0 Gardados para despois

"A elección de Aécio Neves suporía a hexemonía do capital financeiro no Brasil"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Mondoñedo acollerá do 24 ao 26 de outubro o X Encontro Europeo de Comités de Apoio ao Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra, organizado polo comité galego de apoio ao MST. No encontro, que está sendo precedido pola organización de varias palestras: o pasado venres en Pontevedra, este xoves en Ribadeo, nas que representantes do MST, coma Rosa Oliveira (coordinadora da Secretaria Estadual en Salvador) ou Zé Roberto da Silva (membro da Direção Nacional) están a ofrecer un relato directo sobre a actividade do Movimento.

Falamos con el, precisamente, para preguntarlle pola actualidade do MST, os problemas comúns de labregos e labregas en contextos tan distintos coma o galego e o brasileiro, ou sobre as eleccións presidenciais do país sudamericano, que este domingo celebran a súa segunda volta cunha grande igualdade nas enquisas entre Dilma Rousseff (lixeiramente por diante) e Aécio Neves.

En que situación se atopan as loitas do MST a prol dos e das traballadoras rurais? En que está centrando a súa actividade?

No Brasil ao comezo dos anos 90 introduciuse un modelo de agricultura baseado no liberalismo, que forzou grandes transformacións. As grandes empresas intensificaron os seus investimentos no campo brasileiro e a burguesía nacional asociada coa burguesía internacional traballaron fortemente na consolidación dese proceso. Os traballadores brasileiros foron excluídos e a reforma agraria e a pequena agricultura brasileira foron esquecidos. Xa nos anos 2000 este proceso intensificouse; a banca e os poderes financeiros atoparon en América Latina un campo fértil para buscar o seu lucro e para explotar os nosos recursos naturais e materias primas. Esa ofensiva do capital, ese modelo de agronegocio, trouxo para nós consecuencias gravísimas: o envelenamento do campo brasileiro, a destrución da nosa biodiversidade, introducindo técnicas moi prexudiciais. O campo pasou de producir alimentos a producir mercadoría.

"Era preciso presentar outro modelo de agricultura que fose compatible coas necesidades do pobo brasileiro, un modelo que respectase o medio ambiente, baseado na agroecoloxía"

O MST e o resto das organizacións da Vía Campesiña chegaron á conclusión de que era preciso enfrontar ese modelo presentando outro modelo de agricultura que fose compatible coas necesidades do pobo brasileiro, un modelo que respectase o medio ambiente, baseado na agroecoloxía. No último congreso do MST aprobamos un programa agrario que acelera o proceso de distribución da terra no Brasil e baseado na produción de alimentos saudables, sen velenos. Tamén loitamos por outros obxectivos, como por exemplo a defensa da educación pública, unha educación que atenda todas as necesidades dos traballadores rurais en todos os niveis.

"Cando eliximos a Dilma para o Goberno fixémolo porque queriamos mudanzas, e houbo mudanzas, nestes 12 anos do Goberno do PT houbo unha mellora considerable"

Este domingo celébrase a segunda volta das eleccións presidenciais? Cal é a posición do MST?

A elección de Aécio Neves suporía a hexemonía do capital financeiro e das empresas transnacionais do agronegocio na nosa economía. Estas empresas terían un control maior sobre a nosa economía, e o Estado reduciríase ao mínimo, o mercado resolveríao todo. Algo semellante ao que xa sucedeu con outros gobernos anteriores do PSDB, coma o de Henrique Cardoso. As conquistas que obtivemos durante os gobernos de Lula e de Dilma: o aumento dos salarios, a distribución da riqueza... desaparecerían. En política exterior Brasil quedaría subordinado aos Estados Unidos, destruíndo por exemplo a unidade acadada no Mercosur e en Unasur. Cando eliximos a Dilma para o Goberno fixémolo porque queriamos mudanzas, e houbo mudanzas, nestes 12 anos do Goberno do PT houbo unha mellora considerable: por exemplo, nos gobernos de Cardoso só o 6% dos mozos e mozas chegaban á universidade, durante o goberno de Dilma esa porcentaxe superou o 15%.

"Para avanzar nestas mudanzas será necesario reforzar a alianza entre o Goberno do PT e as organizacións sociais, xa que o Congreso vai aínda máis conservador do que era"

Por suposto, hai moito aínda que mellorar: necesitamos melloras estruturais, necesitamos avanzar na reforma agraria, resolver problemas no transporte urbano, mellorar aínda máis a educación... A sociedade e as forzas sociais esixímoslle ao Goberno do PT máis mudanzas, pero para que isto suceda é preciso que o Goberno teña forza, e o Goberno non ten forza para ampliar esas mudanzas, porque infelizmente o noso Congreso é aínda un Congreso conservador. Para avanzar nestas mudanzas será necesario reforzar a alianza entre o Goberno do PT e as organizacións sociais, xa que o Congreso vai aínda máis conservador do que era. Estamos bastante confiados na reelección da presidenta Dilma. O pobo brasileiro e as organizacións sociais estamos a mobilizarnos para impedir o avance do neoliberalismo, cremos firmemente que a sociedade non vai permitir a volta deses conservadores.

"O neoliberalismo non ten corazón, non ten piedade. Por iso é importantísima a organización local, rexional, estatal e internacional dos traballadores"

Galicia e o Brasil son países ben distintos. Porén, supoño que hai problemas comúns que afectan os e as traballadoras das súas zonas rurais, non si?

Conversando con distintas persoas estes días, aquí en Galicia, vexo que o mesmo que fixo o neoliberalismo no Brasil, destruíndo o pequeno e o medio agricultor, é o que está a facer en Europa. O neoliberalismo ten como meta a exclusión da maioría dos agricultores. Para eles quen decide a política debe ser o mercado, pero é preciso que haxa protección por parte do Estado, para que os pequenos agricultores poidan formar parte dos desenvolvemento económico en cada país. E iso só é posible se os agricultores están organizados e mobilizados para garantir esa inclusión. O neoliberalismo non ten corazón, non ten piedade. Por iso é importantísima a organización local, rexional, estatal e internacional dos traballadores rurais para que os agricultores teñan voz na organización da política agraria de cada país.

Un dos grandes perigos que ameaza o campo europeo é o TTIP, un acordo de libre comercio equiparable ao ALCA cuxa aplicación finalmente se freou no Brasil?

Non temos dúbidas. A Vía Campesiña, da que o MST forma parte, así coma outras organizacións do campo brasileiro, mobilizouse contra a creación da ALCA. A nosa preocupación é que se se produce unha vitoria electoral conservadora iso propiciará a introdución dunha ALCA en dirección a Europa. É por iso que o MST apoia a reelección de Dilma, que aposta por fortalecer as alianzas rexionais. Se finalmente entra en vigor un acordo de libre comercio así en Europa, non teñan dúbidas de que moita xente vai sobrar no campo. E quen vai sobrar? Os pequenos. Sen a protección dos Estados os pequenos produtores non poderán resistir. O único camiño para os agricultores destes países é a organización, a mobilización e a autodefensa.

"Se finalmente entra en vigor un acordo de libre comercio así en Europa, non teñan dúbidas de que moita xente vai sobrar no campo. E quen vai sobrar? Os pequenos"

O papel da muller e do feminismo no campo e nos movementos labregos centrarán parte das conversas deste encontro. Cal é a situación da muller das zonas rurais do Brasil?

Unha das cuestións que máis debateu o noso movemento ao longo da nosa historia foi a importancia da participación da muller, e este foi un aspecto que foi gañando forza. Cremos que a transformación da sociedade pasa pola participación do home e da muller. E esa é a razón de que este tema sexa central no encontro que imos manter estes días, imos compartir e intercambiar experiencias neste ámbito.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.