10 anos do 15M: das prazas e do Pazo

Asemblea do 15M na Praza do Obradoiro CC-BY-SA Merixo

Lembro con nitidez aquela tarde da primeira convocatoria de mobilización do 15M. Ía cunha amiga e coas nosas crianzas pequenas, avanzabamos pola Alameda e Porta Faxeira,  xuntándonos  cada vez  con  máis persoas que sentiron, coma nós,  a necesidade  de sair á rúa para expresar un malestar social e denunciar a corrupción política, as desigualdades, as inxustizas e a precaridade laboral. Unha manifestación para esixir máis democracia nun contexto no que a resaca da crise económica anulara a posibilidade dun traballo digno e dun teito, especialmente para a xente moza. A partir daquela primeira saída en Santiago e en máis de 200 prazas de todo o Estado español, os espazos públicos fóronse enchendo de acampadas e protestas baixo lemas tan cristalinos e contundentes como o “Non nos representan” ou “Chámanlle democracia mais non o é”. O impulso partiu dunha xeración vinte anos máis nova que a miña, que cuestionaba e debatía de forma intelixente o conxunto dun sistema e recuperaba as prazas non só como lugares simbólicos e mediáticos senón tamén como ágora pública de intercambio e deliberación de propostas cidadás.

Dez anos despois, lembrar o 15M significa unha mestura de vertixe e certa nostalxia. Vertixe porque sería moi pretencioso querer condensar calquera tipo de análise sobre ese movemento, e nin tan sequera é ese o obxectivo desta breve reflexión. Nostalxia porque foi un dos momentos nos que a cidadanía de a pé  -as de abaixo-  conseguiron evidenciar e denunciar a hexemonía neoliberal e a escravitude moderna dun sistema con moitísimos déficits democráticos.

Só tres anos despois do inicio da crise do 2008, as costuras da nosa sociedade non facían máis que racharse. Unha crise provocada pola avaricia e a cobiza dos bancos pero que estaba a pagar a xente do común. Con continuos recortes que afectaban a aqueles  homes e mulleres que sobrevivían en condicións de maior vulnerabilidade social. E dentro destes colectivos de risco e nos que as políticas de axuste e austeridade máis se estaban a cebar, especialmente a mocidade.

O sentimento de indignación percorría o mundo dunha punta a outra, a través das primaveras árabes iniciadas no comezo do inverno de 2010; as caceroladas islandesas que derrocaron un goberno e mesmo unha constitución; ou as multitudinarias manifestacións da ‘Geração à rasca’ ao noso carón,  en Portugal, celebradas só un par de meses antes. Ou xa, posteriormente ao noso 15M, ‘Occupy Wall Street’ no mesmo corazón do capitalismo financeiro. Un malestar que percorría o mundo enteiro que xa cristalizara en movementos como a PAH ou Stop-Desahucios anos antes, e que no noso país recollía a testemuña da protesta de mobilizacións históricas como a do ‘Nunca Máis’ ou a do ‘Non á guerra’. E por suposto, o feminismo estivo alí no corazón destas mobilizacións para lembrar unha vez máis que cuestionar o sistema financeiro e a austeridade implica tamén combater o patriarcado e  colocar os coidados no centro.

Mentres tanto, naquela Compostela de 2011, o alcalde Bugallo estaba a piques de perder as eleccións deixando a alcaldía nas mans de Conde Roa. Se nalgo coincidían ambos era no pouco que empatizaban coas mobilizacións e a acampada do Obradoiro. Resultaba evidente que as reivindicacións de maior transparencia, de impulsar mecanismos de representación directa, de transformar as institucións abríndoas á cidadanía, ou de avanzar en políticas feministas, non ían con eles, dous políticos engraxados no patrón da vella política. O acontecido despois é de todas ben coñecido: o Concello de Santiago apareceu como un foco de corrupción e corruptelas sistematizadas con varias investigacións xudiciais. A Compostela dos tres alcaldes do PP foi unha vergoña e o paradigma contrario ao que o 15M pretendía representar.

E foi a cidadanía, nunha nova primavera inspirada na forza do 15M, así como nas loitas e tradicións máis transformadoras e combativas, quen conseguiu desaloxar democraticamente  a Pokemon de Raxoi. Foi Compostela Aberta quen lle fixo fronte á tentativa de Feijóo de querer tapar os tres anos negros de escándalos e corrupción do PP no goberno municipal  de Santiago. Diante da inacción dos partidos tradicionais, do PSOE e do BNG, foi unha candidatura de unidade popular quen recuperou a dignidade para a capital de Galicia.

Ao igual que noutras cidades galegas e do resto do Estado, a nosa foi unha candidatura municipalista como resultado da confluencia de diversas militancias e traxectorias, de esquerda partidaria mais tamén da esquerda social e dos movementos que conformaron  o soporte cidadá. Somos, polo tanto, resultado directo dos desexos de mudanza da cidadanía cristalizadas hai agora 10 anos durante o 15M.

En 2015 fomos quen de servir de catalizador de todo ese descontento e indignación  relacionado coa degradación política e institucional á que o Partido Popular someteu a nosa cidade. Mais non xurdimos da nada: catro anos antes xa sairamos ás rúas sentíndonos  parte da enerxía do 15M e tamén debedores de toda a traxectoria transformadora e de activismo social anterior. E con nós chegou tamén un programa transformador, que colocaba as persoas no centro, que se esforzaba por exercer a dación de contas, por transparentar a actividade municipal, por aumentar a capacidade de decisión da cidadanía, por cuestionar o estado das cousas e, en definitiva, por abrir o Concello ás persoas. E por todo iso fomos obxectivo dos máis feroces e despiadados ataques mediáticos, con mentiras e manipulacións que hoxe son máis que evidentes. Fomos un goberno que tivo acertos e tamén erros, mais é evidente que os poderosos querían desaloxarnos canto antes, porque conseguimos marcar un antes e un despois na vida política e institucional de Santiago de Compostela.

Hoxe, 10 anos despois, moitas das mensaxes de xustiza social e obxectivos do 15M  permanecen na axenda política, a maioría sen resolver aínda, agudizándose as desigualdades por mor dun sistema financeiro que non mudou e unha pandemia que golpea social e económicamente con máis forza ás persoas vulnerables. Hoxe, 10 anos despois, voltamos ás Prazas, nunca marcharamos. Achegamos conciencia crítica cidadá, molestamos porque temos a capacidade de cuestionar o modelo e de sinalar as súas eivas. Unha vez máis, incomodamos ao sistema porque insistimos en procurar e imaxinar outro mundo e outra Compostela. Un mundo  e unha cidade que non só é posible senón que é urxente e máis necesario que nunca mudar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.