Somos iguais, somos diferentes

Dinos Alain Touraine  que un dos grandes obxectivos de hoxe ten que centrarse en recoñecer que o ser humano integra en si mesmo a diversidade cultural e o concepto universal e único de cidadanía. Unha forma de simbiose que o define como singular e universal, sen contradición algunha.

Dinos Alain Touraine  que un dos grandes obxectivos de hoxe ten que centrarse en recoñecer que o ser humano integra en si mesmo a diversidade cultural e o concepto universal e único de cidadanía

En base a este principio, no espazo social europeo están consolidándose novos movementos socio-culturais que toman distintas formas co obxectivo de afirmar ante as forzas dominantes o seu dereito a ser. Estes movementos non nacen  só en función do grupo social ao que pertencen, pola súa situación socio-económica, os distintos suxeitos que o forman; senón, tamén, ao que son: galegos, mulleres, homosexuais, inmigrantes, ecoloxistas, etc. Temos que pensar que as categorías sociais tradicionais están moi fragmentadas ao tempo que a andamiaxe social está sendo laminada pola forza dos mercados globalizados. En definitiva, a armazón institucional creada ao longo do século XX vive moi debilitada. Todo isto contribúe á progresiva desocialización, e, xa que logo, á desvertebración das sociedades.

A armazón institucional creada ao longo do século XX vive moi debilitada. Todo isto contribúe á progresiva desocialización, e, xa que logo, á desvertebración das sociedades

Daquela, os individuos tenden a ficar sós, atomizados, temerosos, desmoralizados e con escasas referencias institucionais con capacidade vertebradora e liberadora. En consecuencia, ao estar en decadencia e moi deteriorada a actual realidade socio-política,  pouco máis  lles queda que a súa realidade individual. Tentar ser eles mesmos en comuñón con outros suxeitos que teñan a mesma pretensión: o dereito a afirmarse na súa identidade, de personalizarse contra toda dominación, de construír vínculos de unión dende a súa realidade existencial para loitar por unir novamente a dimensión instrumental, monopolizada polo poder económico, co mundo das necesidades humanas. De tal maneira que a afirmación en si mesmo como suxeitos portadores de dereitos, de singularidades culturais, de capacidades creativas e de arelas de ser, semella a  realidade máis sólida á que se pode apreixar o individuo de hoxe para tentar soldar a fragmentación actual e poder reconstruír a descomposición que se está a producir na esfera do social e do político. Este volverse sobre un mesmo posibilítanos recoñecernos primeiro como suxeitos de dereitos, pero tamén, polas distintas singularidades que nos dan forma e nos individualizan.

Para liberarse dese illamento, da impotencia e deshumanización; en definitiva, da despersonalización na que está a vivir, ao non haber ningún referente liberador fóra del ao que asirse, ten, xa que logo, a necesidade imperiosa de volverse sobre si mesmo

En definitiva, o noso ser vese conformado pola universalidade de ser humano, pero logo, pola pluralidade das distintas categorías que o forman en función do xénero, da cultura, das ideas, etc. É dende a identidade individual; en comuñón con outros suxeitos que teñen vontade de ser, de desenvolverse autonomamente, como debe construírse cada individuo, e dende aí, cada sociedade. Desta maneira dámoslle significado creativo á nosa singularidade.

Pensamos que esta é a forma máis axeitada que o ser humano ten para definirse hoxe, en función do que é, do que arela e do que fai. Este proceder debe dar sentido á nosa existencia porque debe ser o núcleo integrador e potenciador dunha nova sociedade que posibilite a centralidade, a liberdade e a igualdade do ser humano, arrebolado hoxe no fondal do sistema.

É evidente que o individuo, neste intre, está quedando illado, instrumentalizado e impotente perante un poder impersoal que destrúe a súa humanidade. Para liberarse dese illamento, da impotencia e deshumanización; en definitiva, da despersonalización na que está a vivir, ao non haber ningún referente liberador fóra del ao que asirse, ten, xa que logo, a necesidade imperiosa de volverse sobre si mesmo, de ensimismarse para recoñecerse na súa realidade e rachar así coa devandita alienación. Desta forma poderá encontrar os alicerces que lle permitan crear novos horizontes humanizadores. Neste esculcar en si mesmo debe tomar conciencia da súa dignidade, dos dereitos que dela emanan e da súa singularidade; de todas as potencialidades, en definitiva, que o conforman; recoñecendo así o que é nos estratos que o forman e o motivan, para logo, poder construírse na loita común con outros suxeitos iguais en dignidade.

É dende os dereitos que emanan da nosa individualidade, que, á súa vez, bebe de distintas categorías culturais, onde hoxe podemos afirmarnos fronte ás forzas impersoais dos mercados, do consumismo, dos medios de comunicación de masas

É dende os dereitos que emanan da nosa individualidade, que, á súa vez, bebe de distintas categorías culturais, onde hoxe podemos afirmarnos fronte ás forzas impersoais dos mercados, do consumismo, dos medios de comunicación de masas, dos integrismos ou doutras forzas alienantes para o individuo. Estes dereitos están máis alá da realidade social e política, e, polo tanto, transcenden o particular á vez que emanan da propia dignidade do ser. Daquela, son o principio máis sólido e máis axeitado sobre o que podemos construír a nosa vida neste intre. Cómpre, pois, traballar por institucionalizar en comuñón cos demais suxeitos que recoñecemos como iguais unha nova sociedade que respecte e potencie a liberdade de ser, de construírse como suxeitos conscientes que actúen dende o respecto dos dereitos fundamentais, do pensamento racional e da diversidade cultural; en definitiva, un suxeito afirmado na súa individualidade, na súa universalidade e na súa vontade de ser.

Cómpre, polo tanto, loitar por unha sociedade na que o individuo asuma a centralidade en base á defensa dos seus dereitos e á súa singularidade. De xeito que universalidade e singularidade se complementen e substancien na concreción que é cada ser humano. Este ser universal e concreto, portador de dereitos inalienables que se fundamentan na súa dignidade, e con vontade de ser, é o único alicerce que lle queda ao individuo de hoxe para construír un mundo á altura das necesidades humanas, un mundo en equilibrio que rache coa progresiva polarización e fragmentación que se está a producir na actualidade e que empoleire ao individuo por enriba das estruturas creadas para ser.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.