Unha folla de ruta para resolver o conflito entre Turquía e o Kurdistán

Abdullah Öcalan Dominio Público Praza Pública

Trece anos son os que leva o presidente do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), Abdullah Öcalan, nunha prisión na illa turca de Imrali, o chamado Guantánamo europeo. O seu illamento é, quizais, dos máis estritos que existe: segundo a International Initiative Freedom for Abdullah Öcalan, “non conta con medios que lle permitan cambiar opinións con xente de fóra da prisión; non pode escribir nin recibir cartas; non se lle permite realizar chamadas telefónicas nin recibir visitas de ninguén, agás dos seus irmáns ou avogados”. O illamento, porén, é mesmo peor desde xullo de 2011, xa que non lle permiten ver aos seus avogados.

Öcalan “non conta con medios que lle permitan cambiar opinións con xente de fóra da prisión; non pode escribir nin recibir cartas; non se lle permite realizar chamadas telefónicas nin recibir visitas de ninguén, agás dos seus irmáns ou avogados”

Quen pode explicar todo isto é Mazlum Dirç, un dos avogados do presidente do PKK, que pasou un día por Madrid para presentar o novo libro de Öcalan, Hoja de Ruta (Txalaparta, 2013), un marco xeral coas chaves deste para que remate por fin o conflito entre Turquía e o Kurdistán, que deixou xa 40.000 mortes e 4.000 vilas derruídas.

En 2009, o Estado turco comezou un diálogo secreto con Öcalan para traballar, pensaban os kurdos, no que sería o derradeiro proceso de paz. O actual director do Servizo de Intelixencia Nacional turco, Hakan Fidan, que encabezou naquel ano a delegación estatal no diálogo, pediulle ao líder kurdo que realizase un resumo dos seus puntos de vista. 

En 2009, o Estado turco comezou un diálogo secreto con Öcalan para traballar, pensaban os kurdos, no que sería o derradeiro proceso de paz

Öcalan, entón, redactou o que agora é este libro, que enviou á Corte Europea de Dereitos Humanos como parte dunha queixa pendente desde o 2003 sobre as súas condicións de illamento. Porén, Turquía confiscou o escrito e tardou 18 meses en facer entrega da misiva. “Nunca antes pasou, dixo Estrasburgo, que alguén non puidera enviar a súa defensa”, afirma Mazlum Dirç. O obstáculo turco deixou entrever que o que parecía un diálogo serio non o era tanto. Así quedo demostrado finalmente no ano 2011, cando Turquía irrompeu as conversas e endureceu o illamento de Öcalan.

Dirç explica, non obstante, que debido a guerra en Siria e aos acontecementos que están tendo lugar en Oriente Medio, Turquía viuse presionada para comezar un novo diálogo en 2012. Porén, seguen sen dar pasos. “Xa no primeiro proceso, entre 2009 e 2011, a guerrilla kurda comezou a retirarse mentres Turquía non facía nada. Neste segundo proceso, iniciado en 2012, a guerrilla, aínda que mantén o alto ao fogo, xa non se retira ata que Turquía tamén faga algo”, di o avogado de Öcalan.

“Öcalan é una figura clave para a resolución do conflito, por tanto as súas condicións son esenciais. Precisa falar coa prensa, coa xente, cos intelectuais, etcétera”

Para el, o proceso de paz non poderá avanzar moito mentres eles, os avogados, non poidan contactar con Öcalan. A incomunicación impide que haxa progresos. Por que? “Öcalan é una figura clave para a resolución do conflito, por tanto as súas condicións son esenciais. Precisa falar coa prensa, coa xente, cos intelectuais, etcétera”.

Pese a que a folla de ruta foi escrita para o dialogo de paz do 2009, Dirç opina que o libro ben vale para o proceso actual. “O bo deste libro é que non son demandas kurdas, senón propostas para a democratización de Turquía, xa que Öcalan e os kurdos pensan que o proceso só se resolverá se Turquía consegue democratizarse”, apunta. Por iso, lembra, “o pobo do Kurdistán apoiou as revoltas que tiveron lugar hai pouco en Turquía”.

“O bo deste libro é que non son demandas kurdas, senón propostas para a democratización de Turquía"

O problema de fondo, segundo o prólogo que escribe Arnaldo Otegi desde o cárcere, “non é, nin agora nin antes, a violencia”. “O problema está na negativa a aceptar escenarios democráticos onde as aspiracións sinceras dos pobos (calquera que sexa dita aspiración), sexan respectadas. Esa é a gran diferencia entre a actitude que mostra o Estado español ante as nacións vasca e catalá e o Estado turco ante a nación kurda e o modelo de arranxar a mesma controversia que mostran o Goberno canadense e o Goberno británico ante as aspiracións quebequesas ou escocesas. En definitiva, a diferenza está na carencia democrática de ditos réximes, directos herdeiros de Estados ditatoriais que careceron de reais e profundas rupturas cos mesmos. É a falta de cultura democrática o que leva a que os dos Gobernos opten pola represión e a negación ante lexítimas aspiracións. O problema non é vasco ou kurdo, o problema non é catalán; o problema é español, o problema é turco”.

"O problema non é vasco ou kurdo, o problema non é catalán; o problema é español, o problema é turco”

É importante recordar, conta o avogado, que Öcalan non propón unha autonomía territorial do Kurdistán, senón unha autonomía democrática dentro de Turquía. O líder kurdo aínda confía en que isto sexa posible. “E non se sentirá libre se sae da cárcere, senón cando o pobo kurdo sexa libre”, afirma o avogado.

Mazlum Dirç Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.