Por cada afiliado máis hai cinco parados menos

Se os datos deste mes de xuño non causaron sorpresa por estar nos parámetros agardados, o que si nos resulta sorprendente é a reacción de Rajoy e do Goberno. A análise do emprego hai necesariamente que facela non só sobre a evolución do paro, como o fixeron, senón sobre a relación do paro coa afiliación.

A análise do emprego hai necesariamente que facela non só sobre a evolución do paro, senón sobre a relación do paro coa afiliación

Dicir exclusivamente, como se dixo, que o paro experimentou a maior baixada da serie histórica, sen engadir a continuación que se crearon 4.480 empregos menos en xuño de 2013 que no mesmo mes do ano pasado, é manipular. Se diminuíu o paro rexistrado en 127.248 persoas, pero só aumentou a afiliación en 26.853, onde van parar os 100.395 parados de diferenza?

Esta pregunta admite varias respostas. A primeira viría da cociña dos Servizos Públicos de Emprego, pero estes non recoñecerán nunca que manipulan as estatísticas. Eu persoalmente comprobeino e téñoo denunciado. Vin como a parados menores de 30 anos se lles puña durante meses un código indicando que estaban nun proceso de orientación (en realidade era unha única cita) e enganábase ao SEPE dicindo que estaban a asistir a cursos de formación co que moitos deles non computaban no paro rexistrado.

Non recoñecerán nunca que se manipulan as estatísticas, pero os datos soan a baile de códigos

O número total de demandantes inscritos diminuíu en 28.060 persoas, cinco veces menos que o paro rexistrado. O número de demandantes ocupados aumentou en 66.183 persoas, 2,5 veces máis que o que aumentou a afiliación. Os "outros demandantes non ocupados" aumentan en 34.535 persoas. Que raro é isto, que o aumento de demandantes ocupados case triplique o de afiliados; que creza o número doutros demandantes non ocupados e só baixe o de parados rexistrados. Soa a baile de códigos.

Existe unha tendencia a analizar o emprego soamente en función da variación do paro e non mirar a afiliación. Todos os meses vemos grandes titulares coas cifras do paro rexistrado e case nunca coa valoración da afiliación. Por regra xeral, as persoas que traballan están afiliadas. Con todo sabemos que hai case un millón douscentos mil parados que non están inscritos. A EPA é quen define os parados e ocupados que existen de acordo con metodoloxías e definicións avaladas internacionalmente tanto pola Unión Europea como pola OIT.

No primeiro trimestre había 16.170.487 afiliados fronte a 16.634.700 ocupados que daba a EPA, unha diferenza do 3% moi localizada, xa que non se computan na afiliación os funcionarios de Muface. Con todo, a variación do paro rexistrado co paro EPA era do 19%. A razón é obvia: a afiliación é obrigatoria, de momento, mentres que a inscrición nos Servizos Públicos de Emprego o é só para os que perciben prestacións e estes supoñen soamente un de cada tres parados.

Háselles ir a man nas especias, quizais para eliminar o cheiro a podre

Os datos soan a cociña e a manipulación estatística. Polo menos que non presuman diso. Cando se oculta un mal dato, e o dato de afiliación de xuño non é bo, que polo menos non se diga que o contrario, a baixada do paro, é o mellor da serie histórica. Háselles ir a man nas especias, quizais para eliminar o cheiro a podre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.