Repensando Europa dende Galicia

Imaxe do primeiro congreso, celebrado o pasado ano en Pontevedra © IGADI

Coincidindo cun novo aniversario da participación de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas (1933) este luns e martes desenvólvese en Pontevedra o II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia. Baixo o título Repensar Europa desde aquí, a cita busca "abrir un espazo de reflexión para pensar Europa desde aquí, a partires da nosa propia experiencia, necesidades e intereses".

O acto de inauguración terá lugar ás 16 horas, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra (Uvigo). Ás 16.30 iniciarase formalmente o congreso cunha Conferencia Inaugural titulada “Galeguismo e Europeísmo” a cargo de Camilo Nogueira. Ás 18 horas, abrirase a primeira sesión, de carácter Político-Institucional, baixo o título “Europa, de novo na encrucillada”. Moderada por Celso Cancela Outeda (Uvigo), participarán de Antonio C. Pereira Menaut (USC), Argimiro Rojo Salgado (Uvigo) e Ana Ramos Barbosa (Fundación Galicia-Europa).

As sesións continuarán o martes a partir das 10 horas coa apertura da Sesión Económica baixo o título de “Europa na mundialización”. Moderada por Carmen Novas Ferradás (Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade), participarán Anxo Calvo Silvosa (UDC), Xavier Vence Deza (USC), e Xavier Martínez Cobas (Uvigo). Ás 12:00 horas comezará a sesión Socio-Cultural, baixo o título: “Días contados para a Europa do benestar?”. Moderada por Álvaro Xosé López Mira (Uvigo), participarán os profesores da Universidade de Vigo Albino Prada Blanco, Celso Cancela Outeda e Constantino Cordal Rodríguez. A partir das 16 horas comezará a derradeira sesión deste Congreso, baixo o título de “Europa, no mundo con voz propia”. Baixo a moderación de Roberto Mansilla Blanco, analista do IGADI, esta sesión contará coa participación de Rafael García Pérez (USC), Sandra Dias Fernandes (Universidade do Minho) e Cristina Manzano (directora de Esglobal).

O II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia finalizará ás 18:30 horas, cunha sesión de clausura que, baixo o título de “A idea de Europa”, contará coa conferencia de Eduardo Olier Arenas, director do Instituto Choiseul e experto en xeoeconomía. Este acto será presentado por Juan Manuel Corbacho Valencia, vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.

O Congreso busca "reflexionar sobre o que actualmente acontece en Europa", "impulsar a conciencia cívica sobre os retos e potencialidades que para Galicia representa o espazo europeo en todas as súas dimensións", "suxerir propostas, diagnósticos, estratexias e marcos de actuación que permitan un maior aproveitamento das posibilidades que brinda Europa para afondar no noso progreso e benestar" e "visibilizar a tradición de estudos internacionais de Galicia e a presenza de Galicia en Europa".

 

Cartel do Congreso © IGADI
Imaxe do primeiro congreso, celebrado o pasado ano en Pontevedra © IGADI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.