Chega o Festival de Cinema do Sáhara, nun ano clave para a resolución do conflito

Cartaz da 12ª edición do festival Dominio Público Praza Pública

2015 será un ano importante para o Sahara. O pasado ano o Consello de Seguridade da ONU fixou o vindeiro mes de abril como data límite para a solución ás violacións de dereitos humanos que sofre a poboación saharauí por parte de Marrocos. Tamén se mantén a explotación ilegal dos recursos naturais do país, comezando polos fosfatos. No caso de non haber avances, o secretario xeral da ONU, Ban Ki-moon, propuxo que o Consello realizase una revisión completa do proceso de negociación entre a Fronte Polisaria e Marrocos. En abril retomaranse unhas negociacións, con resultado incerto e nun contexto xeopolítico cada vez máis inestable, nas que España, como membro do Consello de Seguridade, xogará un papel aínda máis protagonista.

Coincidindo con esas xuntanzas (do 28 de abril ao 3 de maio) celebrarase no campamento de poboación refuxiada de Dajla, en Tinduf (Alxeria) a XII Edición do Festival Internacional de Cine do Sáhara (FiSahara), un certame no que a Xustiza Universal e as vítimas de desaparicións e outros crimes de lesa humanidade serán protagonistas. Proxectaranse filmes como Granito de arena: Cómo atrapar a un dictador (Pamela Yates) sobre o proceso de xenocidio en Guatemala, e Testigos de la memoria (Eztizen Miranda) sobre a exhumación de fosas comúns no Sáhara Occidental. Tamén se tratará o proceso de Xusticia Universal en España e Arxentina, coa proxección de varias películas e a participación de cineastas e expertos. De igual xeito, familiares de vítimas do conflito do Sáhara Occidental protagonizarán a mesa redonda principal, centrada neste tema, e recibirán un recoñecemento especial por parte do festival.

María Carrión, directora executiva de FiSahara, destaca que o festival é "único no mundo porque é moito máis que un festival: forma parte dun extraordinario movemento solidario que loita por unha causa xusta". Carrión sinala que "quen vén a FiSahara namora da cultura saharaui; das súas familias de acollida; da experiencia de ver con elas cinema baixo as estrelas. E saben que a súa presenza no festival axuda a sacar da invisibilidade e do esquecemento a un pobo que loita pacificamente polo dereito a volver á súa terra libre".

Cartaz da 12ª edición do festival Dominio Público Praza Pública
Campamento de persoas refuxiadas en Tindouf (Arxelia) © Transporte Saharaui

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.