T

O título podería ser un logotipo das pulpeiras de Santa María de Arcos e dos polbeiros da Arousa e do Morrazo: o te grande coma un quiosco  ou carrapucho eminente que ampara o punto de lume sen borralla, onde a caldeira coce os cefalópodos de Galiza dende as sabedorías dos séculos ata as galernas da desaparición dos convivios populares: aquelas tantas feiras e festas con honra e data, que así ten que ser en parte a memoria da vida. Nos ángulos da brasa, sobor dos pés da trepia que tempera a caldeira de cobre. A iconografía das tantas recaladas da nosa andaina: territorio, palabra, obra, ledicia, encanto, ensoñación…

O título podería ser un logotipo das pulpeiras de Santa María de Arcos e dos polbeiros da Arousa e do Morrazo: o te grande coma un quiosco  ou carrapucho eminente que ampara o punto de lume sen borralla, onde a caldeira coce os cefalópodos de Galiza

Mais velaí que a paisaxe pinta arestora en amarelos onde as maus dos asasinos prefiren a desolación e tisnan de cinsa dende as alturas do Pindo ata as ribeiras dos ríos que nos aman caladiños e afoutes contra a barbarie sucesiva deste e doutros séculos. Abren os ourizos o seu cuarto das esperas e deixan caer aquela outrora flor dos castiñeiros que aínda están aquí por moitos anos; son parte de nós, magostos de cariño, poesía en obra… Na aldea de Quian faremos a vendima en breve: son as uvas resistentes, as fillas da vide que xa eu soñara e larpeaba no sentempo, que era sempre infancia, rapaz, mociño, adulto, case vello. O ciclo. A reciclaxe. Un aprendiz dos universos. E coa política revirada dos arestoras cómplices chégame toda a luz do Faro de Fisterra, onde tamén agora os pelegríns do desaparecido de Jaffa, o apóstolo boíño, prantan lume nas lareiras do Cabo para que os pés da andaina despidan así aos amigos compañeiros da materia e sexa ela a cinsa ritual, o pó do vento madrugueiro, as faiscas sen luz, as avelaíñas do silencio, as alborecidas…, antes cá néboa mailas comichuras deste tempo de riso escuro e mentirán, avarento, ladrón e claudicante, suicida.

De regreso a Cangas sei que o xuri do Premio Nacional de Poesía 2013 corresponde por primeira vez ao territorio dos versos e da Lingua pertinente

De regreso a Cangas sei que o xuri do Premio Nacional de Poesía 2013 corresponde por primeira vez ao territorio dos versos e da Lingua pertinente. Resucitamos, aínda case. Espicho as augas dos adentros cara á ledicia por aquela miña memoria, outono 1971: un xornalista abre nun recanto de páxina a recensión garimosa dun primeiro libro de versos; tepunto era a sinatura do crítico, o seu icono de non trascender no DNI. A primeira vez que unha tanta mau de algures abrochaba a prol do acheite das metáforas, na esperanza dun alguén. E dende os tantos anos hónrome, honrámonos, coa vida e obra de Manuel Álvarez Torneiro. Poesía. Lingua. Trebón. Por el vai a homenaxe e o convivio da grei literaria da Terramar Noroeste que, dende Lugo, decide Betanzos, Brigantium Gallaecia, para o día 19, sábado de outono, en pé ¡Non ceses de vivir! Aínda somos, estamos. Aquí. Na brasa e no remol. Noraboa, amigo T.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.