O 11 de setembro chileno. A prehistoria do ataque neoliberal á saúde

A imaxe e o paradoxo está ben gastado, mais non me resisto a lembralo. Nun infausto 11 de setembro varios avións dirixíronse coa intención de atacar un importante edificio nunha grande capital. Ese ataque, integrado nunha trama moito máis complexa, tivo consecuencias enormes non só polas vítimas directas causadas. Foi un ataque á democracia, foi un ataque á humanidade que abriu unha xeira de terrorismo perpetrado por uns asasinos implacábeis, que contaron coa conivencia, a inspiración e o apoio dos Estados Unidos. Fan agora corenta anos do ataque ao Palacio da Moneda en Santiago de Chile, como culminación do Golpe de Estado contra o goberno de Salvador Allende.

Ese ataque, integrado nunha trama moito máis complexa, tivo consecuencias enormes non só polas vítimas directas causadas. Foi un ataque á democracia

Na memoria disto, quero lembrar unha faceta do legado político e intelectual de Allende. Unha faceta relativamente descoñecida: érao polo menos para min, pois só reparei na súa relevancia moito tempo despois de coñecer a súa figura. É a súa faciana de médico e sobre todo de promotor do dereito á saúde, de políticas públicas en favor da mellora da saúde da poboación e da equidade en saúde. Na realidade tres obxectivos estes –o dereito á saúde, a mellora da saúde e a equidade en saúde- que conceptualmente non son senón un só.

Quero lembrar unha faceta do legado político e intelectual de Allende. A súa faciana de médico e sobre todo de promotor do dereito á saúde, de políticas públicas en favor da mellora da saúde da poboación e da equidade en saúde

Con toda a importancia da figura de Allende neste eido, o primeiro para destacar é que se sitúa nunha tradición que colocou por moito tempo a Chile como un referente no ámbito da saúde pública. Isto xa moito antes da presidencia de Allende e, ademáis, cuns logros que nin sequera a salvaxe privatización neoliberal que se produciu durante ditadura pinochetista deu borrado de todo.

A devandita tradición é a da escola latinoamericana de medicina social. Un exemplo importante da contribución á protección do dereito á saúde desde a periferia, cuxo elemento máis salientábel foi sempre a convicción de que no sur non se pode simplemente transplantar sen máis as institución desenvolvidas nos países centrais. Non, sen ter en conta as situacións de inxustiza estrutural, de subordinación colonial ou neocolonial e de violencia que afectan á saúde. Non sen ter en conta que son pouco viábeis estratexias de saúde que non poñan no primeiro plano eses e outros factores sociais da saúde e da doenza.

Con todo, a tradición latinoamericana ten algunha das súas raíces en Europa, e en concreto na figura do médico socialista alemán Rudolf Virchow (1821-1902). Virchow xa defendera moi cedo que a saúde é un asunto social tanto como médico. Non en van cando en 1848 o goberno de Prusia lle encargou que estudase e buscase un remedio ao andazo de Tifus na Alta Silesia, concluíu que o xeito de previr esta doenza era unha democracia libre e ilimitada, no entendemento de que o empobrecemento causante da emerxencia sanitaria non tería sido tolerado noutro contexto político. Unha argumentación, por certo, similar á que 150 anos despois desenvolveu o prestixioso economista e filósofo indio Amartya Sen, no senso de que a democracia é o mellor xeito de evitar a fame. Pois ben, entre os discípulos de Virchow, e dos varios que emigraron a Latinoamérica, estaba Max Westenhofer (1871-1957), que foi unha figura importante dentro da Facultade de Medicina da Universidade de Chile. A súa influencia sobre estudantes como o propio Salvador Allende contribuíu ao desenvolvemento da medicina social en Chile nas décadas do 20 e 30 do século pasado.

No teórico estabeleceu un modelo explicativo dos problemas de saúde no contexto dos subdesenvolvemento e da colonización política e cultural

A figura de Allende é importante tanto desde o punto de vista teórico como desde o punto de vista político. Xa desde moito antes de acceder á presidencia. No teórico estabeleceu un modelo explicativo dos problemas de saúde no contexto dos subdesenvolvemento e da colonización política e cultural. Do punto de vista político propuxo e levou a cabo programas consistentes con eses achados científicos. Una proba disto é a publicación en 1939, sendo Ministro de Saúde do goberno da Fronte Popular do libro La realidad médico-social chilena. Neste libro, que se pode descargar na súa edición facsímil, resáltase a relación entre as condicións de vida das clases traballadoras, o subdesenvolvemento e a dependencia, como factores xeradores de doenzas. Ao tempo inclúense unha serie de medidas e propostas de acción todas cunha visión social antes que puramente médica.

Durante os anos cincuenta, xa como senador, foi el quen propuxo a lexislación que creou o Sistema Chileno de Saúde, o primeiro en todo o continente americano (mesmo antes que no Canadá) que garantía un acceso universal aos servizos de saúde, sempre baixo a premisa de que a reforma tiña que estar conectada coa necesidade dunha distribución da riqueza máis equitativa, dunhas mellores condicións laborais, melloras en vivenda e alimentación, etc. Este sería tamén, en fin, o programa para a súa presidencia, que só puido ser levado a cabo de xeito moi parcial perante o acoso interior e exterior. Cabe lembrar aquí a oposición radical do Colexio Médico, que temía que se vise afectada a práctica da medicina privada e os seus privilexios.

Durante os anos cincuenta, xa como senador, foi el quen propuxo a lexislación que creou o Sistema Chileno de Saúde, o primeiro en todo o continente americano (mesmo antes que no Canadá) que garantía un acceso universal aos servizos de saúde

O golpe de estado pinochetista, cun apoio por parte dos Estados Unidos que está ben documentado, foi interpretado precisamente como un aviso, outro máis, pero especialmente soado, de que non se ían tolerar políticas democratizadoras e en beneficio das maiorías sociais que puxesen en causa as estruturas de poder social e político ou a subordinación efectiva dos países aos que o imperio mantiña como satélites. Como establecía un documento secreto agora desclasificado e asinado por Henry Kissinger apenas uns días despois da vitoria electoral de Allende, tratábase de “evitar que o Goberno de Allende se consolide e limitar a súa capacidade de levar a cabo políticas contrarias aos intereses de Estados Unidos e do hemisferio”.

É ben significativo que as políticas de saúde levadas a cabo pola ditadura buscasen unha ruptura coa tradición na que Allende se inserira, para levar a cabo un experimental de privatización neoliberal especialmente intenso

É ben significativo que as políticas de saúde levadas a cabo pola ditadura buscasen unha ruptura coa tradición na que Allende se inserira, para levar a cabo un experimental de privatización neoliberal especialmente intenso. Así, en 1981 levouse a cabo a grande privatización da saúde. Unha privatización, no entanto, no que como adoita ocorrer na práctica neoliberal, alén dos seus discursos, o negocio é perfectamente tutelado e garantido polo Estado, pois o pago ás aseguradoras privadas é descontado directamente dos salarios. O resultado é un grande negocio privado e unha dualización e estratificación da asistencia, na que baixo unha liberdade que non é senón teórica, os pobres e a poboación de máis risco son excluídos ou relegados a unha asistencia marxinal. Todo con desconsideración das consecuencias para a saúde da pobreza, a desigualdade e en xeral as condicións sociais.

O resultado é un grande negocio privado e unha dualización e estratificación da asistencia, na que baixo unha liberdade que non é senón teórica, os pobres e a poboación de máis risco son excluídos

Como dixera Allende no seu coñecido discurso de Guadalajara, dirixido aos estudantes mexicanos en 1972, a cuestión da saúde e da medicina ten unha vertente política e social frecuentemente esquecida: “Alá hai moitos médicos –e eu son médico- que non comprenden ou non queren comprender que a saúde se compra, e que hai miles de homes e mulleres en América Latina que non poder comprar saúde. Non queren entender, por exemplo, que canto maior pobreza maior enfermidade, e que canto maiores enfermidades maior pobreza, e que por tanto, se ben cumpren atendendo ao doente que demanda dos seus coñecementos sobre a base dos honorarios, non pensan en que hai miles de persoas que non poder ir aos seus consultorios e son poucos os que loitan por que se estruturen os organismos estatais para levar a saúde amplamente ao pobo”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.