Copa Rebelde: O Brasil despois das protestas

Foto da Copa Rebelde celebrada en São Paulo Dominio Público El Diario

Para os medios de comunicación brasileiros non existen máis protestas nas redes ou nas rúas. Nas súas portadas dixitais apenas hai ningunha referencia a manifestacións. Cando aparece algo é unha referencia en pasado ás denominadas "xornadas de xuño". As protestas -as maiores en décadas- nin sequera saen na retrospectiva que a Folha de São Paulo fai do ano 2013. Mentres o Movemento Passe Livre celebraba en Río de Janeiro unha protesta multitudinaria o pasado venres 20, a web de O Globo apenas publicaba unha nota breve.

Con todo, un pequeno paseo polas redes sociais preséntanos un Brasil paralelo: un país indignado, manifestacións, convocatorias, ocupacións, informacións críticas. Un país sen manifestacións tan multitudinarias como en xuño ou xullo, pero con centos de pequenos actos que só teñen eco nas redes sociais e algúns medios independentes.

Para entender o Brasil paralelo abonda con asomarse á páxina de Facebook do Movimento Passe Livre de Ribeirão Preto, que divulga un vídeo da recente ocupación do pleno municipal da cidade durante a votación que lles recortaba dereitos aos profesores. Ou ao perfil da Assembleia do Largo, unha das asembleas populares de Río de Janeiro, que divulga informacións sobre o desaloxo do pasado luns da Aldeia Maracanã, unha ocupación indíxena fronte ao estadio Maracanã.

Que pasa no mundo informativo do Brasil? O Brasil mediático vai por unha banda. O Brasil en rede, por outro. E aí está unha das consecuencias máis visibles das protestas: a perda do monopolio informativo dos medios

En Twitter, o hashtag #AldeiaResiste bota fume informativo. E mentres os medios case ignoran o Passe Livre, o hashtag de #ContraOAumento é o mellor lugar para informarse sobre as múltiples manifestacións contra o aumento de tarifas do transporte.

Que pasa no mundo informativo do Brasil? O Brasil mediático vai por unha banda. O Brasil en rede, por outro. E aí está unha das consecuencias máis visibles das protestas: a perda do monopolio informativo dos medios. As cabeceiras que a mediados de xuño definían os manifestantes como "vándalos" perderon o tren ante unha lexión de streamers, fotógrafos amateurs e cidadáns desde os seus teléfonos móbiles. Nas primeiras semanas, os medios apenas repararon nun colectivo de streamers chamado Mídia Ninja, que chegaba antes que as grandes cadeas. Pero ninguén estaba a observar ben o crecente ecosistema de medios libres e cidadáns que nacía. Dende arriba, buscaban novos líderes informativos.

Seis meses despois daqueles primeiros streamings, o forte escándalo que acosa o colectivo matriz de Mídia Ninja (vínculos partidistas de Fora do Eixo/Mídia Ninja, ameazas, corruptelas varias) permitiu visibilizar unha riquísima paisaxe de medios cidadáns. As grandes cadeas de televisión perderon o protagonismo fronte aos streamings de colectivos como Rio na Rua (Rio de Janeiro), Mídia Negra (São Paulo) ou Moqueca Mídia (Vitória e Río). As fotografías de FotoProtestoSP, os vídeos virais do Coletivo Mariachi de Río ou as producións audiovisuais de Mídia Independente Coletiva (MIC) son o mellor reflexo espello das rúas. E cada vez son máis as iniciativas que extraen información do xardín privado de Facebook para devolvela á web, como Rebaixada. E medios independentes como a Revista Fórum baten marca histórica de visitas.

Un dos poucos recados das polifónicas revoltas que chegou ao Goberno de Dilma Rousssef é o da "democratización dos medios", un vello desexo dos movementos sociais. As protestas fixeron máis visible o anacronismo dun país no que os medios están en mans dunha ducia de familias

A lema do movemento Ocupe a Mídia ("pola democratización da comunicación brasileira") e un dos hashtags máis populares das revoltas (#AbaixoARedeGloboPovoNãoÉBobo, en referencia á Rede Globo) son probas nítidas do profundo malestar da sociedade brasileira con respecto aos medios. Os xornalistas adoitan ser expulsados de moitas protestas (como o luns 16 na Aldeia Maracanã). Arden coches de cadeas televisivas. E a Rede Globo foi rodeada en varias ocasións. Até os presentadores de telexornais sufriron ataques en directo cun raio láser verde nos seus rostros.

O certo é que un dos poucos recados das polifónicas revoltas que chegou ao Goberno de Dilma Rousssef é o da "democratización dos medios", un vello desexo dos movementos sociais. As protestas fixeron máis visible o anacronismo dun país no que os medios están en mans dunha ducia de familias. Con todo, a esperada "democratización dos medios" segue estancada. Samir Oliveira, nun texto en Sul21, denuncia que está parado o anteproxecto de lei cun novo marco regulatorio de radiodifusión no que o Estado cede "a operadoras públicas, privadas ou comunitarias de radio e televisión".

A Rede Globo, iso si, está a ser investigada por evasión de impostos. E o berro das rúas contra os medios non aumentou. Pero resolverá a democratización dos medios o divorcio dos medios cos seus cidadáns? A resposta parece chegar desde os recunchos dos medios libres. "Os medios comerciais non nos representan. Calquera pode ser un medio libre. Iso é democracia directa, que é o que as rúas veñen pedindo desde xuño", asegura Arthur William, da Asociación Mundial de Radios Comunitarias do Brasil, nunha reportaxe de André Lobão.

E como recibiron os partidos de esquerda as protestas, incluído o Partido dos Traballadores (PT) que goberna Brasil? Algúns militantes da PT, xunto con outros actores, puxeron en marcha o proceso Democracia (real) e política distribuída xa. O propio Goberno de Dilma Rousseff acaba de lanzar a plataforma Participa.br, "un novo espazo de participación social, escoita e diálogo". Con todo, unha boa parte da esquerda está aínda paralizada ou mesmo belixerante contra as manifestacións. A filósofa Marilena Chaui chegou a afirmar que os grupos black bloc móvense por "inspiracións fascistas".

Ademais, a represión policial regresou con forza. En Río de Janeiro, 200 persoas foron detidas por estaren sentadas nas escaleiras do pleno municipal. "Asistimos a unha postura arrogante e reaccionaria do ministro de Xustiza, transformándose docilmente en ministro da Policía", asegura o sociólogo Giuseppe Cocco, profesor da Universidade Federal de Río de Janeiro (UFRJ).

Doutra banda, certo sector da esquerda está a axitar as pantasmas da conspiración internacional. O influente blogueiro Eduardo Guimarães, nun post recente, afirma que "hai intereses transnacionais querendo influír no proceso electoral brasileiro", aludindo ás eleccións presidenciais de outubro de 2014. Citando ao 15M español, Eduardo fala de "un movemento internacional de orixes, propósitos e tendencias dubidosas e escuras inmiscíndose na política brasileira" que "insufla grupos de esquerda radical a facer protestas contra a FIFA".

O berro "Non vai haber Copa", un dos máis habituais das protestas, séguese escoitando nas redes e nas rúas

O certo é que o berro "Non vai haber Copa", un dos máis habituais das protestas, séguese escoitando nas redes e nas rúas. E xa está creado o primeiro evento en Facebook Não Vai ter Copa contra o Mundial. Será o 25 de xaneiro de 2014, nas 28 capitais de Estado e noutras cidades do país. Xa hai mesmo manifestacións convocadas nos principais partidos do mundial, como o Brasil-Camerún do 23 de xuño.

A Copa Rebelde dos movementos sociais, celebrada o día 15 de nadal en São Paulo foi un aperitivo do que está por chegar en 2014. O ambiente festivo -pachangas de fútbol, teatro, carteis, música- instalouse no barrio de Luz, unha rexión que sofre procesos de xentrificación. O gañador da Copa (Unidos da Barão) foi o de menos. O diálogo e conexión transversal de movementos como Passe Livre coa Fronte de Luta pela Moradía (FLM) e outros colectivos urbanos foi máis importante. Un cartaz colgado nun muro de ladrillos podería anticipar as loitas do 2014 brasileiro: Copa para Quen?: polo dereito á cidade.

Foto da Copa Rebelde celebrada en São Paulo Dominio Público El Diario
Liña de tempo das protestas do Brasil do proxecto Rebaixada Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.