Un líder opositor a Maduro autoproclámase presidente de Venezuela e Trump recoñéceo como tal

Juan Guaidó, autoproclamándose presidente de Venezuela CC-BY-SA Praza Pública

O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, recoñeceu o líder da oposición venezolana Juan Guaidó como o presidente lexítimo de Venezuela, logo de que este se autoproclamase como tal.

Guaidó, presidente da Asemblea Nacional, confirmou que asumirá o cargo de presidente interino da República citando unha cláusula da Constitución. Con todo, Guaidó non dixo cando tomará a decisión: "Fareino no seu momento". 

O líder opositor fixo o xuramento activando o artigo 233 que establece que poden existir faltas absolutas do presidente da República e que estas poden ser decretados polo Parlamento cuando exista "abandono do cargo", algo que a Asamblea Nacional cre que é unha realidade desde 2017 por "incumprimento de deberes constitucionais por parte de Maduro". 

"Xuro asumir formalmente as competencias do Executivo Nacional como presidente encargado de Venezuela", dixo entre aplausos e vítores dos manifestantes Juan Guaidó que dixo ter como obxectivo "lograr un goberno de transición e ter eleccións libres".

Trump tomou a decisión de recoñecer a Guaidó esta semana, coincidindo coa convocatoria de manifestacións deste mércores que percorreron varias cidades de Venezuela contra o goberno de Nicolás Maduro tras a súa toma de posesión. A Casa Branca confirmou nun chío que recoñecía a Guaidó como "presidente interino" logo de que o pasado martes, o vicepresidente Mike Pence emitise unha mensaxe de apoio aos venezolanos convocados para manifestarse na rúa, afirmando que tiñan "o apoio inquebrantable de EEUU".

Trump reuniuse este martes co asesor de seguridade nacional, John Bolton, e cunha delegación de congresistas republicanos de Florida para discutir o asunto, segundo revelou unha fonte do Congreso á CNN.

Desde o Goberno de Venezuela advertiuse de que se os opositores "se deixan levar polo extremismo" deberán tomar as accións necesarias mentres outras marchas de apoio a Maduro percorreron varias localidades do país caribeño e seguidores chavistas chamaban a mobilizarse. 

Manifestación de apoio a Maduro e ao Goberno de Venezuela este mércores © PSUV

"Hoxe, recoñezo oficialmente ao presidente da Asemblea Nacional de Venezuela Juan Guaidó como presidente interino de Venezuela. No seu papel como única rama lexítima do Goberno elixida debidamente polos cidadáns venezolanos, a Asemblea Nacional invocou a Constitución nacional para declarar a Nicolás Maduro ilexítimo e a presidencia, xa que logo, vacante. O pobo venezolano manifestouse con valentía contra Maduro e o seu réxime, e pediu liberdade e o estado de dereito", dixo Donald Trump mediante un comunicado.

Como reflicten varios medios internacionais, Canadá tamén tería recoñecido a Guaidó como novo presidente de Venezuela, ao igual que o Brasil, o Paraguay, Colombia, Perúa, Eucador ou Costa Rica. México e Bolivia, no entanto, manifestaron o seu apoio a Maduro.

Reacción de Maduro

Tras autoproclamación de Guaidó como novo presidente, Nicolás Maduro reivindicou a súa lexitimidade como máximo mandatario de Venezuela. Despois do aval de Washington á operación, Maduro acusa a Administración estadounidense de "impoñer a través dun golpe de estado un goberno monicreque aos seus intereses en Venezuela" e deu 72 horas ao persoal da embaixada dos EUA para abandonar o país. 

Maduro: "Pido ás Forzas Armadas máxima lealdade, máxima unión, máxima disciplina"

"Comeza a mobilización permanente do pobo", dixo Maduro nun discurso ante miles de persoas fronte ao palacio presidencial de Miraflores no que non nomeou directamente a Guaidó pero desde o que falou de " golpismo" contra o goberno democrático de Venezuela. "Pido ás Forzas Armadas máxima lealdade, máxima unión, máxima disciplina", dixo. 

Federica Mogherini, alta representante da UE para asuntos exteriores © Comisión Europea

A UE pide eleccións

Mentres, fronte ao recoñecemento de Guaidó como presidente de varios Estados e o entusiasmo co que o seu movemento foi recibido en forzas políticas españolas como PP ou Ciudadanos, a Unión Europea reclama eleccións anticipadas a Nicolás Maduro e recoñece a "lexitimidade democrática" de Juan Guaidó como presidente da Asemblea Nacional venezolana. Pero non o recoñece como presidente do país.

"A UE pide encarecidamente o inicio dun proceso político inmediato que conduza a eleccións libres e cribles, de conformidade coa orde constitucional"

Como informa Andrés Gil para eldiario.es, nun comunicado difundido pasadas as once da noite, a Alta representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e vicepresidenta da Comisión Europea, Federica Mogherini (membro do PD italiano), afirmou: "A UE pide encarecidamente o inicio dun proceso político inmediato que conduza a eleccións libres e cribles, de conformidade coa orde constitucional. A UE apoia plenamente á Asemblea Nacional como a institución elixida democraticamente, cuxos poderes deben ser restaurados e respectados. Os dereitos civís, a liberdade e a seguridade de todos os membros da Asemblea Nacional, incluído o seu presidente, Juan Guaidó, deben ser respectados. O pobo venezolano ten dereito a manifestarse pacificamente, a elixir libremente aos seus líderes e a decidir o seu futuro". A petición a Maduro chega ás dúas semanas de asumir a reelección como presidente de Venezuela tras unhas eleccións que a Unión Europea cualificou como "non libres nin cribles". 

Así e todo, antes xa se pronunciara o presidente do Consello Europeo, a institución comunitaria que reúne os 28 xefes de Goberno da UE, nun sentido diferente. O polaco Donald Tusk, dirixente do PP Europeo, reaccionou en Twitter á autoproclamación de Juan Guaidó como presidente de Venezuela. "Espero que toda Europa se una en apoio ás forzas democráticas en Venezuela", tuiteou Tusk. O presidente do Parlamento Europeo e dirixente de Forza Italia, partido de Silvio Berlusconi, Antonio Tajani, apoiou tamén a Guaidó:

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.