O relato galego da partida grega de xadrez

De esquerda a dereita: Alexandra Krasopoulou, a intérprete do acto, Georgios Archontopoulos, Lidia Senra e Concha Fernández CC-BY-SA Praza Pública

Alexandra Krasopoulou, do secretariado de Syriza en Tesalónica e o presidente do sindicato da compañía pública de augas, Georgios Archontopoulos, narraron en Santiago de Compostela, nun acto organizado por Compostela Aberta e a Alternativa Galega de Esquerda en Europa, as tensións ás que o goberno grego subsiste cada día.

O deste venres era un día importante, pois o primeiro ministro heleno, Alexis Tsipras, debía levar unha resposta a Europa sobre a negociación cos seus acredores. A proposta final dos socios europeos non gusta en Atenas. Así, Tsipras pediu agrupar e retrasar os seus pagos ao FMI, que suman uns 1.500 millóns ao longo deste mes. Grecia tiña que satisfacer o venres un primeiro vencemento de 300 millóns, pero ante as súas dificultades de tesourería farao, finalmente o 30 de xuño. Á súa volta de Bruxelas, Tsipras afirmou que a proposta dos socios era "irreal e absurda".

De todo isto deron conta Krasopoulou e Archontopoulos, presentados por Concha Fernández, concelleira eleita de Compostela Aberta e a carón da eurodeputada Lidia Senra, que afirmou que a "verdadeira batalla do pobo grego é agora, e é preciso todo o apoio internacional, desde a esquerda e desde os nosos pobos".

Krasopoulou comezou a súa intervención agradecendo aos "camaradas" a súa presenza no acto e apelou á solidariedade co pobo grego. "O capitalismo fallou moitas veces ao longo da historia e non pasou nada, e parece que neste século a democracia, a xustiza e o socialismo só van ter unha oportunidade, e isto é moi inxusto, unha lousa ás nosas costas", reflexionou a representante de Syriza. 

Doutrina do shock

"Empezamos coas cinsas que deixaron os nosos predecesores", afirmou Krasopoulou, "despois de moitas negociacións pedimos tempo para implementar as nosas medidas, para que a xente vise o que pode facer a esquerda, xente que, por certo, non votou pola ruptura coa Unión Europea".

"A solución para Grecia non é ténica ou financieira: é, fundamentalmente, política"

"Para comezar Bruxelas aplicounos a doutrina do shock, mandouse un dosier con propostas razoables, e todo era que non", continuou a helena, "entón despois do shock nós queremos enfatizar nunha cuestión fundamental: a solución para Grecia non é ténica ou financieira: é, fundamentalmente, política".

"Bruxelas aplicounos a doutrina do shock, mandouse un dosier con propostas razoables, e todo era que non"

"Nós levabamos unha proposta cunhas liñas vermellas, e os acreedores, simplemente esmagárona", dixo Krasopoulou. Ao fío disto engadiu que "Juncker afirmou que Grecia está en situación de crise humanitaria, pero ao mesmo tempo pide máis recorte de salarios e novas subas na factura da luz, como casa isto? como imos facer isto cun millón de desempregados?". 

"A nosa postura é clara", sentenciou a grega, "sabemos o que é a negociación, pedimos mínimos, non o programa ao completo de Syriza, porque iso é unha negociación, dous pasos adiante e medio atrás, pero botárono todo pola borda. Nós respectamos a UE, pero a cambio pedimos que os acreedores respecten o mandato do pobo grego, que é un mandato contra a austeridade". Nun ton duro a membro do secretariado de Syriza en Tesalónica afirmou que "se pensan que imos renunciar a este mandato, están equivocados. E se temos que volver preguntarlle á sociedade ata onde podemos chegar, farémolo. Porque nós non chantaxeamos a ninguén, pero tampouco deixamos que nos chantaxeen".

"Nós respectamos a UE, pero a cambio pedimos que os acreedores respecten o mandato do pobo grego, que é un mandato contra a austeridade"

"Nós non queríamos estar na eurozona", explicou a helena, "pero agora temos que seguir porque senón sería un desastre para as zonas máis desfavorecidas do país. Non temos a Unión Europea como táctica, senón como estratexia, e temos medo do ascenso de grupos noxentos como Amencer Dourado se iso pasase". Sobre as soadas negociacións de Grecia con Rusia, Krasopoulou foi taxativa: "Ninguén pode dicirnos con quen e cando temos que falar, nós somos libres. Melloramos as nosas relacións con Rusia e grazas a iso os nosos agricultores venden onde antes non podían? Si; Seguirémolas mellorando? Tamén; Estamos dinamitando a UE ou a eurozona con isto? Radicalmente non"

"Melloramos as nosas relacións con Rusia e grazas a iso os nosos agricultores venden onde antes non podían? Si; Seguirémolas mellorando? Tamén"

"Unha cuestión complexa para nós é a dos medios de comunicación", proseguiu Krasopoulou, "porque non temos un só medio da nosa parte, hai apagón informativo das medidas que leva a cabo o goberno. As cousas que nós conseguimos, a victoria que nós conseguimos foi polos movementos sociais e a base de ir barrio por barrio falando coa xente". 

Quen son os porcos?

"Un dos mellores aliados cos nosos adversarios, porque si, porque xa hai que chamarlles así, é Rajoy, porque sabe que se cunde o exemplo grego, España é o seguinte país no que se poderá levar a cabo unha revolución contra a austeridade ", comezou a súa alocución Archontopoulos. 

"Portugal, Italia, Grecia e España, os PIGS, chámannos, e eu pregúntome quen é o porco aquí"

"Portugal, Italia, Grecia e España, os PIGS, chámannos, e eu pregúntome quen é o porco aquí", sentenciou o sindicalista. "Ao chegar aquí vin a noticia dun desafiuzamento no Estado Español e como a policía botaba a unha familia da súa casa... Que Europa é esa? Quen son os porcos?", preguntouse o grego. "Agora as revolucións xa non se fan a punta de pistola, a guerra é nos medios de comunicación, e bombardéannos, cada día, con que se imos saír do euro, que se volveremos ao dracma, hai que ver que pasa, pero eu, de momento, no meu peto teño euros", sinalou Archontopoulos.

"Non quero contarvos todo o malo que pasa no meu país, pero si me gustaría dicir que estamos aquí para darvos forzas, é moi importante mobilizarse porque parece que pensamos que non podemos facer nada como unha soa persoa, pero si. Eu teño dous fillos, e cando sexan maiores e xa teñan o seu traballo, e me pregunten, papá, ti que fixeches nos anos da gran crise?,quero poder contarlles que eu me manifestei, que falei coa xente, que desafiei ao poder e que intentei cambiar a orde establecida", rematou o sindicalista cunha gran ovación.

"Quero poder contarlle aos meus fillos que me manifestei, que falei coa xente, que desafiei ao poder e que intentei cambiar a orde establecida"

A necesidade de fondos, sumada con certas tensións internas co polo máis de esquerda de Syriza por algunhas concesións aos acreedores, combínanse nun panorama explosivo no que semella que gaña terreo a posibilidade dunha nova convocatoria de eleccións, que lle permitiría a Syriza, no caso de mellorar o resultado, exercer maior presión sobre os socios europeos. Hai quen mesmo apunta ao 28 de xuño, é dicir, dous días antes de que venza a prórroga do segundo rescate, do que quedan por percibir 7.200 millóns, supeditados a asinar un acordo cos socios, e tamén o prazo para pagar ao FMI os 1.600 millóns que Grecia lle adebeda en xuño, tras agrupar todos os pagos do mes.

Alexandra Krasopoulou, do secretariado de Syriza en Tesalónica, durante o acto CC-BY-SA Praza Pública
Público asistente ao acto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.