Medio millón de haitianos vítimas do cólera que trouxo a ONU levan case un ano agardando resposta

Enfermos de cólera en Porto Príncipe, capital de Haití © Utenriksdept

A mediados de outubro de 2010, cando Haití comezaba a recuperarse do terremoto do mes de xaneiro anterior, sobreveu unha epidemia de cólera que se calcula provocou a morte de 7.300 persoas e medio millón de enfermos. O cólera non se coñecía en Haití. A pesar do seu deficiente sistema de rede de sumidoiros, a súa localización xeográfica illada mantivérao afastado desa devastadora enfermidade. Cando apareceu, os médicos haitianos non estaban familiarizados co protocolo de prevención e tratamento e entre os sectores máis empobrecidos interpretouse como unha maldición de vudú. Todo iso provocou que as consecuencias fosen tan devastadoras.

O cólera non se coñecía en Haití. A pesar do seu deficiente sistema de rede de sumidoiros, a súa localización xeográfica illada mantivérao afastado desa devastadora enfermidade

O avogado de dereitos humanos Mario Joseph iniciou en novembro de 2011 unha demanda contra a ONU que comezou en representación de 7.000 vítimas do cólera e agora son 15.000, entre mortos e enfermos. E explica o seguinte: "Tras os correspondentes estudos, os expertos da Organización Mundial da Saúde, os de Estados Unidos e os de Francia chegaron unha conclusión unánime: tratábase dunha cepa de cólera que procedía do sueste asiático, concretamente de Nepal. A vía de entrada é o continxente de cascos azuis procedente dese país, onde a enfermidade é endémica". Como é sabido, desde 2004 Haití está baixo a ocupación da Misión das Nacións Unidas para a Estabilización en Haití (MINUSTAH) tras a intervención militar liderada por Estados Unidos que derrocou o presidente Jean-Bertrand Aristide. Un dos países que colaborou co envío de tropas foi Nepal.

"Xa hai oito anos que as Nacións Unidas están en Haití e non puxeron en marcha esta comisión. Segundo a información de que dispoño, non se creou en ningún país"

En opinión de Joseph, "Haití é dobremente vítima, non só do cólera, senón tamén dunha ocupación ilegal por parte da ONU, posto que non había ningunha guerra no país nin representaba ningunha ameaza para a rexión, nin para Cuba nin para a República Dominicana".

As misións da ONU como a de Haití asinan un acordo denominado Status of Force Agreement (SOFA). "Este acordo", sinala Mario Joseph, "prevé que os soldados da ONU teñan unha inmunidade penal, pero non civil, por iso cando hai un dano deben pagar por iso". O letrado aclara que este dano debe ser reclamado dentro dos seis meses seguintes a cando se produce, entón créase unha comisión de tres membros para examinar as consecuencias. Un deles elíxeo o Goberno de Haití, outro as Nacións Unidas e o terceiro de común acordo. "Xa hai oito anos que as Nacións Unidas están en Haití e non puxeron en marcha esta comisión. Segundo a información de que dispoño, non se creou en ningún país", afirma Joseph. E engade: "Presentamos a demanda acusando a ONU de introducir o cólera en Haití, presentámola na oficina do secretario xeral en Nova York, e en Haití. O mecanismo establecido polo SOFA non se puxo en marcha. Non nos dan ningunha xustificación. Eles confunden inmunidade con impunidade. Debemos deixar claro que a inmunidade non é impunidade. O SOFA impide que presentemos un xuízo penal contra os soldados da ONU, pero non unha demanda civil. Desde a oficina do secretario xeral deron acuse de recibo da demanda o 29 de decembro de 2011. Entón dixéronnos que darían unha resposta "nun tempo razoable". Non sabemos que entenden por tempo razoable porque xa hai dez meses. Imaxina se as Nacións Unidas levaran o cólera a Estados Unidos, a Francia ou a España. Seguro que xa terían resolto algún tipo de escusas".

A demanda solicita cen mil dólares por cada haitiano morto e cincuenta mil por cada enfermo. Ademais esixe unha compensación ao país, non en cartos, senón mediante a creación dunha infraestrutura para a auga potable

A demanda solicita cen mil dólares por cada haitiano morto e cincuenta mil por cada enfermo. Ademais esixe unha compensación ao país, non en cartos, senón mediante a creación dunha infraestrutura para a auga potable. Nada diso foi atendido polas Nacións Unidas. "O cólera propagouse porque en Haití non existe un sistema de subministración de auga potable. Ante a grave situación do país e a destrución que provocou o terremoto, as Nacións Unidas debían controlar sanitariamente os soldados antes de traelos, debían tomar moitas máis precaucións, en especial no referente a unha enfermidade coma o cólera que xa se sabía que é endémica en Nepal. Non é unha xustificación dicir que en Haití non había infraestruturas, iso non exime de responsabilidade a ONU no deber de controlar o estado de saúde do continxente militar", afirma o avogado. Hoxe os novos enfermos de cólera xa están a ser ben tratados e non se están producindo mortes, os enfermos son poucos e en lugares remotos onde non se están aplicando as recomendacións sanitarias.

"A demanda", engade o avogado, "pide tamén que poñan en marcha a comisión porque hai casos de violacións, roubos, pedofilia. Isto é importante porque esta comisión nunca se creo en ningún país e o noso obxectivo é que se cree por primeira vez e así sente un xusto precedente

"A demanda", engade o avogado, "pide tamén que poñan en marcha a comisión porque hai casos de violacións, roubos, pedofilia. Isto é importante porque esta comisión nunca se creo en ningún país e o noso obxectivo é que se cree por primeira vez e así sente un xusto precedente. Se se crea esta comisión, pódense expor indemnizacións".

"O máis indignante", afirma Joseph, "é que os dereitos humanos son observados para os países poderosos pero non nos países pobres"

"O máis indignante", afirma Joseph, "é que os dereitos humanos son observados para os países poderosos pero non nos países pobres. É necesario apuntar cara a eses grandes países que son os responsables nas Nacións Unidas polo que está a pasar en Haití. Ante a traxedia do cólera, ademais de levalo aos tribunais haitianos e de Nova York pensamos en dirixirnos á xustiza de Nepal, pero descartámolos porque pensamos que os nepalís son só outras vítimas como os haitianos. As Nacións Unidas están dirixidas por cinco países que impoñen a súa orde ao resto. Nepal só é un instrumento que as grandes potencias utilizan para ocupar Haití, é outra Estado vítima coma nós".

Mario Joseph traballa desde hai 16 anos como defensor de dereitos humanos en Haití. É director dun despacho de avogados internacionais onde representan e asisten vítimas de violacións, especialmente aos máis pobres e vulnerables de Haití. Diríxense tanto aos tribunais do seu país como a instancias internacionais coma a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos. "Estamos a traballar tamén en desenvolver grupos de presión dentro dos países poderosos para concienciar sobre o crime do cólera. En Estados Unidos 64 membros do Congreso escribíronlle unha carta á súa embaixadora na ONU para dicirlle que había que facer xustiza con Haití, en Inglaterra tamén atopamos apoio. O asunto tratouse no exame periódico de dereitos humanos de Haití no Consello de Dereitos Humanos en Xenebra o pasado marzo. Moitos países, como Venezuela, Cuba ou Paquistán, pediron entón unha compensación polos casos de cólera. Até agora a UE non se pronunciou sobre o tema. Para nós sería bo poder ir a España ou a Italia contar este problema porque fai falla que se coñeza".

"Até agora a UE non se pronunciou sobre o tema. Para nós sería bo poder ir a España ou a Italia contar este problema porque fai falla que se coñeza"

Joseph non deixa de insistir na ilegalidade da ocupación de Haití polos cascos azuis. "Moita xente foi asasinada, violada e non poden obter xustiza, como avogados parécenos escandaloso, porque non puxeron en marcha ningún mecanismo para garantir a protección dos dereitos humanos. É a inmunidade total, vivimos unha discriminación incomprensible". Outra perversión que sinala Joseph é que os países pobres reciben moita presión por parte de Estados Unidos para enviar tropas ás misións da ONU, os países pobres do Terceiro Mundo reciben diñeiro da ONU cando envían soldados como cascos azuis.

Outra perversión que sinala Joseph é que os países pobres reciben moita presión por parte de Estados Unidos para enviar tropas ás misións da ONU, os países pobres do Terceiro Mundo reciben diñeiro da ONU cando envían soldados como cascos azuis

O traballo de Mario Joseph en Haití é titánico e rodeado de ameazas. Representa ás vítimas da ditadura de Duvalier, cuxo réxime se caracterizou polo terror e á corrupción, e tamén defende a numerosos presos políticos que existen nos cárceres haitianos. O pasado mes de xullo Joseph dirixiuse á Comisión Interamericana de Dereitos Humanos para pedir unha investigación pola sistemática violación dos dereitos humanos no seu país. Desde que chegou o Goberno de Michel Martelly, en maio de 2011, producíronse ameazas á prensa, detencións arbitrarias, mesmo se detivo a un deputado en funcións. Joseph denuncia que "en Haití hai miles de desprazados internos vivindo en campos cuxos dereitos fundamentais son violados constantemente".

Desde que chegou o Goberno de Michel Martelly, en maio de 2011, producíronse ameazas á prensa, detencións arbitrarias, mesmo se detivo a un deputado en funcións

Este compromiso fíxolle vítima de constantes ameazas, tanto telefónicas como pintadas que se poden observar na fachada do seu despacho. Non só non atopou no Goberno ningún apoio na súa petición de indemnización para as vítimas do cólera e para o país, senón que recentemente o ministro de Xustiza Jean Renel Sanon, molesto polas actividades de Joseph en defensa dos dereitos humanos e nun xesto de clara violación da independencia xudicial, esixiulle ao fiscal que emitise orde de detención contra o avogado. O acoso chegou mesmo até ordenar o cesamento o pasado 26 de setembro do fiscal Jean Renel Sénatus por non atender a orde do ministro. Iso xerou unha campaña de denuncia da Asociación Internacional de Xuristas Demócratas, á que pertence Mario Joseph, e unha acción urxente de Amnistía Internacional.

Enfermos de cólera en Porto Príncipe, capital de Haití © Utenriksdept

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.