ocupada polo EI entre Siria e Iraq © ViceNews

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.