O marxista impúdico

"O Bloque é coma esas nais que lle queren moito aos nenos pequenos e aprétanos tanto que os abafan"

Se leron a entrevista ao presidente da Academia Galega en V Televisión saberán que a froiteira Marisol acabou falando galego seducida polo académico e non, madía-leva, por ese abrazo silandeiro e invisíbel do poder que o investiu: do patricarca e do académico, autor de vinte libros, tan sabio e tan pulcramente vestido. Do cliente das chirimoyas (anonas).

Se leron a entrevista, hogano han saber que Alonso Montero afirma que non é marxista, debe ser por iso que se permite unha lectura do marxismo contada ás crianzas, moi  á altura do narcisismo da época e das explicacións ao uso da suposta desafección verbo do idioma que padecemos os galegos. O galeguismo non ten de ser unitario porque é ideoloxicamente diverso, mais ten que ser galeguista. Até aquí.  Montero abandona o campo de batalla da economía como espazo de intervención e abraza a fascinación do management e da sedución. O profesor gosta de asumir o papel de friqui.

Para el, esa desafección é plantexada como se os galegos tivésemos un problema de demanda, cando é, sobre todo, de oferta. Por outras palabras, é como se o  académico non aceptara que a política actual é banal, que é subsidiaria da economía, que se activa como simulacro e espectáculo, que é líquida até a solidificar como incoherencia. En fin, converter o devalo nos usos lingüísticos do galego e a incoherencia dalgúns homes póstumos (Pedrayo, Carvalho Calero, etc)  na suposta desafección idiomática nas cidades é o xeito máis ou menos púdico de rebotar a crítica do sistema cara  unha parte organizada da cidadanía para non facelo cara ao resto de institucións.

O que fica é a deserción do Presidente da AG e o desconcerto que provoca a inconsistencia entre o táctico e o impúdico, cando algunha responsabilidade deben ter Montero e o resto de académicos da situación da lingua, da irritante lentitude da Academia, por non dicir da incapacidade para prever o devalo. Mais o que de verdade apouquenta é esa sedución do aveso dirixida ás crianzas. Faltoulle dicir que cando chegaba aos sitios non falaba galego para que non o identificaran co Bloque, “porque no mola”.

Cómpre ser moi preciso á hora de diagnosticar e saíulle unha ontoloxía xeral da eterna loita dos opostos normalizadores. Hogano, cando todo o mundo sabe que o principal problema da normalización do idioma é o Bloque, coa súa implacábel procura de gaño, o significante galeguismo perdeu a súa mordente subversiva. Inmenso paso ontolóxico que nos leva ao mortal abrazo da mater dolorosa. O que Montero non di é que as mamais que abafan crianzas é que non teñen parella que os abrace aos dous. Porque para que haxa un neno ten de haber as figuras de mamai e papai (e variantes), cando menos de momento.  A non ser que o académico pense que os nenos son responsabilidade só das mamais. Entón ao mellor Marisol ten razón. Ao mellor aínda non o sabe. Alonso Montero, que fala en galego, é do Bloque.

O que esas declaracións poñen de relevo é o triste reverso da entrevista: a derrota. Con acerba ironía, poderíamos dicir que cada día hai máis normalizadores do idioma...contra a normalización.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.